culturagalega
consello da cultura galega

Mente, encéfalo e intelixencia; unha actualización (parte I)

Publicado o 01 Feb 2010

william_lawrenceA maioría dos neurocientíficos de hogano estamos convencidos de que a mente (ou a alma, ou o “eu”, ou como lle queiras chamar) é nada máis –e nada menos– que o resultado da actividade do encéfalo, esa especie de flan que todos levamos dentro do cranio. Esta visión materialista da natureza da mente non é nada novo; a diferenza con tempos pasados é que agora non nos botan á fogueira por explicar en clase a fisioloxía do ser humano. Con todo, os portadores de toga dos diversos planetas –humanísticos e de ciencias– tardaron en aceptar que o ser humano era un ser vivo coma outro calquera e que, por tanto, podía ser estudado e comprendido do mesmo xeito que un verme ou un repolo.

En 1819 o cirurxián e profesor universitario William Lawrence xa tiña claro que “a razón e o pensamento libre son os únicos antídotos eficaces contra o error”; ou que “a aceptación de calquera tipo de proposta non pode ser forzada; debe basearse na razón e no peso da evidencia”. Escandalizaba aos seus contemporáneos preguntándose “Onde está a mente do feto? (…) Quítalle á mente dun ser humano, ou de calquera animal, a función dos cinco sentidos e a función do encéfalo, e que é o que nos queda?”. Lawrence escribiu un libro para estudantes de medicina no que trataba ao ser humano desde unha perspectiva obxectiva, sen maxia nin misticismos. Era unha recompilación das súas clases, titulada Lectures on physiology, anatomy and the natural history of man (Clases sobre fisioloxía, anatomía e historia natural do ser humano). O volume tiña cincocentas páxinas.

Na parte do libro sobre “funcións do encéfalo” escribía: “o mesmo tipo de evidencias que mostran que a dixestión é a función do tracto dixestivo, o movemento a función dos músculos, as secrecións a función das glándulas respectivas, demostra que a sensación, percepción, memoria, xuízo, razoamento, pensamento, nunha palabra, todas as manifestacións mentais ou intelectuais , son as funcións animais do seu respectivo sistema orgánico: o órgano central do sistema nervioso”.

E continuaba con este torpedo ao casco das cabezas máis duras: “Se os fenómenos intelectuais do ser humano requiren dun principio inmaterial engadido ao encéfalo, debemos do mesmo xeito recoñecer algo parecido a aqueles animais máis racionais, que mostran algúns comportamentos que se diferencian cos do ser humano unicamente en grao. Se aceptamos isto, non podemos rexeitar concederllo tamén á seguinte especie na lista, e así con toda a serie animal, ata chegar á ostra, á anémona, o pólipo e os animais microscópicos. Hai alguén preparado para admitir a existencia de principios inmateriais en todos estes casos? Se a resposta é non; deben igualmente rexeitalos no ser humano”.

Este era un libro editado en 1819 para estudantes, e Lawrence, con 36 anos, era un profesor elocuente, brillante, cunha formación enciclopédica. A edición oficial durou pouco: o goberno da época declarou o libro “blasfemo” –e por tanto tamén as súas clases–, e como consecuencia fóronlle retirados os dereitos de autor. Para non perder pacientes e a súa reputación como cirurxián, Lawrence renunciou a facer máis edicións do libro. Continuou traballando como médico e científico, foi un dos impulsores de “The Lancet”, o xornal de investigacións clínicas máis prestixioso –ata hoxe–, e rematou sendo Presidente do Real Colexio de Cirurxiáns. Non está mal para un blasfemo.

Ao seu libro censurado e retirado da circulación tampouco lle foi nada mal, xa que, como pasa moitas veces nestes casos, a prohibición estimulou a curiosidade e durante os seguintes trinta anos foron aparecendo varias edicións “pirata” que terminaron dándolle ao libro moita máis sona e lectores dos que os seus censores podían imaxinar.

Mais eu do que quería falar era dalgunhas novidades que hai no campo da neurociencia sobre a mente, o encéfalo e a intelixencia. Iso chegará na seguinte entrega.