Marta Gerveno
Marta Gerveno naceu en Compostela e desenvolveu parte da súa actividade académica e profesional en Galicia pero vive e traballa na actualidade en León onde é Coordinadora de Exposicións e Proxectos do MUSAC, Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León. Nesta institución, realizou, entre outros, os seguintes proxectos expositivos: Emergencias, Shirin Neshat, La última palabra, 4 obras de Pipilotti Rist y amigas, Trial Balloons/Globos Sonda ou Candice Breitz. Exposición múltiple, e co-comisariou Sujeto e Pierre Huyghe. A Time Score. Traballou con Haral Szeemann na BIACS I Bienal Internacional de Arte Contemporánea de Sevilla e con Octavio Zaya para a exposición Del Revés. Artists Contemporáneos de Israel. No campo das publicacións supervisou a edición de diversos libros para o MUSAC e o MARCO, así como a produción do libro-CD Music from the Pipilotti Rist videoinstallations. Actualmente prepara a primeira retrospectiva española de Cerith Wyn Evans, comisariada por Octavio Zaya, ademais de comisariar o primeiro gran proxecto de Dominique González-Foerster para España.
1. Desde a túa experiencia no ámbito museístico, especialmente en tarefas de coordinación de exposicións no MUSAC, como advirtes a situación actual dos centros ou museos de arte en España?
Non creo que en ningún momento a xestión dun museo ou outro deban compararse. Cada un busca o seu lugar segundo a dirección do momento, o espazo que ocupa e o público ao que vai destinado, e en ningún caso creo que deba ser o labor dos profesionais alleos a eles e vinculados a outros centros entrar en calquera crítica sexa da índole que sexa. En todo caso, si penso deben ser apoiados polos seus aliados semellantes ante os seus “inimigos” comúns —refírome por exemplo ao intrusismo e a falla de profesionalidade, ou os seus devires sempre a mercé das decisións políticas, unipersoais e partidistas que nada teñen que ver coa materia que abordan no día a día, a arte, a súa produción e difusión—. Con isto quero dicir que en ningún caso creo estar en posición de falar daquilo que descoñezo, en todo caso podería falar de si unha programación me interesa ou non e iso xa sería falar de gustos persoais e circunstanciais.
2. Neste sentido, como definirías o rol actual do comisario de exposicións na engrenaxe do sistema actual?
Ao meu modo de ver, a palabra “comisario” na súa vella acepción de “director orquestral dun evento artístico”, so ten sentido actualmente cando falamos de macro-eventos como as bienais ou exposicións colectivas, onde a selección dun número de artistas ou proxectos ao servizo dun discurso son produto dun comisario —ou equipo curatorial—. Así, tales artistas ou obras traballan e funcionan “para” o funcionamento do discurso dese comisario, traballan “para” o comisario. A preposición “para” define esa construción xerárquica que se establece a partir dunha cúspide, o comisario, e as obras ou o artista operan para soster ese vértice.
Nese caso das exposicións ou proxectos individuais, a palabra “comisario” segue utilizándose, aínda que quizais esta figura ou asignación debera desaparecer pois é o artista quen en comunicación e diálogo “co” —chamémoslle— “xestor de proxecto”, realiza a selección de obra, a edición dun libro ou catálogo, é en definitiva, produtor final. Operamos ante un discurso onde reina a preposición “con” que elimina todo tipo de xerarquía e asume unha igualdade. Por suposto, nestes casos este termo séguese utilizando e non parece vaia a desaparecer, pero nalgún momento a tendencia e a súa posterior asunción acabará por buscar a súa propia nomenclatura.
3. Recomenda un proxecto que se estea a desenvolver a nivel internacional?
Recentemente inaugurouse en Estambul Santralistambul, un centro dedicado á arte contemporánea asentado nas antigas instalacións da primeira central eléctrica do país turco. O máis chamativo non é tanto unha programación que aínda está por conformarse ou arrincar, senón o seu intuitivo decálogo no que á xestión se refire. O centro pertence á universidade privada Istanbul Bilgi Universitesi, e se erixe nas instalacións do campus destinado ás ensinanzas de xornalismo, arquitectura, deseño e belas artes co que a dirección se vale da súa propia materia prima, os estudantes, para a realización e organización de todas as actividades e eventos que alí se celebran; de igual modo os estudantes reciben a mellor ensinanza que poden para unha maior firmeza no seu posterior inmersión no mundo laboral: o traballo. A gran dimensión do proxecto e as instalacións, convérteno nun férreo exemplo de auto-xestión.
4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia, especialmente deste a túa perspectiva foránea.
Aínda que son galega, e aínda que en Galicia nacín, vivín e realicei parte dos meus estudos, o certo é que en termos de traballo considérome unha profesional, e como profesional non entendo de xeografías máis que por cuestións meramente estéticas. Pensar en algo “necesario” para Galicia sería estar realizando “política cultural”, e no fondo, o único proxecto que considero necesario non só en Galicia, senón en todas partes, é que os profesionais da xestión cultural, e en concreto da arte contemporánea, deixaran de ter que facer política.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?
A encontrar a diferenza na repetición.
