Mala ConCiencia
Hai uns días, nunha actividade de divulgación científica preto de Compostela, cando formulamos a cuestión de “que gravita ao redor da Terra: a Lúa, o Sol, Marte ou Venus?”, dúas rapazas duns 16 anos optaron polo Sol. Copérnico e Galileo deron un chimpo na súa tumba. Hai algo que non funciona no sistema educativo e de transmisión do coñecemento.
En Compostela hai un programa de “divulgación científica”, o programa “ConCiencia”, artellado pola USC e o Consorcio de Santiago. Este programa pode ser un bo exemplo de boas intencións mal enfocadas, polo que me gustaría afondar un pouco no tema. Creo que, desgraciadamente, ese programa non serve de moito, excepto para malgastar os cartos e para agrandar a imaxe que un ten do seu embigo; e tamén, ás veces, incluso para, sen querelo, prostituír os resultados da propia ciencia.
De maneira global, entendo a divulgación científica como un xeito de trasladar a toda a poboación o coñecemento que obtemos do mundo mediante o quefacer da ciencia, un xeito de afastar a espesa brétema de pseudociencias que envolve e cega a mente da xente (inclúo aquí a relixión organizada, “a maior e máis potente das pseudociencias”, como di Alan Sokal no seu libro Más alla de las imposturas intelectuales. Ciencia, filosofía y cultura, Ed. Paidós), un xeito de transmitir o espírito escéptico que é o selo da casa da ciencia. Divulgar ciencia, para min, é compartir a sensación de liberdade que se acada cando se observa o Cosmos con ese espírito escéptico e aberto. Non hai dogmas, o que hai é unha maneira de achegarse á natureza das cousas cunha ollada racional e libre.
Desde un punto de vista menos global, a divulgación científica é tamén a comunicación a todo tipo de xente dos achados particulares dos distintos campos ciencia, información que en moitos casos é útil e importante para poder pensar e actuar como cidadáns independentes: que/quen causa o quecemento global? que son as células troncais (mal chamadas “células nai”)? a homeopatía é un timo ou é ciencia? Os científicos temos o deber –ou deberíamos ter–, cando menos moral, de transmitir estes coñecementos a todos os cidadáns, para que poidan actuar sobre unha base sólida e coherente.
É claro que hai moitas maneiras de transmitir o coñecemento científico, mais creo que o programa “ConCiencia”, non o fai de ningunha delas. A min gústame asistir ás charlas dos grandes científicos invitados por ese programa. A maioría dos asistentes somos do contorno universitario, e nalgúns casos xa coñecemos algo da obra do conferenciante. Ese é un erro: nós, os asistentes a esas charlas non somos a diana ideal cara á que se debe dirixir a divulgación. Mais é que nin iso: as vellas glorias que van desfilando polo programa non veñen a dicir nada novo, nada revolucionario, nada que non saibamos xa. As charlas son normalmente un repaso pola biografía científica e persoal da vella gloria; a min gústanme porque paso un rato agradábel escoitando a un científico coñecido que ao mellor conta algunha anécdota simpática, mais non sei que pasaría se o auditorio estivese formado maioritariamente por cidadáns composteláns e veciños das comarcas de arredor alleos ao mundo universitario ou da educación, imaxino que marcharían ou quedarían a durmir.
Unha das liñas prioritarias do programa é “a busca de impacto social”. Iso pode significar que, a partir da aparición repetitiva nos medios de comunicación durante 3-4 días, os cidadáns van interesarse polo científico visitante e así coñecer e debater a súa obra, á parte de resaltar unha vez máis o papel importante que ten a ciencia na sociedade. Ben, permitídeme que me revolva un pouca na cadeira. Excepto co caso excepcional da visita de Stephen Hawking, onde é posíbel que nalgún centro de ensino se falara e debatera sobre a súa figura e a súa obra, non creo que o resto de visitas teñan o máis mínimo “impacto social” serio. Incluso todo o contrario. Un exemplo recente: hai pouco, dentro dese programa, veu James Lovelock recoller o premio Fonseca. A prensa resaltou a visita, case todos os xornais falaron do premiado e puxeron extractos dunha entrevista –a mesma entrevista en todos. Houbo algún xornal, algún medio de comunicación que ex-pli-ca-ra dalgún xeito a obra de Lovelock? Ningún. Os medios non fixeron a máis mínima divulgación científica sobre o tema, excepto repetir en todas partes algo así como “autor da teoría de Gaia, que sostén que a Terra é un superorganismo que se autorregula”. Esa foi toda a explicación da súa obra. Pode alguén que non teña lido a obra de Lovelock, e sen outra información, decodificar esa frase e comprender a idea e os mecanismos que leva implícitos? Non. Mágoa, porque a idea central de Lovelock é unha idea potente, elegante, útil para comprender mellor a natureza do planeta e da nosa propia existencia.
Mais o peor é cando o “impacto social” das ideas científicas fica nas mans de xornalistas apresurados e sen formación científica; a cousa pode rematar sendo un completo desastre. Seguindo co exemplo da recente visita de Lovelock, o diario de maior impacto de Galicia publicou este grande titular: “El hombre no es el culpable del cambio climático”. Pobre Lovelock, toda a vida tratando de demostrar que a actividade humana pode escarallar o planeta, e agora isto. Con ese titular é probábel que moita xente sacase a conclusión de que os negacionistas do cambio climático teñen razón, é dicir, que non pasa nada, que podemos seguir emitindo CO2 e outras sustancias á atmosfera que, total, o efecto da actividade humana na evolución do clima é secundario. Segundo o equipo internacional de científicos que está a investigar o cambio climático (IPCC, Intergovernmental Panel on Climate Change), está máis que probado que a actividade humana é a causa da deriva actual cara ao inferno. A xornalista que escribiu ese titular debería saber diferenciar entre “O home non é culpábel do cambio climático”, que é o que di Lovelock de “O home non é o culpábel do cambio climático”. E dicir, o cambio é/foi causado polo home, mais non se lle pode botar a culpa porque non sabía o que facía. Pois vaia co “impacto social”.
A divulgación científica si que precisa de “impacto social”, mais non así. Non precisa dun caro desfile de “grandes éxitos”, senón dunha fina choiva de logros cotiás. Precisa chegar a todos eses cidadáns que non teñen a sorte de acudir á Universidade ou de comprender a filosofía do escepticismo científico. Non sei cantos cartos se mal-gastan no programa “ConCiencia”, mais estou convencido de que hai moitos outros medios de facer divulgación da ciencia dun xeito máis eficaz e eficiente.
(Alguén podería dicir “home, pois quitamos o de “divulgación científica” e listo”. Pois tamén. E aínda así, dubido moito que se estean a acadar os outros obxectivos do programa).


RSS
