culturagalega
consello da cultura galega

Viaxes, turismo e vísceras

Publicado o 29 Sep 2009

adn_024Este verán estiven a pasear por Roma, seguindo e gozando dese ideario stendhaliano que converte a viaxe nun pracer e nunha descuberta, polo que ten de instintivo e imprevisíbel. Afirmaba Stendhal que unha viaxe gózase deixándose levar, despreocupándose de cumprir obxectivos, de seguir roteiros marcados e, tamén, deixando cousas sen ver: esa espera que proporciona felicidade. E así, deixándome levar, descubrín dúas pequenas xoias.

Como non podía ser doutro xeito, non tardei en arrastrarme ao escuro e confortábel interior dunha tenda de libros antigos, e alí encontrei e merquei –con permiso de Stendhal e os seus “Paseos por Roma”– unha “Guía de Roma” de 1877 e de autor descoñecido. Foi un pracer utilizar como soporte para os paseos ese libro, antigo mais ao mesmo tempo fresco e vivo se o comparamos coas pedras, edificios e monumentos que describía. Hai cidades nas que é preciso mercar unha guía actualizada, e outras nas que o concepto de tempo está difuso, flotando entre as pedras.

Roma está ateigada de turistas, desorientados con precisión e organización. Como di o escritor galego Xavier Queipo na súa recente e excelente obra “Felices e diferentes”: “Aquela xente sufría do comportamento típico desta época: o gregarismo e o mimetismo. Estar onde hai máis xente e canta máis xente mellor e facer o que fan os demais, que é por suposto o que hai que facer e o que é normal”. Fuxindo da multitude fomos dar co Museo Nacional Etrusco de Villa Giulia. Estaba practicamente baleiro. Os museos deberían ser así, elegantes e baleiros; ata as tumbas sorrín de agradecemento. Eu non sabía case nada dos etruscos –e parece que os expertos tampouco, non deixaron nada escrito, “nessuna storia, nessuna summa, nessuna letteratura”, nada–. Foi paseando por unha das súas salas, con centos de pezas de barro e metal, cando descubrín a outra pequena xoia: unha representación anatómica das vísceras do ventre humano realizada aló polos séculos VI ou VII a.C. Eu nunca vira nada parecido, tan antigo. Aínda que estaba prohibido tirar fotos –cousa que non comprendo, se a imaxe se toma sen flash–, como era a única persoa que estaba na sala, decidín roubarlle á escultura un pouco da súa alma. A imaxe que tomei é a que ilustra este texto.

Desde aquela parei a pensar varias veces no artista desa figura. Como fixo? Aproveitou un corpo dun inimigo? Que sabía aquela xente de anatomía? Sabían máis de anatomía humana os pobos que eran caníbales, hai centos ou miles de anos, que moitos de nós hoxe en día? E rematei lembrando a Leonardo da Vinci e os seus magníficos debuxos do corpo humano. Como se facían eses debuxos de músculos, ósos e vísceras humanas? Hai que ter en conta que incluso en tempos de Leonardo, dous mil anos despois daquela escultura etrusca, a disección dun cadáver era algo que resultaba estraño incluso para un médico. Charles Nicholl describe no seu libro “Leonardo. El vuelo da la mente” a dureza do traballo do Leonardo anatomista. Disecou moitos dos corpos –normalmente de axustizados– no seu propio estudo, ao longo de varios días, sen refrixerador nin nada parecido. O propio Leonardo fala do “medo que da convivir durante a noite con eses cadáveres desmembrados e esfolados”.

O que nos queda son uns debuxos impresionantes, o que nos falta é, neste e en moitos outros casos, unha comprensión do traballo que levaron.