Susana Cendán
Susana Cendán é licenciada en Xeografía e Historia pola USC e Doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Complutense de Madrid. Profesora, desde 1999, de Teoría e Historia da Arte na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, desde 2004, de Historia e Teoría da Arte e da Moda na Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia. Dentro da súa actividade profesional destaca a etapa como coordinadora do Departamento de Educación do CGAC (1995-1998) e a asesoría cultural na posta en funcionamento do Centro de Arte Torrente Ballester de Ferrol (1999-2000). Comisaria de diversas exposicións, na actualidade exerce de crítica de arte no programa “Miraxes” da TVG, sendo en anos pasados do “Diario Cultural” da Radio Galega e na Voz de Galicia; vén de comisariar a mostra colectiva “Afinidades selectivas” na Casa Galega da Cultura en Vigo.
1. Desde o teu labor profesional, ¿cómo definirías o rol da crítica de arte e do comisariado dentro da engrenaxe do sistema da arte actual?
Evidentemente o crítico é unha figura clave no desenvolvemento da arte na actualidade. Clave e poderosa. A súa axuda á hora de promover a determinados artistas é máis ca unha evidencia. Sen embargo, debe de haber algo máis que un dedo que bendiga e sinale con total impunidade desde as alturas. A existencia dunha relación de aprendizaxe mutua, de intercambio de impresións e coñecementos entre crítico e artista, incluso entre institucións, é unha esixencia que se me antolla imprescindible.
En canto aos comisariados, é un tema tan aberto que parece que todo vale. Penso que a labor dun comisariado pecha un alto grao de profesionalidade e responsabilidade, debe de ensinar algo. Adoro as exposicións nas que aprendo cousas, que me abren novos horizontes, que, dalgunha maneira, axúdanme a comprender o mundo no que vivo. Non entendo o gasto que se fai en comisariados inútiles, con catálogos carísimos, por parte dalgunhas institucións, porque non están achegando nada. Non nos descobren nada. Simplemente están aí, ensimesmadas nos seus fastosos presupostos, sen ningún nivel de esixencia ou de contactar cunha realidade en permanente transformación.
2. Desde a túa experiencia docente, como advirtes a situación actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e o seu lugar no panorama galego.
A situación da arte en Galicia e fóra dela non se pode entender sen a labor que vén desempeñando a Facultade de Belas Artes. Mira ao teu arredor e comprobarás que o noventa por cento dos artistas que neste momento teñen unha visibilidade, que están aportando frescura e solidez ao discurso intelectual e estético proceden da facultade. Parece que queda mal que eu o diga porque traballo alí, pero síntome orgullosa de formar parte dun proxecto que me permite ver, continuadamente, resultados tan estimulantes. Evidentemente non somos perfectos, queda moito camiño por andar, e estamos nelo. Pero o que podo asegurar é que se traballa moitísimo, porque a creatividade é algo que tes que alimentar constantemente, non só en horario de oficina….
3. Recomenda un artista ou grupo de artistas galegos novos que, ao teu parecer, reúnen valores singulares e de recoñecemento.
Non creo moito nos grupos. Nin nas xeracións. Constantemente están saíndo artistas interesantes. Afortunadamente é un ciclo interminable, por moito que os agoireiros se empeñen en afirmar o contrario. Tampouco vou a mencionar nomes concretos. Téñoo feito, pero despois arrepíntome moitísimo… So che direi que o nivel dos nosos artistas non ten nada que envexar ao dos artistas do resto do mundo. Outra cosa é a proxección. A visibilidade e a supervivencia dos mesmos nun sistema que tende a primar a novidade e a xuventude. E xa sabemos o que pasa cando eses son os criterios a seguir….
4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer/potenciar ou que consideras necesario en Galicia.
O que me parece fundamental, non só para Galicia, senón para o resto do estado é que a arte, e as súas institucións, se independicen da política. A arte debe funcionar de maneira totalmente autónoma, coma sucede noutras partes do mundo, no British Council, por exemplo, creo que sería un bo modelo a seguir. Non é normal que cando se destitúe a un político, arrastre na caída ao director dun museo e a todo o seu equipo. Neste sentido, en Galicia levamos vivido situacións autenticamente kafkianas. Os políticos pasan, e a formación dun bo equipo de profesionais require un tempo e un esforzo –humano e material- co que non se debe xogar.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente.
Sen lugar a dúbidas o pluralismo. Non hai unha liña única, un estilo predominante. Isto, a pesar de ser un tema controvertido, paréceme extraordinario, explicar ou entender a historia dende disciplinas variadas: a moda, o debuxo, a música, o videoclip, a pintura, as culturas urbanas… Moita xente non pode entender que goces da mesma maneira contemplando a madonna de Antonello de Mesina ou un vídeo de Joan Jonas, unha exposición de Patinir no Prado ou unha retrospectiva de Bernhard Wilhelm en Amberes. Eu gozo con todo por igual. E síntome moi afortunada. Afortunada de non pórme límites… a vida xa ten bastantes.
