O dilema da carioca solitaria
A carioca, que está a comer a súa cola, xa postos a tirar para adiante co autocanibalismo, pensa no sabor que terá o cerebro, ata que ese mesmo pensamento se lle enreda nos miolos: se quere coñecer o sabor ten que seguir a comer, pero, se come o cerebro, perderá o seu ser e non poderá coñecer nada. Que fai? Non hai solución, nunca coñecerá o sabor da súa consciencia.
Os seres humanos estamos nunha situación parecida, ou polo menos iso parece. O coñecemento da mente, do funcionamento máis íntimo do sistema nervioso, é unha das grandes fronteiras que lle quedan por franquear á ciencia. No noso caso a situación pode ser aínda peor ca do peixe, xa que temos gravitando dous “efectos carioca” á vez: por unha banda está o problema de investigar, de estudar encéfalos humanos vivos. Practicamente todo o que sabemos sobre o funcionamento do sistema nervioso débese a traballos feitos noutros animais. Todas as especies animais compartimos uns antecesores comúns, de tal xeito que o funcionamento das neuronas –esas células do encéfalo que producen electricidade para comunicarse entre si e que son o fundamento da consciencia, do noso “eu”– é moi similar en todas as especies cun sistema nervioso máis ou menos desenvolvido. Se nos fixamos nas propiedades básicas da súa actividade, unha neurona humana é practicamente idéntica á dunha rata, unha formiga ou un choco. Mais está claro que ten que haber diferenzas, e para coñecelas con detalle sería preciso fedellar nos cerebros dos seres humanos, algo moi pouco habitual (a ver quen se deixa. Os poucos estudos que existen están feitos en pacientes aos que, por un problema maior, é preciso extirpar ou intervir dalgún xeito unha parte do encéfalo. Aprovéitase neses casos para coñecer un pouco mellor a cousa). Temos aquí pois un problema importante se queremos coñecer con detalle a esencia da mente humana. Un problema sen solución?
Mais é que hai outro atranco máis, se cadra de maior envergadura: unha barreira lóxica que tivo, desde a súa formulación aló polo 1930, un efecto devastador no pensamento científico e filosófico. Ninguén sabe con certeza se esta barreira é aplicábel ao estudo da mente, mais cando menos xa serviu para tombar as aspiración de completitude de calquera sistema matemático. O teorema de incompletitude de Kurt Gödel ven dicir, así en sentido amplo e con permiso dos matemáticos e filósofos, que “ningún sistema pode demostrarse a si mesmo”. Os traballos da neurociencia para comprender o funcionamento da mente humana son realizados pola propia mente humana; aquí hai un claro problema de auto-referencia, somos unha carioca en pleno dilema. Segundo isto, e botando man de Gödel, para comprender a mente sería preciso observala desde un sistema máis amplo.
Mais ese sistema, se chega a existir, xa non sería humano. Estamos condenados a conformarnos coa cola?


RSS
