Libros que me gustan, Vol. II
Agora que chega o frío e as vacacións de Nadal, ao mellor é un bo momento para mergullar por ese denso océano que é a mente doutra persoa, esa viaxe fascinante que se consigue co simple feito de ler un libro. Quen o diría. E logo din que os libros van caros.
Para esta ensalada de inverno caeron nas miñas mans catro ingredientes variados: unha viaxe á historia da ciencia, unha recompilación de pequenos ensaios, a biografía dunha mente extraordinaria e, como toque final, unha chisca de teatro.
José Manuel Sánchez Ron é un historiador da ciencia que ten a venturosa habilidade de tecer os feitos e as vidas dos científicos dun modo sinxelo, ameno e didáctico, de tal xeito que é capaz de escribir un libro –nada menos que– de historia e –nada menos que– de ciencia apto para toda a familia. Para facilitar a dixestión aínda máis, a obra está salpicada con debuxos de Antonio Mingote que, aínda que non é o meu debuxante preferido, enche de colorido a sinfonía de aventuras que vai derramando Sánchez Ron. Viva a ciencia! é o título do libro (“ ¡Viva la ciencia!”, Ed. Crítica, 2008), unha viaxe pola historia de todos eses berros que xurdiron co pracer do descubrimento: Eureka!
A ciencia é un camiño de coñecemento que pode convivir facilmente coa arte, a historia, a filosofía ou calquera outra vestimenta da cultura, porque a cultura abrangue a todos os campos do saber. O problema é que poucos científicos teñen a visión o suficientemente ampla para expandirse fóra do seu campo de investigación. Unha excepción notábel é a de Freeman Dyson: para min un dos científicos máis completos que existen na actualidade. Dyson é un eminente físico teórico, que ten ademais uns coñecementos amplísimos de moitos outros campos do saber, coñecementos que combina cunha fonda capacidade de reflexión, estimulada por unha preocupación constante polos problemas sociais, políticos e ambientais que aguilloan ao mundo. O científico rebelde (“El científico rebelde”, Random House Mondadori, 2008) é unha recompilación de pequenos ensaios e críticas de libros que sorprenderá a todos aqueles que pensan que os científicos son seres illados e incapacitados para –ou desinteresados en– camiñar con soltura fóra do seu ámbito de traballo. Non se cansa Dyson de deixar claro que a ciencia e os científicos deberían ser máis conscientes da súa capacidade para traballar a prol da sociedade e a cultura: “Hoxe en día deberíamos iniciar aos nosos nenos na ciencia como rebelión contra a pobreza, a fealdade, o militarismo e as inxustizas económicas”.
“Tratei de imaxinar unha forma de poder estar nos bares e decatarme do que pasaba sen ter que emborracharme”. Pouco despois de que Richard Feynman pensara en cambiar o whisky pola Coca-Cola, estaba pelexándose cun tipo no retrete dun bar de Buffalo. O Sr. Feynman, que foi declarado deficiente mental polo exército dos EEUU era, entre outras cousas, afeccionado á pintura, experto en abrir todo tipo de pechaduras e caixas fortes e, durante unha tempada, tamén puido ser visto desfilando en Rio de Janeiro cunha escola de samba, tocando a “frigideira”. Un personaxe peculiar, podedes pensar; pero é que, ademais, era científico. Científico peculiar. Richard Feynman realizou traballos de investigación con James Watson –si, o co-descubridor da estrutura do ADN–; mais iso foi un “hobby” que tivo durante unha tempada, para coñecer mellor o campo da bioloxía, xa que en realidade R. Feynman era físico. Físico teórico. Premio Nobel de Física en 1965. Foi unha persoa extraordinaria, poliédrica, divertida, cunha curiosidade ilimitada. Para mergullarse nunha das mentes máis interesantes do século XX, nada mellor que unha especie de autobiografía titulada Está vostede de broma, Sr. Feynman? (“Está Ud. de broma, Sr. Feynman?”, Alianza Editorial, 2007).
E de sobremesa, unha peza de teatro dos anos 60: Os físicos, do suízo Friedrich Dürrenmatt (a edición que teño eu é esta: “Los Físicos”, Ed. Escelicer, 1969): un hospital psiquiátrico, tres pacientes que din ser Newton, Einstein e Möbius, e un enredo de guerra fría. Unha entretida maneira de rematar a nosa ensalada de inverno, e de facer unha boa dixestión.


RSS
