culturagalega
consello da cultura galega

Mente, encéfalo e intelixencia; unha actualización (parte II)

Publicado o 09 Feb 2010

Vesalius
Dicía no artigo anterior que a mente é o resultado da actividade do encéfalo, esa masa de quilo e medio de células que todos levamos dentro do cranio. Esta concepción racional e desprovista de prexuízos do noso ser máis íntimo vai abríndose camiño pouco a pouco, mais a cousa non é doada. É como se tiveramos un sistema de auto-bloqueo que impide que afondemos na nosa esencia.

Podemos estudar con detalle enfermizo calquera anaco de materia, mais cando se trata da máquina humana, da humani corporis fabrica, quedamos paralizados de terror. No mesmo ano en que se publicaba a obra esencial de Copérnico, De revolutionibus orbium coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes), 1543, un anatomista belga coñecido como Andreas Vesalius (ou Vesalio) tiraba do prelo a primeira descrición precisa, coherente e global da estrutura do corpo humano: De humani corporis fabrica. A cousa manda truco. Xa tíñamos unha descrición detallada da mecánica do Sistema Solar e aínda andábamos cos primeiros pasos na exploración dos músculos, ósos e vísceras do noso corpo.

Nesta historia da exploración do planeta Homo sapiens hai capítulos que poden parecer ridículos, a non ser que aceptemos ese pavor que sempre tivemos de nós mesmos. Antes da obra de Vesalio o coñecemento médico en Europa estivo dominado polas descricións de Galeno, un egrexio médico grego do século II da nosa era. A súa autoridade era tan grande que ao longo de trece séculos ninguén ousou dubidar das súas descricións anatómicas. Moitas eran correctas, claro, mais noutras fallaba estrepitosamente. Trece séculos! Mil trescentos anos estiveron os europeos máis cultivados errados no número de costelas que tiñan na súa caixa torácica. Por impedimentos legais Galeno non disecou seres humanos, senón que fixo os seus estudos en mamíferos máis ou menos próximos, como monos ou porcos, dando por suposto que a corporis fabrica era a mesma. É algo así como se hoxe alguén di que temos tres pulmóns e todos nos quedamos tan contentos ata que aló polo ano 3310 a alguén se lle ocorre mirar e observar que non, que en realidade só temos dous pulmóns.

Non é doado mirar dentro de nós. Se é difícil contar costelas, imaxinade o que pode ser contar neuronas, o substrato da mente. Os neurocientíficos levamos uns cen anos estudando con moito detalle o encéfalo, navegando por mares de neuronas sometidos a constantes tormentas eléctricas. Hai modelos bastante detallados da estrutura do encéfalo, da súa función. E, con todo, a maior parte dos datos son tirados de estudos noutros animais, de tal xeito que hai algunhas cuestións que, aínda que evidentes e en principio fáciles de respostar, son aínda descoñecidas. Sabemos que temos moitas neuronas e que a nosa capacidade cognitiva é cualitativamente distinta á dos parentes primates máis próximos. Preguntas evidentes: cantas neuronas ten un ser humano? Cantas teñen outros animais como chimpancés, golfiños, elefantes ou baleas? Está relacionado o número de neuronas coas capacidades cognitivas?

Desde hai anos os libros de texto e os libros de divulgación indican que na túa cabeza hai aproximadamente 100.000.000.000 (cen mil millóns) de neuronas. O simpático é que esa é unha cifra que deu alguén hai tempo e que ninguén se preocupou de comprobar utilizando os métodos máis avanzados que temos agora. Menos mal que non tivemos que agardar trece séculos: o ano pasado unha neurocientífica brasileira, Suzana Herculano, publicou un estudo actualizado sobre o número de neuronas e células gliais (o outro tipo importante de células do encéfalo) do ser humano e de outros animais próximos. As conclusións cambian algúns números e tomban varios mitos.
Resulta que cada un de nós ten uns 86.000.000.000 de neuronas, menos do calculado con anterioridade. Curiosamente a maioría das neuronas non está na cortiza cerebral (a parte máis grande, cun peso duns 1.200 gramos): aí temos “unicamente” uns 16 mil millóns. A inmensa maioría, uns 69 mil millóns de neuronas, está no cerebelo; unha zona que pesa só uns 150 gramos. Para que queremos tantas neuronas nese curruncho do encéfalo? É unha zona de control e memoria dos movementos: cando atas os zapatos, conduces a bicicleta ou o coche, escribes a máquina… de maneira automática, en todos eses casos estás a usar o cerebelo.

Outra cousa que parece aclararse con este traballo é que, no relativo ás capacidades cognitivas -o que podíamos chamar intelixencia-, o tamaño non importa. É máis importante o número absoluto de neuronas. Elefantes e baleas teñen encéfalos bastante máis grandes que os dos seres humanos (4 kg, 7 kg, ou máis), pero as súas neuronas están menos empaquetadas, de tal xeito que se calcula que poden ter “unicamente” arredor de 30 mil millóns de neuronas en total.

Son números. Son hipóteses sobre o funcionamento da mente. Por algún lado hai que comezar a contar, en vez de agardar ao ano 3310.

(Se queres baixar o artigo orixinal de Suzana Herculano, pon no buscador as palabras: frontiers herculano human brain numbers).