David Barro (Ferrol, 1974) é crítico de arte e comisario de exposicións. Vén desenvolvendo unha constante actividade como editor de Dardo ds e co-director da revista de arte contemporánea Dardo Magazine. Entre a súa traxectoria estivo exercer como docente na Escola das Artes da Universidade de Porto (2000-2006) e director das revistas Interesarte, Arte y parte e [W]art, ademais de fundador e director artístico de A Chocolataría no 2005. Como comisario de exposicións realizou diversas mostras individuais e colectivas entre as que destacan “Sen título” na Fundación Barrié, “Del zero al 2005. Perspectivas del arte en Portugal” na Fundación Marcelino Botín, “Sky Shout” e “Sen Xeración” no Auditorio de Galicia, “Otras Alternativas” no MARCO e “Seducidos polo accidente” na Fundación Luis Seoane. Autor, entre outros, dos libros “The Origin as Goal. Words and silences in Richard Long’s walk”; “Gary Hill, Poet of Perception”; “Imagens (Pictures)” ou “Rita Magalhães”. Na actualidade é crítico de arte de El Cultural , masdearte.com e colabora coa revista Lápiz. É membro do consello editorial de Grial, Obradoiro, e membro fundador e da xunta directiva do Instituto de Arte Contemporánea (IAC).
1. Desde a túa experiencia como comisario de diversas exposicións, como definirías o lugar que ten ou debe ter o comisariado dentro da engrenaxe do sistema da arte actual? E concretamente en Galicia?
De partida, direi que para min o comisariado é unha forma de crítica. A recepción xa é unha forma de crítica e a crítica a realizar é necesariamente unha creba do consenso. Hai moita xente que escribe nos lugares destinados á crítica de arte en xornais, publicacións… Eu considero críticos de verdade aos que logran definir unha liña, unha actitude e unha razón. En Galicia pécase de pensamento único, o pensamento do medo, onde todos os críticos queren pensar igual que os responsables das institucións para ver se así cae algún comisariado ou texto. Cando comecei, é posible que pecase diso mesmo, agora vou polo lado contrario, creo que incluso excesivamente. Todo o que non debe ser un crítico é submiso ao poder, salvo que penses coma el, así si. Particularmente penso que a calidade das exposicións en Galicia está peor que nunca nos últimos anos, sobre todo a causa dunha mala xestión do CGAC e a desaparición doutros espazos antes referenciais. Cando o modelo mingua, o resto tamén o fai. Así, ese lugar que me preguntas que debería ter o comisariado e a crítica en Galicia é máis que nunca a confrontación, desde a produción de comisariados ou desde exercer a voz pública con forza e sen medo. Hai xente que o está a facer, pero tamén hai críticos dos que non saberiamos dicir que artistas defenden e cales non, ou que liñas de exposicións. Iso non é crítica, é xornalismo cultural, o cal está ben, pero cada cousa debe ficar no seu lugar. No comisariado pasa o mesmo; non se trata de expor, senón do por que e do como.
Estou de acordo con De Duve na necesidade artística e crítica de creba un consenso. Particularmente entendo a crítica e o comisariado como algo capaz de producir diferenzas, de diseminar o sentido dunha obra de arte. Pero ese algo ten que contextualizarse co contexto e historia dun lugar. E coa recepción que como falaba ao principio é outra forma de crítica. Como a recepción cambiou, sobre todo a partir dos anos sesenta, pois tivo que redefinir os seus métodos, abordaxes e formas de diseminación pública. O comisariado é unha das vías máis efectivas.
Un golpe que resultou definitivo para a crítica é que os últimos grandes logros teóricos viñeron da man de comisarios. Así, a crítica autónoma, como reflexo de si mesma, recórdame aos avatares da pintura baseada no seu propio discurso sintáctico. Moitos pérdense nunha perigosa metalinguaxe, de citas continuas, que é chegar ao fin por perder o seu propio fin. Certa utopía crítica propugnada por algúns só resultará posible se existen outras formas de crítica que activan a engrenaxe, como o comisariado.
Se alguén entende que un comisario é un axenciador de oferta cultural sen máis e un crítico que escriba nun suplemento é un mero propagandista da industria xornalística; naturalmente crebamos a moral da crítica. En todo caso, supoño que ninguén que exerza o comisariado dun modo serio opine así. Sobre todo no momento en que un museo xa non lexitima practicamente nada, ou polo menos, un museo calquera. A pluralidade torna necesario o xuízo, o exercicio crítico, o comisariado. O ‘lugar’ da crítica debe ser diseminado para ser efectivo. Non preocupan tanto os aspectos da estética como os intentos de construír espazos de resistencia e de oposición en todos os campos. Tamén a necesidade de plataformas capaces de convencer á xente que abandonen o televisor por unhas horas e vaian ao encontro dunha exposición: o porqué merece a pena.
O museo de hoxe viuse forzado a unha deriva máis política e de achegamento ao público, pero moitas veces esta foi mal entendida. O museo resulta menos elitista e serio, pero tamén resulta menos rigoroso. Para chegar a un museo -sobre todo coa febre do novo, de descubrir algo- un artista debe pasar menos crebas. Por iso é polo que a intervención crítica é vital e necesaria. O comisariado como crítica pode poñer freo e crear reflexión e confrontacións na institución/museo. Algo así como un médico de garda. Particularmente avogo por un tipo de comisariado e crítica de linguaxe intelixible, tolerante e menos empachosa que a dos que utilizan a arte escurecendo a súa linguaxe; posiblemente detrás disto non hai nada que dicir ou medo a dicilo. O que predomina é o ambiguo. Tamén se perdeu certa loita estética ou xeracional. O ataque feroz é persoal, non estético. Tampouco predominan os desbordamentos, nin os pensamentos a gran escala (penso no modernismo e Greenberg). Non temos tempo; só para a exposición en curso.
2. Desenvolviches diversas actividades fóra de Galicia. Como advirtes a visibilidade da arte galega no territorio peninsular?
Pois perdimos terreo precisamente cando máis doado era gañalo. O último pau foi a inxusta exclusión das galerías galegas en ARCO. Alguén agora importante díxome que porque traballaban nun segundo mercado. Pero, como, que Gordillo, Croft ou Calapez veñan, por exemplo, a Santiago e expoñan é segundo mercado só polo feito de non ser a súa galería principal? E as principais galerías españolas que expoñen a Knoebel, Ousler, Mapplethorpe ou Neto son tamén un segundo mercado? Evidentemente, non. O que pasa aquí é que os nosos representantes non teñen forza exterior para defendelas (ou non queren). Algo que sí facía Fernández-Cid, que sempre se preocupou de situacións como esa cando era director do CGAC. Por outro lado, o politizar autonomicamente a representación española na Bienal de Venecia estou seguro de que nos pasará certa factura, seguramente inxusta, á hora de exportar aos artistas galegos. O feito en sí non é malo, por suposto, pero o protagonismo debeu ser doutra maneira; nunca político. Como comisario ou crítico en Galicia non me cabe outra que ser escéptico; é a miña posición máis benevolente.
Que aspectos se deberían potenciar?
Creo que hai máis xente capacitada que nunca para desenvolver proxectos artísticos en Galicia pero mentras non exista unha crítica realmente seria -política pero non partidista- que permita facer balance, que permita desenvolverse sen envexas nin compromisos, non conseguiremos avanzar. Cada oportunidade está sendo unha oportunidade perdida. Seguramente, como sinalaba Proust, necesitamos novas estratexias para falar do importante. Sen medo. Pero en Galicia, sempre hai medo, un medo herdado que non somos capaces de romper. E iso crea problemas á hora de reafirmar o noso, os artistas nos que cremos, a xente que o está facendo ben. Con esa sorte de complexo sempre nos situaremos como segundo prato.
Fai pouco lin que Borges dicía que se pasara a vida pensando en mulleres, pero continuamente repensaba o seu lugar e por iso chegou a frases como: “la democracia es una superstición muy difundida, un abuso de la estadística”. Non era anti demócrata, era desconfiado. Non é malo ser desconfiado pero sí medorento e a Galicia artística ten medo, aínda que, a verdade, non entendo a qué. E ser valiente é ditar opinión co teu nome, ou con pseudónimo que proveña dun lugar recoñecible, que se saiba quen está aseverando algo. Do contrario, é un acto de covardía que non merece a pena nin comentar. E así funciona Galicia, entre a soberbia incompetencia de algúns dos responsables de institucións e os que esperan recibir algo. Que facer, non o sei. Particularmente me dediquei a traballar máis fóra, onde non teño ningún tipo de trabas, e naturalmente, a traballar desde o privado; vexo moi estraño, case imposible, que se dean as condicións que agora esixiría para vincularme regularmente a algún espazo ou cargo público, perdería tempo, diñeiro e independencia. Non é que estea en contra do público, xa que creo na colaboración entre o público e o privado e se necesitan mutuamente, pero o meu proxecto ou perfil é outro, máis independente e menos submiso. Cada día que pasa estou máis convencido.
3. Desde a túa perspectiva como editor, como definirías a situación actual das publicacións relacionadas coa arte contemporánea? E o seu lugar en Galicia?
En xeral, falta divulgar posicionamentos e ideas, e sobran os catálogos de luxo de carácter local. Penso que tanto en España como en Galicia non debemos de ter queixa no que respecta a publicacións no campo da arte contemporánea. En Galicia temos Art Notes que cubre a actualidade das exposicións e Dardo magazine que codirixo con Paulo Reis e que non está pensada segundo a súa periodicidade senón algo así como unha enciclopedia de arte actual. Agora ben, se falo do lugar en Galicia para Dardo magazine, concluirei que polo de agora non existe. Somos unha publicación internacional con sede en Santiago de Compostela pero o 90% do noso capital provén de países como Brasil e Portugal ou outras rexións españolas como Castela-León (o MUSAC é o noso principal apoio en Dardo magazine, co Museo Patio Herreriano estamos coeditando 3 importantes publicacións e co Da2 de Salamanca xa coeditamos un libro). Mentres o apoio de espazos como o CGAC ou o MARCO polo de agora non existe tanto na revista como nos libros. Aínda que mentiría se dixese que me preocupa en exceso, polo contrario, isto é a evidencia de que o proxecto de Dardo non é un xoguete local. Non quero apoios de compromiso senón verdadeiros proxectos de colaboración. En Dardo escribiron textos orixinais -ex profeso para a revista- algúns dos pensadores máis importantes do noso tempo como Thierry de Duve ou Michael Hardt e agora estamos traballando directamente con Hans Belting na posibilidade de co-producir proxectos editoriais entre Dardo, a Universidade de Karsruhe e o ZKM, un importante centro desa mesma cidade. A posibilidade saíu do propio Belting a quen lle pedimos un texto e teremos unha reunión pronto en Alemaña para concretar a súa viabilidade. Pola contra, as universidades galegas nin se molestaron en suscribirse á revista, nin tampouco as institucións (a excepción do MARCO). O lugar das publicacións de arte contemporánea en Galicia, polo de agora, está fóra, polo menos na miña experiencia.
4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia.
O proxecto que me gustaría facer chámase Dardo e xa o estou a facer conxuntamente cun magnífico equipo de persoas. Polo de agora temos unha editorial (que incide sobre todo en Brasil, Portugal e España), dúas revistas (Dardo magazine e Serendipia) e unha empresa de deseño, pero teño na cabeza moitas máis cousas que veñan a reforzar estas e algunha verá a luz nos próximos meses coincidindo cun cambio e ampliación do noso espazo físico. Ese é o meu proxecto principal e leva o ‘ritmo’ e o ‘tempo’ que lle marco eu mesmo. O equipo de persoas que traballan en Dardo é magnifico, así que as expectativas que tiña vense cumpridas con creces.
Supoño que a pregunta procuraba outro tipo de resposta, pero esta é a única que teño. Naturalmente, teño varios proxectos na cabeza e moitos deles tentarei facelos pronto, se serán en Galicia ou non dependerá das circunstancias. Agora estou preparando un grande proxecto para o Museo Patio Herreriano de Valladolid, tanto na vía editorial (será presentado en ARCO) como expositiva (inauguramos no día 14 de marzo). Eles pedíronme un proxecto e eu presentei ‘Parangolé’, un proxecto que estou seguro lles dará unha visibilidade importante. Despois convidei ao crítico brasileiro Paulo Reis para traballar conxuntamente e estou a disfrutar inmensamente na realización do proxecto. É case como unha bienal, con case 90 artistas na exposición e 145 no proxecto editorial que coedita Dardo e que ten implícito un exercicio de curadoría.
No que respecta á segunda parte da pregunta, penso que Galicia non precisa dun proxecto en si, senón doutras cousas. Para comezar, precisa doutro CGAC; o desprestixio ao que se chegou é tan grande que non merece nin sequera comentarios. Tamén precisa que o MARCO dea un paso máis, asuma responsabilidades e deixe de traballar un modelo cómodo de exposicións colectivas máis ou menos afortunadas. Está traballando ben, por iso agora temos que comezar a demandar outras cousas que o tornen un referente.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?
A arte viviu situacións que a levaron a converterse nunha sorte de ciencia de comportamento, nun espazo de experimentación permanente que multiplicou as súas canles, ao tempo que se adaptou ás variacións na tecnoloxía da imaxe, ao desenvolvemento dos media e, en definitiva, ao calidoscopio de representacións derivadas en infinitas formas. Hoxe resulta absurdo separar a creación artística do resto de dinámicas que compoñen a engrenaxe da nosa sociedade, marcada por unha invisibilidade accidental permanente e omnipresente. Tamén o evitar unha centralidade dominante, convencido da enerxía concentrada en países semi-periféricos como Brasil, México, Arxentina, Portugal ou, mesmamente, España, e de como xa non podemos falar dunha gran narrativa senón de pequenas narrativas parciais acordes co auxe da posmodernidade (Lyotard). Iso configura o noso presente.
Partindo da base de que o que coñecemos como disciplinas artísticas nunca desaparece, simplemente son condenadas a un grao de maior ou menor ostracismo polos cambios tecnolóxicos, ou máis concretamente, a unha modificación profunda da súa produción e difusión, enfatizarei a importancia -como tendencia teórica- do seu estudo diferenciado para evidenciar a non-diferenza. Porque, no fondo, todo evoluciona de maneira similar: o artesanal, pérdese noutras artesanías; o aurático, tamén; e, como non, o comercial que, desde o auxe por desmaterializar a arte, tivo que adaptarse a unha mercantilización con obras que, en moitos casos, non existen formalmente. Así, a tendencia, como sempre, resulta clara: prima o que compran os principais coleccionistas e o valor en mercado; así se debuxa o panorama, ou alguén cree o contrario?