Pablo Fanego é comisario independente de exposicións e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. As súas iniciativas máis recentes foron a exposición colectiva “How soon is now“, o proxecto de arte e espazo público en Santiago de Compostela “A Cidade Interpretada” e a exposición individual de Alicia Framis, “Secret Strike“, no Centro Galego de Arte Contemporánea. A súa traxectoria profesional anterior está sobre todo vencellada á Fundación Luis Seoane da Coruña, onde traballou nos seus departamentos de Exposicións e Investigación. Neste centro dirixiu ou coordinou proxectos expositivos e editoriais como “En tiempo real. El arte mientras tiene lugar”, “Trompe-la-memóire. Historia y Visualidad” ou “La Construcción del Espectador”. Tamén co-organizou diversos obradoiros e actividades relacionadas coa arte contemporánea, como as xornadas realizadas coa participación da Universidade Internacional Menéndez Pelayo “Diseño de los Pasajes”, “Wrong Site. Arte y Globalización” ou “Estructuras sin Poder. El museo interpretado”.

1. Como definirías o posicionamento do comisariado de proxectos dentro da engrenaxe do sistema da arte actual peninsular?

O rol mediador do comisario coñeceu sen dúbida o seu apoxeo nos últimos dous lustros, ao redor dos contextos múltiples xerados pola globalización e o multiculturalismo. Moitas das transformacións decisivas da arte recente debéronse en grande medida a acción de contados comisarios que catalizaron as novas condicións do presente e apadriñaron unha nómina de artistas baixo as súas ideas. Pero tamén é certo que co tempo produciríase certa inflación da figura do comisario como aquela persoa quen de surfear pola contemporaneidade, equiparado en audacia e creatividade co mesmo artista.
Se ben no panorama peninsular coido que esta afinidade entre artistas e comisarios non se produciu dun xeito tan enriquecedor, e a práctica curatorial entendíase dun xeito máis estanco, sen unha verdadeira negociación dos límites e unha comprensión do significado da arte inserida en contextos tan flutuantes. No noso país as institucións e o mercado conforman circuítos pouco educados e demasiado pechados, e tanto o artista como o comisario atopan aínda grandes dificultades para desenvolver unha verdadeira práctica independente.

2. Desde a túa experiencia como comisario do proxecto A cidade interpretada, como analizarías a celebración dos proxectos recentes Münster, Documenta 12 ou Bienal de Venecia?

Desta vez non se observará un punto de inflexión como cando os tres eventos coincidiran no verán do 1997, e dun xeito claro definíronse moitos dos lugares comúns da arte actual. En calquera caso, os rumores de decepción que acompañan invariablemente a celebración destas citas periódicas é proporcional á grande expectativa que as rodean. Münster é algo único, un modelo a seguir para calquera proxecto de arte pública que privilexie a experiencia do espazo. A ‘estilizada’ proposta de Documenta12 pode ser vista como unha discutible boutade, pero atopeina a lo menos desafiante, unha reflexión correctora que se autocontempla no espello do seu propio mito. Non estiven en Venecia, pero parece que o argumento de Robert Storr foi algo pobre e regresivo.

3. Recomenda un proxecto que se esté a desenvolver a nivel internacional

Comeza o ciclo Passengers no Wattis de L.A, unha exposición in progress que xoga cos modos de construírse as mostras individuais ou colectivas en museos. Finaliza este ano “Becoming Dutch” no Van Abbemuseum de Eindhoven, un programa expositivo e discursivo sobre a conformación das identidades culturais e nacionais, e tamén conclúe “Unitednationsplaza” en Berlin, unha especie de academia libre onde diferentes axentes artísticos cruzaron interesantes ideas.

4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer/potenciar ou que consideras necesario en Galicia, deste a túa perspectiva foránea.

En Galicia é prioritario consolidar as traxectorias dos tres museos de arte contemporánea, son referentes fundamentais para a comunidade artística que favorecen a existencia doutros foros e espazos activos. Na nosa rexión compre ademais potenciar a profesionalización do sector cultural e o diálogo co exterior. Algo que me asombra como comisario procedente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra é que quince promocións non serviran para visibilizar certa relación frutífera artista-comisario, como contribución á creación de canles de recepción artística e diálogo coas institucións. É sobre todo un problema de mala aprendizaxe, de nulo coñecemento daquilo que require a xeración dun contexto funcional de produción. Considero moi necesario traballar neste baleiro, favorecendo intercambios internacionais, axudas á produción, residencias…

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?

Coido que o momento actual da arte caracterízase pola sensación de resaca das novidades que irromperon con forza no tránsito á presente década. Poderiamos estar inmersos nunha especie de intransición prolongada, de xeito que veremos por algún tempo traballos algo repetitivos sobre os tópicos desta envolvente cultura contemporánea. A arte nunca gozou de tanta mobilidade e proliferación de nomes, pero o mercado global tamén fomenta o mimetismo e a falla de autenticidade.