Natalia Poncela
Natalia Poncela pertence e ilustra perfectamente a nova xeración de profesionais relacionados coa promoción da creación contemporánea en Galicia. Desenvolve a súa actividade central, desde hai tres anos, como redactora xefe da revista ART NOTES e é crítica de arte do programa “Diario Cultural” da Radio Galega. Colabora habitualmente con diversas institucións na realización de ensaios para catálogos, como “Novos Valores” da Deputación de Pontevedra. Vén de coordinar as xornadas “Artes da mediación” no CGAC, e sobresae a súa implicación en proxectos, como o comisariado da exposición “Trompe-la-mémoire” na Fundación Luis Seoane.
1. Recomenda un proxecto que se esté a desenvolver a nivel internacional?
Interésame especialmente o traballo daqueles centros que traballan desde (e para) a contemporaneidade, algo tan evidente que é esquecido; busco aqueles espazos que manteñen un compromiso serio coa produción (é dicir, nin guías paternalistas nin políticas promocionais). Acoutando xa este espazo, falaría do ZKM en Karlsruhe, un espazo que absorbe as funcións de centro de produción, análise, exhibición, arquivo e documentación. Baixo unha estela bauhasiana conta con diversos espazos diferenciados (tanto arquitectónica como funcionalmente), cunha importante colección (tanto en pezas referenciais como en cantidade) e cun interese no desenvolvemento de proxectos interdisciplinares e na colaboración con outros centros. Baixo a dirección de Peter Weibel, o ZKM céntrase tanto na análise tanto da práctica como da teoría discursiva, programando encontros e debates (como o deste outubro The Global Challenge of Art Museums II. Where is Art Contemporary? 19 e 20 de outubro) cuestionándose o modelo museístico e cal é o lugar para a arte.
2. Desde a túa experiencia como redactora xefa de ART NOTES, que revistas ou publicacións periódicas reúnen, ao teu parecer, valores significativos no panorama actual?
As publicacións seriadas conforman unha conexión directa e real para o devir editorial artístico, vixente e inmediata da lectura da produción. Poderíamos distinguir aquelas que miran cara ao calendario expositivo e aquelas outras cuxas aproximacións son lecturas axiomáticas que colaboran na conformación dun substrato epistemolóxico. No primeiro dos casos, Exit Express é unha boa opción doméstica cunha marcada liña editorial xunto á francesa Art Press ou ás estadounidenses Art Forum ou Art in America. Atención aparte merecen proxectos editoriais como Cphoto (Ivory Press) especializada no medio fotográfico cunha recuperación e unha importante aposta. Interésanme especialmente aqueles proxectos como Acción Paralela nos que se rexistran textos e contextos relevantes para todos os axentes artísticos.
3. Como advirtes a situación actual da crítica de arte e do comisariado na engrenaxe do sistema actual?
Entendo que, na rede medial adscrita á produción artística actual, se suliña certa crise. Por unha banda, existe un enredo entre as prácticas críticas e as comisariais. As dúas prácticas confúndense por formar parte da mediación. As dúas constrúen unha necesaria base epistemolóxica sobre a que se vertebra e contextualiza a creación. Porén é a practica comisarial a que conforma a semántica da lectura e as postas en escea da produción artística e son as prácticas críticas as que intermedian, as que reescriben e posicionan eses productos. Por outra parte, esa crise maniféstase na anestesia acomodaticia co poder de grande parte dos profesionais destes dous eidos.
4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia.
A arte contemporánea en Galicia precisa vivir un agromar de proxectos que determinen a interiorización da contemporaneidade por parte de todos os axentes implicados; precisamos da profesionalización deste eido e de vontades institucionais que as resgarden. Mais que dun único proxecto, penso na carencia de dous tipos de espazos. Dun lado teríamos un tipo de proxecto rexido desde o eido público pero xestionado por profesionais (con capacidade autónoma de traballo), destinado a facilitar a produción de obra.
Trataríase dun espazo fóra do eido académico (máis vinculados con el) no que alén de organizar obradoiros se potenciase o coñecemento de ferramentas e estratexias de traballo, e que dispoña de células de traballo en diferentes lugares (xa existen proxectos edilicios repartidos e sen programación que ben podían ter esa función, pensemos por exemplo nos centros comarcais). Doutro lado teríamos a pertinencia da visibilidade da produción, e da calidade desa exhibición. En todas as vilas coñecemos amplos espazos desocupados, ben sexan industriais ou institucionais sen contido, espazos que poden ser absorbidos pola xestión pública ou privada. Avogo pola relectura destas arquitecturas xa existentes, pola súa xestión pertinente.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Son múltiples e plurais as respostas da produción artística á realidade presente. Penso que non podemos falar de claves xeracionais ou xeográficas. Porén o que si é certo é que o escaparate expositivo amosa unha realidade común: estamos ante unha excesiva presenza da narratividade, algo moi visible en bienais e eventos curatoriais. E elixo o adxectivo excesiva porque que é un lastre esa dependencia do relato, sobre todo cando se empregan medios nos que se inserta o rexistro temporal. Aposto pola anarratividade e polas pescudas máis inmanentes á propia construción da imaxe.
