Publicado o 27 Oct 2009
A carioca, que está a comer a súa cola, xa postos a tirar para adiante co autocanibalismo, pensa no sabor que terá o cerebro, ata que ese mesmo pensamento se lle enreda nos miolos: se quere coñecer o sabor ten que seguir a comer, pero, se come o cerebro, perderá o seu ser e non poderá coñecer nada. Que fai? Non hai solución, nunca coñecerá o sabor da súa consciencia.
Os seres humanos estamos nunha situación parecida, ou polo menos iso parece. O coñecemento da mente, do funcionamento máis íntimo do sistema nervioso, é unha das grandes fronteiras que lle quedan por franquear á ciencia. No noso caso a situación pode ser aínda peor ca do peixe, xa que temos gravitando dous “efectos carioca” á vez: por unha banda está o problema de investigar, de estudar encéfalos humanos vivos. Practicamente todo o que sabemos sobre o funcionamento do sistema nervioso débese a traballos feitos noutros animais. Todas as especies animais compartimos uns antecesores comúns, de tal xeito que o funcionamento das neuronas –esas células do encéfalo que producen electricidade para comunicarse entre si e que son o fundamento da consciencia, do noso “eu”– é moi similar en todas as especies cun sistema nervioso máis ou menos desenvolvido. Se nos fixamos nas propiedades básicas da súa actividade, unha neurona humana é practicamente idéntica á dunha rata, unha formiga ou un choco. Mais está claro que ten que haber diferenzas, e para coñecelas con detalle sería preciso fedellar nos cerebros dos seres humanos, algo moi pouco habitual (a ver quen se deixa. Os poucos estudos que existen están feitos en pacientes aos que, por un problema maior, é preciso extirpar ou intervir dalgún xeito unha parte do encéfalo. Aprovéitase neses casos para coñecer un pouco mellor a cousa). Temos aquí pois un problema importante se queremos coñecer con detalle a esencia da mente humana. Un problema sen solución?
Mais é que hai outro atranco máis, se cadra de maior envergadura: unha barreira lóxica que tivo, desde a súa formulación aló polo 1930, un efecto devastador no pensamento científico e filosófico. Ninguén sabe con certeza se esta barreira é aplicábel ao estudo da mente, mais cando menos xa serviu para tombar as aspiración de completitude de calquera sistema matemático. O teorema de incompletitude de Kurt Gödel ven dicir, así en sentido amplo e con permiso dos matemáticos e filósofos, que “ningún sistema pode demostrarse a si mesmo”. Os traballos da neurociencia para comprender o funcionamento da mente humana son realizados pola propia mente humana; aquí hai un claro problema de auto-referencia, somos unha carioca en pleno dilema. Segundo isto, e botando man de Gödel, para comprender a mente sería preciso observala desde un sistema máis amplo.
Mais ese sistema, se chega a existir, xa non sería humano. Estamos condenados a conformarnos coa cola?
Publicado o 20 Oct 2009
Hai uns días, nunha actividade de divulgación científica preto de Compostela, cando formulamos a cuestión de “que gravita ao redor da Terra: a Lúa, o Sol, Marte ou Venus?”, dúas rapazas duns 16 anos optaron polo Sol. Copérnico e Galileo deron un chimpo na súa tumba. Hai algo que non funciona no sistema educativo e de transmisión do coñecemento.
En Compostela hai un programa de “divulgación científica”, o programa “ConCiencia”, artellado pola USC e o Consorcio de Santiago. Este programa pode ser un bo exemplo de boas intencións mal enfocadas, polo que me gustaría afondar un pouco no tema. Creo que, desgraciadamente, ese programa non serve de moito, excepto para malgastar os cartos e para agrandar a imaxe que un ten do seu embigo; e tamén, ás veces, incluso para, sen querelo, prostituír os resultados da propia ciencia.
De maneira global, entendo a divulgación científica como un xeito de trasladar a toda a poboación o coñecemento que obtemos do mundo mediante o quefacer da ciencia, un xeito de afastar a espesa brétema de pseudociencias que envolve e cega a mente da xente (inclúo aquí a relixión organizada, “a maior e máis potente das pseudociencias”, como di Alan Sokal no seu libro Más alla de las imposturas intelectuales. Ciencia, filosofía y cultura, Ed. Paidós), un xeito de transmitir o espírito escéptico que é o selo da casa da ciencia. Divulgar ciencia, para min, é compartir a sensación de liberdade que se acada cando se observa o Cosmos con ese espírito escéptico e aberto. Non hai dogmas, o que hai é unha maneira de achegarse á natureza das cousas cunha ollada racional e libre.
Desde un punto de vista menos global, a divulgación científica é tamén a comunicación a todo tipo de xente dos achados particulares dos distintos campos ciencia, información que en moitos casos é útil e importante para poder pensar e actuar como cidadáns independentes: que/quen causa o quecemento global? que son as células troncais (mal chamadas “células nai”)? a homeopatía é un timo ou é ciencia? Os científicos temos o deber –ou deberíamos ter–, cando menos moral, de transmitir estes coñecementos a todos os cidadáns, para que poidan actuar sobre unha base sólida e coherente.
É claro que hai moitas maneiras de transmitir o coñecemento científico, mais creo que o programa “ConCiencia”, non o fai de ningunha delas. A min gústame asistir ás charlas dos grandes científicos invitados por ese programa. A maioría dos asistentes somos do contorno universitario, e nalgúns casos xa coñecemos algo da obra do conferenciante. Ese é un erro: nós, os asistentes a esas charlas non somos a diana ideal cara á que se debe dirixir a divulgación. Mais é que nin iso: as vellas glorias que van desfilando polo programa non veñen a dicir nada novo, nada revolucionario, nada que non saibamos xa. As charlas son normalmente un repaso pola biografía científica e persoal da vella gloria; a min gústanme porque paso un rato agradábel escoitando a un científico coñecido que ao mellor conta algunha anécdota simpática, mais non sei que pasaría se o auditorio estivese formado maioritariamente por cidadáns composteláns e veciños das comarcas de arredor alleos ao mundo universitario ou da educación, imaxino que marcharían ou quedarían a durmir.
Unha das liñas prioritarias do programa é “a busca de impacto social”. Iso pode significar que, a partir da aparición repetitiva nos medios de comunicación durante 3-4 días, os cidadáns van interesarse polo científico visitante e así coñecer e debater a súa obra, á parte de resaltar unha vez máis o papel importante que ten a ciencia na sociedade. Ben, permitídeme que me revolva un pouca na cadeira. Excepto co caso excepcional da visita de Stephen Hawking, onde é posíbel que nalgún centro de ensino se falara e debatera sobre a súa figura e a súa obra, non creo que o resto de visitas teñan o máis mínimo “impacto social” serio. Incluso todo o contrario. Un exemplo recente: hai pouco, dentro dese programa, veu James Lovelock recoller o premio Fonseca. A prensa resaltou a visita, case todos os xornais falaron do premiado e puxeron extractos dunha entrevista –a mesma entrevista en todos. Houbo algún xornal, algún medio de comunicación que ex-pli-ca-ra dalgún xeito a obra de Lovelock? Ningún. Os medios non fixeron a máis mínima divulgación científica sobre o tema, excepto repetir en todas partes algo así como “autor da teoría de Gaia, que sostén que a Terra é un superorganismo que se autorregula”. Esa foi toda a explicación da súa obra. Pode alguén que non teña lido a obra de Lovelock, e sen outra información, decodificar esa frase e comprender a idea e os mecanismos que leva implícitos? Non. Mágoa, porque a idea central de Lovelock é unha idea potente, elegante, útil para comprender mellor a natureza do planeta e da nosa propia existencia.
Mais o peor é cando o “impacto social” das ideas científicas fica nas mans de xornalistas apresurados e sen formación científica; a cousa pode rematar sendo un completo desastre. Seguindo co exemplo da recente visita de Lovelock, o diario de maior impacto de Galicia publicou este grande titular: “El hombre no es el culpable del cambio climático”. Pobre Lovelock, toda a vida tratando de demostrar que a actividade humana pode escarallar o planeta, e agora isto. Con ese titular é probábel que moita xente sacase a conclusión de que os negacionistas do cambio climático teñen razón, é dicir, que non pasa nada, que podemos seguir emitindo CO2 e outras sustancias á atmosfera que, total, o efecto da actividade humana na evolución do clima é secundario. Segundo o equipo internacional de científicos que está a investigar o cambio climático (IPCC, Intergovernmental Panel on Climate Change), está máis que probado que a actividade humana é a causa da deriva actual cara ao inferno. A xornalista que escribiu ese titular debería saber diferenciar entre “O home non é culpábel do cambio climático”, que é o que di Lovelock de “O home non é o culpábel do cambio climático”. E dicir, o cambio é/foi causado polo home, mais non se lle pode botar a culpa porque non sabía o que facía. Pois vaia co “impacto social”.
A divulgación científica si que precisa de “impacto social”, mais non así. Non precisa dun caro desfile de “grandes éxitos”, senón dunha fina choiva de logros cotiás. Precisa chegar a todos eses cidadáns que non teñen a sorte de acudir á Universidade ou de comprender a filosofía do escepticismo científico. Non sei cantos cartos se mal-gastan no programa “ConCiencia”, mais estou convencido de que hai moitos outros medios de facer divulgación da ciencia dun xeito máis eficaz e eficiente.
(Alguén podería dicir “home, pois quitamos o de “divulgación científica” e listo”. Pois tamén. E aínda así, dubido moito que se estean a acadar os outros obxectivos do programa).
Publicado o 06 Oct 2009
Así cantaba Mercedes Sosa, que nos acaba de deixar, coa súa poderosa e melancólica voz. “Todo cambia” é o título dunha fermosísima canción –escrita polo chileno Julio Numhauser– que podería ser a banda sonora do planeta Terra. Como se quixera despedirse da cantante arxentina, ou anunciar a chegada a Galicia de James Lovelock, o planeta leva varios días facendo o que fai sempre, mais co volume un pouco máis elevado: grandes terremotos en Sumatra, tsunamis en Samoa, inundacións históricas na India… todo cambia. E sempre foi así. Precisamente por iso estamos aquí.
A minúscula escala temporal da vida dos seres humanos comparada coa dos procesos que se desenvolven en Gaia lévanos a esa ilusión de perdurabilidade, e así construímos casas, autopistas, mausoleos e museos. Todo con data de caducidade. Esta bola “viva” sobre a que cabalgamos non se detén nunca: hai movementos de placas que orixinan montañas, e fenómenos atmosféricos que as están a varrer cara ao mar. No medio de todo isto está a vida, ocupando non só a superficie da cortiza, senón construíndo tamén parte das rochas e montañas, mudando tamén incesantemente.
Esta percepción do cambio global foi probabelmente o froito máis importante que recolleu Charles Darwin logo de case 5 anos de viaxe arredor do mundo, e que lle serviu para ter unha visión global dos procesos intestinais de Gaia. Darwin non só recolleu fósiles que lle permitiron enlazar as especies vivas coas que xa non existían, senón que viviu na propia pel un dos maiores terremotos que asolaron as costas de Chile: foi o terremoto do 20 de febreiro de 1835. O naturalista estaba descansando, no medio dun bosque cerca da cidade de Valdivia, “cando aconteceu o horroroso cataclismo”. A terra deixaba de ser ese lugar sólido e firme, Darwin escribía: “Un grande terremoto destrúe nun instante as nosas asociacións máis arraigadas; a terra, auténtico emblema de solidez, móvese baixo os pés como unha costra nun fluído; un segundo de tempo crea na mente unha estraña idea de inseguridade que non terían producido horas de reflexión”.
Cantaba Mercedes Sosa, “Cambia lo suferficial/ Cambia también lo profundo/ Cambia el modo de pensar/ Cambia todo en este mundo/ Cambia el clima con los años/ Cambia el pastor su rebaño/ Y así como todo cambia/ Que yo cambie no es extraño”.
Para quen queira emocionarse, aquí:
Mercedes Sosa - Todo cambia