culturagalega
consello da cultura galega

Frases incandescentes

Publicado o 22 Sep 2009

adn_giordanoO lume da inxustiza e da senrazón parece ser un bo acicate para a elaboración de frases enxeñosas. Neste sentido a Inquisición foi unha ardente promotora. O poeta, astrónomo e filósofo italiano Cecco d’Ascoli foi o suficientemente intelixente -ou non- como para chamar a atención da igrexa e, en consecuencia, ser queimado vivo xunto coas súas obras fronte a Santa Croce, esa fermosa e estraña igrexa florentina chea de tumbas de xenios de todo tipo. Contan que, sendo xa alimento das lapas, berrou algo así como “Díxeno, ensineino, créoo!”. Isto acontecía a comezos do século XIV. Os filósofos/científicos seguiron a recibir zarpazos da igrexa durante moito tempo. Entrado xa o século XVII Galileo foi tamén condenado por atreverse a ridiculizar con sólidos argumentos a falta de razón da ortodoxia cristiá; salvouse da fogueira, pero foi obrigado a retractarse nunha humillante declaración, e secuestrado de por vida. No momento de recibir a sentencia os seus labios movéronse: “Eppur si muove”, ou alomenos iso di a tradición. Unha frase para a historia.

Galileo era teimudo e en certo modo pode ser considerado un rebelde, mais ao final baixou a cabeza para poder seguir vivo. Secuestrado pero vivo. Non fixo o mesmo Giordano Bruno, quen para min é o campión das frases “in extremis”. Relixioso e tamén poeta, astrónomo e filósofo; ao final foi expulsado da igrexa e queimado na fogueira, coma os seus libros. Invitado varias veces a retractarse das súas avanzadas ideas científicas, preferiu ser fiel á razón e rexeitou a humillación da volta atrás. Foi condenado por “herético, impenitente, pertinaz e obstinado”. Tal colección de afagos non podía quedar sen unha contestación brillante; Bruno espetoulle aos seus xuíces: “Tremedes máis vós ao anunciar esta sentencia, que eu ao recibila”.

Hai uns anos o Papa de Roma concedeulle o perdón a Galileo; e pouco despois tamén foron retiradas as sospeitas que recaían sobre Darwin. Ao contrario do que puidera parecer, estas non son boas noticias porque, como di Antonio Beltrán Marí na introducción á edición española dos “Diálogos” de Galileo, “o que diga o Papa respecto da ciencia de Galileo ou da ciencia en xeral non ten absolutamente ningunha relevancia… O feito de que o Papa continúe a sentirse con autoridade para dicir algo pertinente respecto a Galileo e a súa ciencia demostra que para el non cambiou nada. Está a actuar exactamente igual que os xuíces de Galileo…”.