Monse Cea
Monse Cea (1971) é licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola USC. Foi comisaria de máis de trinta exposicións, moitas delas realizadas na Fundación Granell; xunto con Edu Valiña, foi co-comisaria das colectivas “Adosados”, “Libro de artista” e “O debuxo por diante” (realizado no CGAC e noutros espazos de Compostela) e do destacado proxecto “Procesalia” desenvolto desde a USC na igrexa da Universidade en Compostela. Dirixiu a galería Minotauro entre a tempada 1995-96 e durante anos creou e impartiu obradoiros de creatividade plástica para nenos e adultos en diversos concellos da provincia da Coruña. Dentro da súa traxectoria como artista plástica destaca a última exposición en 2004 na galería Por amor a arte, do Porto. Colaborou con diversas institucións na elaboración de textos de análise para diferentes catálogos. Durante sete anos exerceu como crítica de arte no programa Diario Cultural da Radio Galega e na actualidade é adxunta á dirección na Fundación Granell.
1. Desde a túa experiencia como comisaria, xunto a Edu Valiña, do proxecto “Procesalia”, como advirtes desde a distancia o que foi esa interesante iniciativa? Cal cres que á situación actual do comisariado en Galicia?
Procesalia, proxecto que se desenvolveu co auspicio da Vicerreitoría de Extensión Cultural da USC -todo hai que dicilo, co apio incondicional da responsable daquela do programa expositivo Mercedes Rosón-, tiña a peculiaridade de ser un proxecto unicamente dedicado a “site específic” nunha, aínda que des-sacralizada, igrexa xesuíta. Durou tres anos, 19 proxectos, moito suor, moita ilusión e escasa remuneración para nós. Mais, vivimos o proceso con orgullo e seguímolo tendo. E alégrame que me preguntes sobre el, porque andamos argallando unha publicación que recolla e revise, a nivel teórico, este proxecto do que non houbo publicación, e, que nos saibamos, se mencione en ningunha. Procesalia, que foi fundamental para Edu Valiña e para min, como xestores culturais e como artistas; foi fundamental tamén, en palabras de moitos dos e das artistas cos que traballamos, para o desenvolvemento ou o arranque das súas traxectorias.
Sabes que a nosa vinculación á igrexa da USC pasa, nunha primeira instancia, por participar como artistas nun programa anterior chamado “Iniciativa Curva”. Edu Valiña comezaba como artista e animoume a expoñer con el, e eu -que contaba xa con algunha experiencia en xestión- lle ofrecín que presentaramos un proxecto de intervención específica tal como fixeramos nos como artistas.
O status-quo do comisariado en Galiza pasa pola disfunción entre a cancha dada –da man de determinadas institucións públicas e privadas- a comisarios e comisarias galegas para desenvolver proxectos aquí, e a escasa visibilidade que estes proxectos teñen fóra –como si estes só foran defendibles aquí-… e non estou caendo no tópico do auto-odio consistente en valorar o de dentro sempre e cando sexa referendado fóra, senón que penso que ten que ser precisamente ao revés, temos que valorar a nosa produción propia e non privar ao mundo dela.
2. Durante varios anos puidemos escoitar as túas críticas no programa Diario Cultural da Radio Galega. Como advirtes a situación da crítica de arte na engrenaxe do sistema actual? E os espazos ou ámbitos para a súa presentación (revistas, xornais, medios…)?
O espazo da crítica profesional de arte en Galiza, e a súa presenza nos seus naturais espazos de expresión –as publicacións culturais, as publicacións especializadas en artes visuais, e o espazo na prensa xeralista e nos media- foi un tema recorrente nos sete anos que colaborei no “Diario cultural” da Radio Galega: eu percibo que os espazos especializados agora existen, aínda que son moi poucos, e cunha liña editorial que non deixa cabida a unha análise real da arte do país, xa que son absolutamente sectarios e cativos de miras, e co que respecta aos formatos dixitais, case non existen, e co que respecta a este, creo que hai que valorar a achega que demostrades ao entrevistármonos a persoas con liñas de actuación tan diferentes, convidándosenos ao debate, algo pouco común. Aínda que a bitola NOVO é moi perigosa, xa que todo é entendible, neste tardo-capitalismo salvaxe que sufrimos, como un produto perecedoiro, mesmo as persoas…
En canto ao espazo para a crítica na prensa xeralista coido que se está facendo máis cativo cuantitativa e cualitativamente: por unha banda, non aumentou o número de profesionais facendo crítica de arte nos medios galegos, e si aumentou a confusión cuasi prehistórica, -que non se corresponde ao desenvolvemento en Galiza da rede institucional de formación, exhibición, e venda de arte coa que contamos agora-, entre información sobre arte e crítica de arte. Si a información sobre artes visuais é absolutamente necesaria en xeral, é imprescindible como paso previo para a efectividade da mensaxe da crítica de arte, un exercicio valorativo e decodificador absolutamente necesario, que non debemos permitir que continúe secuestrado a mans do “puñetero” intrusismo profesional, gran creador e cimentador de pre-conceptos contra-culturais. Tampouco os críticos profesionais debemos invadir o terreo dos periodistas especializados en información cultural. E para rematar, non abonda con escribir ben para facer crítica de arte!!!
3. Dentro da complicación que sempre levan estas cuestións, gustaríame que nos recomendases algún artista galego actual, xustificando a selección.
Cando falo da crítica de arte como exercicio valorativo, non entendo este como o que atinxe ao futurible, eu non son quen nin quero xulgar o pasado nin o futuro dun artista, só valoro as realizacións presentes, pero iso si, de facto, como comisaria, chamo a quen me interesa en cada momento, e o que non me interesa é o poderío da crítica para crear canon xeracional, non adoito utilizar taxonomías podres. En definitiva, interésanme obras, linguaxes, ideas, non marcas, non artistas individualmente.
4. Apoiándose na túa labor nestes anos e coa experiencia na Fundación Granell, pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia.
Considero necesarias moitas actuacións que teñen que ver máis con xestionar mellor os recursos que temos, darlle maior apertura, visibilidade e valor real á nosa produción propia, que con crear recursos novos, e sobre todo, o que se me ocorre ten que ver con abandonar o formato de cultura espectáculo e o seu carácter efémero, e construír proxectos culturais de rendibilidade a longo prazo.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
As claves para quen, para a cultura verdadeira, para a Institución arte ou para o Mercado?
