Desastres e predicións

O 20 de febreiro de 1835 un gran terremoto destruíu por completo a cidade chilena de Concepción. É un terremoto coñecido porque Darwin, que andaba por alí, deixou escrita unha crónica do suceso. A experiencia serviulle para comprender que nin sequera a solidez da Terra é inmutábel. Hai uns días, cunha curiosa precisión xerada polo caos interno do planeta –175 anos e 7 días despois– a mesma rexión de Chile volveu sacudirse con forza, como querendo desfacerse deses pequenos seres que constrúen casas e estradas enriba da súa pel. Chile sofre terremotos decotío, así que a coincidencia na data non ten ningún misterio. Mais a explicación destes fenómenos cataclísmicos si que era un misterio hai 175 anos. Esa é unha diferenza esencial entre aquel terremoto de 1835 e este de 2010: agora temos unha teoría científica coherente que explica o tremor. Antes só había brétema.
A teoría que explica estas sacudidas do bicho Terra chámase Tectónica de Placas: a cortiza terrestre é un puzzle formado por varias placas que andan a moverse –varios centímetros cada ano–, de tal xeito que tropezan unhas con outras, formando montañas, fosas submarinas, volcáns, terremotos, e cousas así. Esta teoría, que a maioría da xente ten bastante ben asimilada é, aínda que non o pareza, un logro moi recente da ciencia, xa que foi desenvolvida a mediados do século XX. A semente máis importante foi un libro publicado en 1915 –precedido por varias charlas nos anos anteriores– polo científico alemán Alfred Lothard Wegener: “A orixe dos continentes e océanos”.
Nese libro explicaba e argumentaba a súa teoría da mobilidade continental –parece ser que mal traducida como “deriva continental”. Como pasou tantas outras veces, ao principio a maioría de científicos non lle fixo moito caso. Logo de publicar o libro, este meteorólogo e xeofísico seguiu traballando en varios temas afíns, como a formación dos cráteres da Lúa ou a historia do clima (paleoclimatoloxía). En 1930, cando estaba en Groenlandia nunha das súas expedicións, foi vítima dunha tormenta e morreu no medio da neve. Foi encontrado na primavera do ano seguinte, envolto no seu saco de durmir e nunha pel de reno. E alí segue, protexido polo xeo; vítima da natureza cambiante dun planeta que el axudou a descifrar (a foto que acompaña este texto mostra a Wegener e a Rasmus Villumsen, compañeiro groenlandés na mesma expedición, pouco antes de morrer os dous). Foi anos máis tarde cando outras evidencias científicas –como a expansión dos fondos oceánicos– deron credibilidade á teoría de Wegener e cristalizaron na teoría actual da Tectónica de Placas.
Un dos froitos máis sobresaíntes da ciencia é a capacidade de predición e, con todo, predicir un gran terremoto segue a ser moi complicado: a escala e o número de variábeis que están en xogo son enormes. Mais, co tempo –o grande construtor–, a información será máis abundante e precisa e as predicións serán mellores e, entre outras cousas, axudarán a salvar vidas. Outro produto da ciencia, a predición meteorolóxica, que é tamén extremadamente complexa, é utilizada decotío, moitas veces cunha precisión desconcertante. Arroupados pola pitonisa científica, podemos chegar un sábado a casa, fechar fiestras e portas, acender a cheminea, sentarnos comodamente no sofá e, lendo tranquilamente o xornal, agardar a chegada de Cintia. Tarde ou cedo, con máis ou menos xenio, sabemos que vai pasar


RSS
