culturagalega
consello da cultura galega

A pitonisa que todos levamos dentro

Publicado o 28 Jul 2009

pitonisaAdiviñar o futuro non é tan complicado, facémolo continuamente e nin sequera nos decatamos, xa que é unha habilidade que está completamente integrada na natureza humana, unha habilidade que explica en gran medida a enorme complexidade do sistema nervioso.

Dentro da cabeza levamos un teatro do mundo que tenta representar o futuro, e para lograr ese obxectivo usamos dúas fontes de información: a que entra polos sentidos e a que temos almacenada na memoria. As mentes que sexan máis eficaces adiviñando o futuro terán unha vantaxe evidente: iso é bo para a supervivencia, e por iso a evolución ten seleccionado aquelas máquinas que mellor fixeron a labor adiviñatoria. Mais, de que estou a falar? Como e que somos quen de predicir o futuro? O encéfalo constrúe unha imaxe particular da realidade, e o obxectivo esencial desa recreación é facer prediccións que sexan útiles para guiar o comportamento do individuo.

Hai prediccións doadas: se hai un penedo que ven directo cara a un, é mellor apartarse do seu camiño. No pasado houbo moitos animais idiotas perdidos que non fixeron adecuadamente esta predicción; a selección natural encargouse de diminuír o seu número dentro das distintas poboacións, e por iso no momento actual esa é, como xa dixen, unha predicción doada para os animais que tivemos antepasados algo mellores nisto das artes adiviñatorias.

Hai prediccións algo máis complicadas: para devolver con precisión e bos resultados unha pelota de tenis que se move a máis de 200 quilómetros por hora é preciso observar con antelación a súa traxectoria, calcular a súa velocidade e, a continuación, predicir en décimas de segundo cales teñen que ser os movementos dos músculos que van mover a raqueta e o corpo. Hai seres humanos moi bos nisto de predicir traxectorias de pelotas de tenis. Tamén hai, por poñer outro exemplo, cabras de feira moi boas en predicir os movementos musculares que teñen que facer para seguir o ritmo da música á vez que tentan non caer de riba da cadeira na que fan os seus malabarismos.

Outras prediccións esixen, ademais da entrada de información sensorial, unha gran capacidade de almacenamento memorístico do cal poder botar man. Por exemplo, no xadrez, terán unha vantaxe moi importante aqueles xogadores que poidan predicir un maior número de movementos.

Estes non son máis que exemplos para centrar un pouco o tema, porque en realidade poucas cousas das que facemos están libres do aroma dos augures. Dos augures de verdade, eses que melloran as posibilidades de supervivencia daqueles individuos que os levan dentro. Os outros, os de mentira, pitonisas, adiviños, videntes e quiromantes, parece que son bastante inmunes á selección natural, curiosamente tamén debido á idiotez, pero non á súa, senón á da xente que lles fai caso.