Archive for December, 2007

Pedro de Llano

Pedro de Llano (Santiago de Compostela, 1977) é licenciado en Historia da Arte pola USC, onde remata a súa tese de doutoramento sobre Clement Greenberg a partir dunha investigación desenvolvida no Getty Research Institute de Los Ángeles. Participa en varios proxectos de investigación na mesma universidade e colabora no Máster Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas. Dentro da súa actividade profesional sobresae a co-edición do libro “En tiempo real: El arte mientras tiene lugar” (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2001), xunto a Xosé Lois Gutiérrez, asesoramento de documentación na exposición “A creación do necesario. Deseño en Galicia no século XX” (MARCO, Vigo, 2004) e editor do libro “Wrong Site: Arte y globalización” (Fundación Luís Seoane, 2008). Desde a súa actividade como crítico de arte colabora coas revistas Exit Express e Afterall online e co suplemento Cultura/s de La Vanguardia. Recentemente publicou textos sobre os artistas Tino Sehgal , Dan Graham , Fernando José Pereira, Hans Schabus ou Vicente Blanco. Un dos seus últimos traballos foi o descubrimento e a publicación do dossier que relata a historia da desaparición do artista holandés Bas Jan Ader na costa galega en 1976, en colaboración cos historiadores Marion van Wijk e Koos Dalstar (Veenman Publishers, Rotterdam, 2006). Neste momento prepara un proxecto expositivo que se inaugurará no MARCO en 2008 en colaboración con Pablo Fanego.

1. Desde a túa experiencia no ámbito universitario, como advirtes a situación actual da investigación en arte contemporánea en Galicia?

Dende o meu punto de vista é difícil falar da “situación da investigación sobre arte contemporáneo en Galicia” porque a súa actividade é reducida e precaria. O que non impide que existan algúns proxectos interesantes a nivel persoal ou de grupo. A investigación é un traballo que precisa dunha infraestrutura moi específica que no noso entorno só poden ofertar dous centros universitarios: o departamento de historia da arte de Santiago e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. No primeiro caso, que é o que mellor coñezo, nin sequera existe un departamento de “contemporánea”, nin a figura do “investigador”, propiamente dita. O que me parece que dá unha idea bastante aproximada dos estreitos límites desta actividade. O certo, é que hai moi poucas persoas en Galicia, neste momento, que se podan dedicar a investigación cun respaldo adecuado. E a investigación, polas súas características, precisa dunha dedicación moi intensa.

Os únicos que dispoñen dos medios necesarios para iniciar proxectos deste tipo son, fundamentalmente, os profesores destes departamentos e algúns bolseiros. O maior problema para os bolseiros, como foi o meu caso, ata hai pouco, e o doutros compañeiros, é que se tes sorte e consegues unha axuda económica, podes iniciar unha tese. Se tes máis sorte, e moito entusiasmo, tal vez consigas terminala. Pero o traxecto remata aí. Porque, dun tempo a esta parte, a administración non está destinando recursos suficientes para consolidar a carreira dos investigadores e, moito menos, no ámbito das humanidades. Falar da “situación da investigación en Galicia” nestas condicións paréceme, por tanto, bastante complicado.

Con todo, e a pesar de que a situación na universidade non é moi esperanzadora para os investigadores novos, é certo que hai outros espazos nos que se poden desenvolver este tipo de actividades. Neste sentido, penso que o apoio dos museos a proxectos destas características no marco da súa programación é moi positivo. O CGAC e o MARCO o fan ocasionalmente. E a Fundación Seoane foi pioneira cando creou un espazo dedicado especificamente á investigación —como ocorre en moitas institucións europeas e norteamericanas— que, lamentablemente, desapareceu fai uns anos (refírome ó programa Espacios de creación, que existiu entre os anos 1999 e 2004).

2. Neste sentido, como definirías o rol actual do investigador, do teórico na engrenaxe do sistema actual? Cal sería ou pensas que debería ser a súa participación no deseño de proxectos culturais?

Para min a investigación non é nunca un elemento illado, senón a base sobre a que se configuran outro tipo de proxectos comisariais ou críticos. Penso que a investigación é un substrato, un hábito e unha metodoloxía de traballo que enriquece outras actividades: dende o planeamento dunha exposición ata a crítica máis modesta. Do mesmo xeito, a investigación é, segundo a miña experiencia, unha ferramenta indispensable porque relaciona o traballo no presente coa historia. Tanto a nivel artístico —é dicir, polo que os artistas máis novos significan respecto ó pasado— como a un nivel máis contextual: polo que as obras expresan en relación a paisaxe social, política e económica sobre a que se recortan.

Máis aínda: desde a miña perspectiva, é difícil plantexar un proxecto, por moi contemporáneo e radical que se pretenda, sen ter en conta unha dimensión temporal que vaia cara ó pasado. En especial, no que se refire ó “pasado recente” dos sesenta e os setenta, que aínda é o referente principal das xeracións de artistas máis novos a través do que Hal Foster denominou “acción diferida”. A fin de contas, a institución central do sistema artístico segue sendo o museo. E o museo é, entre outras cousas, un depósito da memoria que se configura mediante un estudio exhaustivo e crítico que se plasma na colección. É aí onde penso que a formación dos investigadores ten moito que aportar no contexto actual.

Por outro lado, a historia, entendida nun sentido amplo —a historia da arte e a historia social—, proporciona un contacto coa realidade distinto ó doutros paradigmas como, por exemplo, o do mercado. Neste senso, paréceme que fundamentar calquera traballo crítico ou comisarial nunha investigación histórica —con tódalas súas variantes— é importante nunha sociedade que se funda en valores tan cuestionables e vulgares como os do consumismo.

3. Pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia, especialmente deste a túa perspectiva como investigador e tamén crítico de arte.

Teño a sensación de que un dos proxectos que terían máis sentido, entre outros moitos, neste momento en Galicia, sería o debate sobre a creación dun centro de produción para artistas, críticos e comisarios semellante ós que existen noutros países. En primeiro lugar, porque axudaría a facer realidade proxectos que doutro modo terían unha viabilidade e unha difusión incerta, cando menos. En segundo, porque sería un lugar de encontro entre os distintos axentes. Algo imprescindible en Galicia hoxe en día. A maiores, paréceme que un centro deste tipo debería enfatizar dúas liñas de acción que calquera artista, crítico ou comisario debería ter en conta no noso entorno: Por un lado, o afondamento dos vínculos con Portugal, en xeral, e coa escena do Porto, en particular. E, por outro, a ineludible “internacionalización” das nosas actividades. Sobre todo, tendo en conta que hoxe en día nin sequera a xente que traballa en metrópoles como Berlín ou Londres depende deses contextos como fonte de traballo, senón dun escenario moito máis amplo, dentro das diferentes escalas nas que se move cada un.

4. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?

Evidentemente as liñas son moitas. Sen embargo, podo subliñar dúas que, en realidade, funcionan case sempre xuntas, e teñen moito que ver co que dicía anteriormente sobre a relación entre a actualidade e o “pasado recente”. Refírome a recepción da crítica institucional e das prácticas performativas na arte dos noventa en adiante, que se inicia con figuras clave como Félix González-Torres ou Andrea Fraser, e se proxecta ata hoxe.

Neste sentido, coido que hai varias cousas interesantes que aportan os artistas que traballan na superación do modelo da vangarda e no marco, tamén, do proceso de integración na denominada “industria cultural”: por un lado, a posibilidade de asumir a práctica artística como unha parte dinámica da sociedade, e non como algo alleo. É dicir, entender o seu traballo nunha paisaxe dialéctica máis ampla que vai dende o museo ata o espazo conflitivo da cidade. Por outro, e derivado disto, creo que estes artistas achegan tamén a posibilidade de efectuar interpretacións críticas das institucións —non necesariamente artísticas— que dan lugar a debates, cambios e transformacións no que se refire ó modo no que os individuos se relacionan co seu entorno. Algo moi necesario cando os sectores máis conservadores da sociedade fomentan a pasividade e o estatismo e atacan sen descanso todo o que teña que ver co público e co colectivo.

5. Recomenda un proxecto que estea a desenvolverse a nivel internacional?

Enlazando coa resposta anterior, os proxectos dun comisario como Jens Hoffmann teñen moito que ver coa recepción e readaptación ó presente da crítica institucional e da performance: “A Little Bit of History Repeated”, un programa que organizou no Kunst Werke de Berlin en 2001, no que artistas novos reinterpretaban pezas performativas dos setenta; o seu traballo no ICA de Londres ata fai un ano, coas exposicións que dedicou a Jonathan Monk, Tino Sehgal e Cerith Wyn Evans; e o proxecto que desenvolve no Wattis Art Institute de San Francisco, agora, van nesa liña: cuestionar con orixinalidade a forma en que o traballo dos artistas é presentado en público dentro dunhas condicións específicas e a partir dunha relación moi íntima coa historia. Ademais, Hoffmann entende o comisariado dende un punto de vista autocrítico que me resulta especialmente próximo polo tema da miña tese sobre Clement Greenberg.

Por outra banda, un proxecto que existiu ata hai pouco e que foi abortado, desafortunadamente, por motivos políticos, pero que me parece absolutamente admirable, é o que dirixiu Sabine Breitweiser na colección da Generali Foundation de Viena.

Marta Gerveno

Marta Gerveno naceu en Compostela e desenvolveu parte da súa actividade académica e profesional en Galicia pero vive e traballa na actualidade en León onde é Coordinadora de Exposicións e Proxectos do MUSAC, Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León. Nesta institución, realizou, entre outros, os seguintes proxectos expositivos: Emergencias, Shirin Neshat, La última palabra, 4 obras de Pipilotti Rist y amigas, Trial Balloons/Globos Sonda ou Candice Breitz. Exposición múltiple, e co-comisariou Sujeto e Pierre Huyghe. A Time Score. Traballou con Haral Szeemann na BIACS I Bienal Internacional de Arte Contemporánea de Sevilla e con Octavio Zaya para a exposición Del Revés. Artists Contemporáneos de Israel. No campo das publicacións supervisou a edición de diversos libros para o MUSAC e o MARCO, así como a produción do libro-CD Music from the Pipilotti Rist videoinstallations. Actualmente prepara a primeira retrospectiva española de Cerith Wyn Evans, comisariada por Octavio Zaya, ademais de comisariar o primeiro gran proxecto de Dominique González-Foerster para España.

1. Desde a túa experiencia no ámbito museístico, especialmente en tarefas de coordinación de exposicións no MUSAC, como advirtes a situación actual dos centros ou museos de arte en España?

Non creo que en ningún momento a xestión dun museo ou outro deban compararse. Cada un busca o seu lugar segundo a dirección do momento, o espazo que ocupa e o público ao que vai destinado, e en ningún caso creo que deba ser o labor dos profesionais alleos a eles e vinculados a outros centros entrar en calquera crítica sexa da índole que sexa. En todo caso, si penso deben ser apoiados polos seus aliados semellantes ante os seus “inimigos” comúns —refírome por exemplo ao intrusismo e a falla de profesionalidade, ou os seus devires sempre a mercé das decisións políticas, unipersoais e partidistas que nada teñen que ver coa materia que abordan no día a día, a arte, a súa produción e difusión—. Con isto quero dicir que en ningún caso creo estar en posición de falar daquilo que descoñezo, en todo caso podería falar de si unha programación me interesa ou non e iso xa sería falar de gustos persoais e circunstanciais.

2. Neste sentido, como definirías o rol actual do comisario de exposicións na engrenaxe do sistema actual?

Ao meu modo de ver, a palabra “comisario” na súa vella acepción de “director orquestral dun evento artístico”, so ten sentido actualmente cando falamos de macro-eventos como as bienais ou exposicións colectivas, onde a selección dun número de artistas ou proxectos ao servizo dun discurso son produto dun comisario —ou equipo curatorial—. Así, tales artistas ou obras traballan e funcionan “para” o funcionamento do discurso dese comisario, traballan “para” o comisario. A preposición “para” define esa construción xerárquica que se establece a partir dunha cúspide, o comisario, e as obras ou o artista operan para soster ese vértice.

Nese caso das exposicións ou proxectos individuais, a palabra “comisario” segue utilizándose, aínda que quizais esta figura ou asignación debera desaparecer pois é o artista quen en comunicación e diálogo “co” —chamémoslle— “xestor de proxecto”, realiza a selección de obra, a edición dun libro ou catálogo, é en definitiva, produtor final. Operamos ante un discurso onde reina a preposición “con” que elimina todo tipo de xerarquía e asume unha igualdade. Por suposto, nestes casos este termo séguese utilizando e non parece vaia a desaparecer, pero nalgún momento a tendencia e a súa posterior asunción acabará por buscar a súa propia nomenclatura.

3. Recomenda un proxecto que se estea a desenvolver a nivel internacional?

Recentemente inaugurouse en Estambul Santralistambul, un centro dedicado á arte contemporánea asentado nas antigas instalacións da primeira central eléctrica do país turco. O máis chamativo non é tanto unha programación que aínda está por conformarse ou arrincar, senón o seu intuitivo decálogo no que á xestión se refire. O centro pertence á universidade privada Istanbul Bilgi Universitesi, e se erixe nas instalacións do campus destinado ás ensinanzas de xornalismo, arquitectura, deseño e belas artes co que a dirección se vale da súa propia materia prima, os estudantes, para a realización e organización de todas as actividades e eventos que alí se celebran; de igual modo os estudantes reciben a mellor ensinanza que poden para unha maior firmeza no seu posterior inmersión no mundo laboral: o traballo. A gran dimensión do proxecto e as instalacións, convérteno nun férreo exemplo de auto-xestión.

4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia, especialmente deste a túa perspectiva foránea.

Aínda que son galega, e aínda que en Galicia nacín, vivín e realicei parte dos meus estudos, o certo é que en termos de traballo considérome unha profesional, e como profesional non entendo de xeografías máis que por cuestións meramente estéticas. Pensar en algo “necesario” para Galicia sería estar realizando “política cultural”, e no fondo, o único proxecto que considero necesario non só en Galicia, senón en todas partes, é que os profesionais da xestión cultural, e en concreto da arte contemporánea, deixaran de ter que facer política.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?

A encontrar a diferenza na repetición.