Publicado o 24 Nov 2009
Desgraciadamente a maioría da prensa escrita mostra unha completa indiferenza polo rigor cando o tema a tratar está relacionado dalgún xeito co coñecemento científico ou, o que é o mesmo, un absoluto desprezo pola cultura científica dos seus lectores. Os textos publicados poden alcanzar facilmente o disparate, e normalmente non pasa absolutamente nada, excepto que se incrementa o nivel de confusión e ignorancia dalgúns lectores, e tamén o nivel de exasperación e desconsolo duns poucos. A cousa é preocupante cando se trata dun medio de ampla difusión, xa que moitas veces ese xornal que está na barra do bar é o principal vínculo co coñecemento que teñen os cidadáns. O problema principal é que o lector medio non ten ningunha ferramenta para diferenciar os artigos rigorosos de outros que son absurdos e que deforman e falsean a realidade, moitas veces co agravante de que esas mentiras están destinadas a vender un produto comercial; e dicir a quitarlle os cartos aos crédulos.
A responsabilidade pública dos medios de comunicación é un tema que orixina opinións variadas. A maioría dos xornais non están para servir aos cidadáns, nin o pretenden; publican calquera cousa, e así nos vai. Mais hai algúns xornais que sobre a base da súa importancia e do seu prestixio (prestixio? dios, que palabra máis desgastada) pretenden erixirse en guías ou cando menos en referentes sociais. Se detrás está o rigor, a min paréceme ben. O cidadán crédulo achégase aos xornais que venden seriedade –“sigo creyendo en la absoluta vigencia del buen periodismo”, dicía o outro día o director dun coñecido xornal galego–, e pasa sen pestanexar, nese mesmo xornal e o mesmo día que se publicaban esas palabras, dun artigo sobre o CERN (famoso centro de investigación nuclear), outro sobre mulleres Nobel e outro sobre a radioterapia; o cidadán crédulo pasa sen pestanexar, dicía, a unha reportaxe que comenta con toda naturalidade o seguinte: “Dos estrategias, la infusión de energía y la infusión de ADN, son los fundamentos de esta línea que frena muchos de los signos externos del envejecimiento.”, e tamén isto “Las gemas de cuarzo rosa, amatista o jaspe se disponen en los chakras (centros energéticos corporales) para eliminar posibles bloqueos de energía”, ou isto “Una exfoliación y oxigenación intensivas y un velo de ADN dejan la piel renovada.”, “… un tratamiento que persigue amplificar las energías positivas”.
Enerxías positivas? Chakras? Infusión de ADN? Unha ensalada de estupideces e invencións pseudocientíficas que, ademais, utiliza termos como o de “ADN” para imprimir un selo de verosimilitude. Lixo. Non se trataba dun anuncio, senón que era unha reportaxe firmada por unha xornalista no mesmo número no que, páxinas antes, o seu director dicía que “ España, como antaño, no inventa, produce poco industrialmente y se está quedando rezagada en la naciente sociedad de la información. Todo ello sucede ante el clamoroso silencio de una sociedad civil adormecida…”.
Ao mellor a función social dos xornais non é unha prioridade, de acordo, mais entón deixémonos de discursos. Prostituír o coñecemento científico sobre a base da ignorancia da poboación é unha actitude execrábel e repugnante. Non é nada novo, levamos séculos nadando sen rumbo nun mar de charlatáns que se aproveitan da credulidade e da ignorancia da poboación, prisioneira de voitres especializados en porcallada mental.
Publicado o 12 Nov 2009
Atención, este artigo pode producir vertixe. Aperta o cinto. Aí fóra hai algo que está tirando da nosa galaxia e de moitas outras cunha forza descomunal, e non sabemos o que é.
O planeta Terra, a galaxia da que fai parte –Vía Láctea–, o chamado Grupo Local de galaxias da que a Vía Láctea fai parte, e outros grupos veciños de galaxias, toda esta grande, enorme, inmensa familia de estrelas e materia está a moverse cara a un misterioso punto no Universo: é o chamado “Gran Atractor”. Ben –poderíamos dicir–, xa que o Universo está en expansión, cara algún lado terá que ir todo o grupo local de galaxias. Mais non, o movemento da Vía Láctea e familia cara ao “Gran Atractor” é independente da expansión global do Universo, é unha anomalía, por chamarlle dalgunha maneira. Mais non unha anomalía calquera: estamos a movernos a uns 2 millóns de quilómetros/hora cara esa misteriosa rexión do Universo! Que é ese “Gran Atractor”?
Aínda non o sabemos. O problema é que a zona do Universo que nos atrae con tanto “interese” está detrás da propia Vía Láctea, de tal xeito que a nosa galaxia tapa grande parte da visión. Con todo, os científicos están a argallar xeitos de mirar a través da masa de estrelas e po que dificulta a observación, e teñen varias hipóteses sobre a natureza do misterioso atractor. Debe tratarse de algo enorme, tan xigantesco que é difícil facerse unha idea mental do asunto. Podemos ir por partes, volvamos ao principio.
Imos xogar ás matrioskas, esas bonecas rusas que encaixan unhas dentro das outras (para non enlear a cousa non vou falar de distancias, mais conta con que, en calquera dos casos son sempre moi grandes): a Terra é parte do Sistema Solar, que está nun recuncho dunha enorme galaxia espiral chamada Vía Láctea. Resulta que as galaxias non están sementadas polo Universo de calquera xeito, senón que forman grupos. A nosa galaxia fai parte do chamado Grupo Local (nome axeitado e pouco imaxinativo á vez). Canda nós neste grupo está tamén outra fermosa galaxia espiral: Andrómeda, que podemos ver cuns simples binoculares. O noso grupo local de galaxias ten ao seu redor outros grupos, entre os que destaca un grupo xigantesco, formado por unhas 2.000 galaxias, chamado Supergrupo de Virgo. Mais é que a cousa non remata aquí: este supergrupo é un máis entre outros veciños, aínda maiores, como o Supergrupo de Hidra, ou o Supergrupo de Centauro. Pois ben, todos estes supergrupos “locais” de galaxias, formados por moitos centos de miles de millóns de estrelas, toda esta xigantesca familia “local” do noso Universo, é o que está a moverse cara a algo que se supón que é aínda maior. Esa cousa é o “Gran Atractor” do que estou a falar.
Xa ves, os estafadores das pseudociencias e os amantes de todo tipo de parvadas astrolóxicas andan a inventar unha manchea de historias sobre o Cosmos, mais a ciencia seria e rigorosa está a amosar aventuras cósmicas moito máis marabillosas e fascinantes que o que poderíamos imaxinar.
A hipótese actual máis verosímil sobre o “Gran Atractor” é esta: aí atrás debe existir unha masa xigantesca, unha rexión no Universo formada por centos de miles de galaxias, formando o que debe ser un supergrupo-xigante, cunha forza de atracción capaz de crear unha “anomalía gravitatoria”. Hai un candidato: chámase Concentración Shapley, e parece que é unha concentración de moitos supergrupos de galaxias. Este sitio está moi lonxe (a uns 500 millóns de anos-luz), mais aínda así é quen de tirar de nós e movernos a 2 millóns de quilómetros por hora.
E sen despeitearnos.