culturagalega
consello da cultura galega

Perdendo neuronas

Publicado o 24 Mar 2010

adn_034Dentro do cranio temos un montón de neuronas, miles de millóns. O momento no que máis temos é cando somos rapaces, ao finalizar o desenvolvemento do encéfalo. Logo van morrendo pouco a pouco, continuamente, inexorablemente e, como é un tecido cunha capacidade limitada de renovación, cada vez van quedando menos. Calcúlase que perdemos algo así como unha neurona por segundo; desde que comezaches a ler este texto xa perdiches algo así como 15 neuronas!

Ao cabo de toda unha vida, con este ritmo constante de morte de células, perdemos aproximadamente un 3 % do total. É unha porcentaxe baixa e normalmente hai neuronas suficientes para que o sistema funcione máis ou menos ben. Pero nalgúns casos a taxa de morte neuronal é máis alta e iso pode notarse ao chegar a certas idades: enfermidades como o Alzheimer ou o Parkinson son manifestacións dunha excesiva perda de neuronas. Paradoxalmente estas enfermidades son máis comúns agora que séculos atrás, cando a medicina estaba menos desenvolvida: a xente vivía menos anos e por tanto estes males, que son en certa medida produto do paso do tempo, non chegaban a manifestarse.

A que se debe esta incapacidade do sistema nervioso central para reproducirse? Como é que as neuronas do encéfalo non se multiplican coa mesma facilidade que o fan os glóbulos vermellos ou as células da pel? Hai cando menos unha razón importante: as neuronas que levamos dentro do cranio son o substrato da nosa individualidade, da consciencia, da memoria, de todos os recordos que imos acumulando desde rapaces. Cada día, cando espertamos pola mañá, somos a mesma persoa que o día anterior, recoñecemos o noso “eu”, e iso é así porque o armazón sobre o que se apoia a individualidade -as neuronas e as súas conexións- se mantén ao longo do tempo. Se o sistema puidera reproducirse coa mesma facilidade que o fan outros tecidos, sería moito máis difícil manter a estrutura da individualidade, manter o “eu” e a memoria ao longo do tempo.

Mais ollo, que as neuronas sexan as mesmas non quere dicir que o encéfalo sexa un sistema ríxido: as conexións que establecen as neuronas entre si mudan coa experiencia, e iso permite o desenvolvemento da memoria, a aprendizaxe de tarefas novas e a recuperación logo de sufrir algún tipo de lesión. O sistema nervioso é estábel pero, ao mesmo, moi plástico. A perda paulatina de neuronas pode compensarse facendo traballar á máquina: aprendendo cousas novas, estimulando a curiosidade, afrontando retos cognitivos.

Nota: en xeral considérase que as neuronas dos seres humanos non se reproducen. Isto é esencialmente certo. Con todo, hai poucos anos descubriuse que nalgunhas rexións do sistema nervioso están a nacer neuronas continuamente ao longo de toda a vida. Pode que estas neuronas estean implicadas na formación de novas memorias, mais aínda non se coñece con detalle a extensión nin a magnitude deste proceso.