culturagalega
consello da cultura galega

Vertixe

Publicado o 12 Nov 2009

adn_028Atención, este artigo pode producir vertixe. Aperta o cinto. Aí fóra hai algo que está tirando da nosa galaxia e de moitas outras cunha forza descomunal, e non sabemos o que é.

O planeta Terra, a galaxia da que fai parte –Vía Láctea–, o chamado Grupo Local de galaxias da que a Vía Láctea fai parte, e outros grupos veciños de galaxias, toda esta grande, enorme, inmensa familia de estrelas e materia está a moverse cara a un misterioso punto no Universo: é o chamado “Gran Atractor”. Ben –poderíamos dicir–, xa que o Universo está en expansión, cara algún lado terá que ir todo o grupo local de galaxias. Mais non, o movemento da Vía Láctea e familia cara ao “Gran Atractor” é independente da expansión global do Universo, é unha anomalía, por chamarlle dalgunha maneira. Mais non unha anomalía calquera: estamos a movernos a uns 2 millóns de quilómetros/hora cara esa misteriosa rexión do Universo! Que é ese “Gran Atractor”?

Aínda non o sabemos. O problema é que a zona do Universo que nos atrae con tanto “interese” está detrás da propia Vía Láctea, de tal xeito que a nosa galaxia tapa grande parte da visión. Con todo, os científicos están a argallar xeitos de mirar a través da masa de estrelas e po que dificulta a observación, e teñen varias hipóteses sobre a natureza do misterioso atractor. Debe tratarse de algo enorme, tan xigantesco que é difícil facerse unha idea mental do asunto. Podemos ir por partes, volvamos ao principio.

Imos xogar ás matrioskas, esas bonecas rusas que encaixan unhas dentro das outras (para non enlear a cousa non vou falar de distancias, mais conta con que, en calquera dos casos son sempre moi grandes): a Terra é parte do Sistema Solar, que está nun recuncho dunha enorme galaxia espiral chamada Vía Láctea. Resulta que as galaxias non están sementadas polo Universo de calquera xeito, senón que forman grupos. A nosa galaxia fai parte do chamado Grupo Local (nome axeitado e pouco imaxinativo á vez). Canda nós neste grupo está tamén outra fermosa galaxia espiral: Andrómeda, que podemos ver cuns simples binoculares. O noso grupo local de galaxias ten ao seu redor outros grupos, entre os que destaca un grupo xigantesco, formado por unhas 2.000 galaxias, chamado Supergrupo de Virgo. Mais é que a cousa non remata aquí: este supergrupo é un máis entre outros veciños, aínda maiores, como o Supergrupo de Hidra, ou o Supergrupo de Centauro. Pois ben, todos estes supergrupos “locais” de galaxias, formados por moitos centos de miles de millóns de estrelas, toda esta xigantesca familia “local” do noso Universo, é o que está a moverse cara a algo que se supón que é aínda maior. Esa cousa é o “Gran Atractor” do que estou a falar.

Xa ves, os estafadores das pseudociencias e os amantes de todo tipo de parvadas astrolóxicas andan a inventar unha manchea de historias sobre o Cosmos, mais a ciencia seria e rigorosa está a amosar aventuras cósmicas moito máis marabillosas e fascinantes que o que poderíamos imaxinar.
A hipótese actual máis verosímil sobre o “Gran Atractor” é esta: aí atrás debe existir unha masa xigantesca, unha rexión no Universo formada por centos de miles de galaxias, formando o que debe ser un supergrupo-xigante, cunha forza de atracción capaz de crear unha “anomalía gravitatoria”. Hai un candidato: chámase Concentración Shapley, e parece que é unha concentración de moitos supergrupos de galaxias. Este sitio está moi lonxe (a uns 500 millóns de anos-luz), mais aínda así é quen de tirar de nós e movernos a 2 millóns de quilómetros por hora.
E sen despeitearnos.