Archive for February, 2008

Manuel Olveira

Manuel Olveira (Porto do Son, A Coruña, 1964) licenciouse en Historia da Arte pola USC e en Belas Artes pola Universidade Central de Barcelona. Exerceu de crítico de arte en diversos medios como o “ABC Cultural” ou “Arte y parte“. Foi director do centro de recursos barcelonés Hangar entre 2001 e 2005 e das dúas primeiras edicións do proxecto de produción “Processos oberts” en Terrassa (2004 - 2005). Na actualidade, e desde 2005, é director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), onde xa traballara como Xefe do Servizo Pedagóxico. Entre os seus diversos comisariados sobresaen, ademais do citado “Processos oberts”, a colectiva “Olladas Oceánicas” (2003), “Exploracións” (2003), “Transplant Heart”, “Lost in Sound” ou “We must be over the rainbow!”no CGAC, e “Novos camiños, promesas e ameazas da arte electrónica” (1999).

1. Dentro da programación do CGAC, existen unha serie de direccións (características, trazos) nas que sempre che interesou insistir: produción, proceso e edición. Como se seguirán detectando ao longo do presente ano 2008?

Considero que unha das tarefas máis importantes dun museo hoxendía resólvese na achega cultural ou, o que é o mesmo, na investigación e na produción. Estas dúas esferas, entrelazadas, son elementos dinamizadores dun centro de arte contemporánea como o CGAC de cara a acadar rendibilidade cultural tanto para amplos sectores de públicos como para os artistas. Polo mesmo, é moi importante incorporar os procesos de traballo que xeralmente non se ven pero que xogan un importante papel á hora de conformar a obra e á hora de entendela. Os públicos precisan coñecer os procesos reais da arte, e os artistas precisan que eses procesos sexan visibilizados para que a faceta de investigación e de produción sexa coñecida e valorada. Polo que respecta á edición teño que dicir que é unha ferramenta fundamental para a investigación e a difusión do traballo elaborado no museo. Obviamente non estamos acostumadas máis que ao produto final e á exposición como dispositivos de relación coa arte, por iso os proxectos baseados nos procesos reais supoñen un reto e un esforzo para o espectador que se ten que converter máis en “seguidor”. Por outra parte, a edición creo que é un eido crucial na sociedade da información, por iso é un dos eixos da programación do CGAC e, en especial, en Proxecto-Edición.

Na programación do 2008 estes aspectos van a estar presentes ben nas exposicións puntuais ou nos proxectos de longa duración. Respecto ás primeiras no CGAC continuamos unha tradición e unha marca de calidade centrada na produción propia das súas exposicións e, moitas delas, feitas dun xeito contextualizado no edificio do CGAC ou no contexto cultural galego. Este énfase na produción estará remarcado por dous eixos: a revisión da historia recente (os anos setenta a través de Lodeiro o Kovanda, os oitenta a través de Ficcións analóxicas) e unha revisión da noción e do estatuto do soporte (o audio no caso de Susan Philipsz, a pintura no caso de Juan Araujo, o espazo no caso de Waltercio Caldas, o espazo público e a arquitectura no caso de Lara Almarcegui, o obxecto no caso de Guillaume Leblon ou a imaxe en movemento no caso de Clemens von Wedemeyer). Polo que respecta aos proxectos de longa duración continuamos con proxecto-edicion.com, espazodocumenal.net e A trama rururbana. Cada un destes proxectos debe investigar un tema (o primeiro enfocado no uso que os artistas fan dos diversos soportes da edición contemporánea, o segundo na construción dunha base de datos que nos permita estudar o estado da cuestión da arte galega máis nova e o terceiro na investigación sobre as diferentes formas de ocupación do espazo en Galicia) e tamén a maneira de poñer en relación este tema con diferentes sectores do público. Así, estes proxectos son formas dilatadas no tempo e no espazo (moitas das súas actividades teñen lugar fóra do CGAC) para investigar tanto un tema como a forma de facelo comunicable.

2. Despois destes máis de dous anos de traxectoria como director do CGAC, cales son as liñas, iniciativas ou proxectos que, analizando a súa evolución, cres se deben revisar ou potenciar?

O CGAC debe potenciar as áreas de produción e de investigación porque lle son propias e forman parte da súa identidade, da súa marca, da súa especificidade tanto en Galicia como fora. Ningún museo está actuando nestas dirección dunha maneira tan contundente. Obviamente traballar nestes eidos implica tempo. Pode parecer que dous anos son moito tempo, pero é moi pouco. Realmente o traballo destes anos foi inxente e titánico. Temos feito moito e andado moitos chanzos, pero compre máis. En cultura todo proxecto con capacidade de calado social precisa de grandes doses de tempo, precisa proxectos a longo prazo. É por iso que as nosas metas están fixadas a longo prazo porque son os tempos reais que precisa a cultura. Así, temos en marcha proxectos que duran varios anos, traballamos para que todos os artistas se enfoquen na especificidade deste museo, para que o seu paso polo CGAC sexa significativo tanto para as súas producións como para as súas traxectorias. Tamén, estas miras nun amplo horizonte futuro teñen que conlevar dispositivos de longo prazo que exceden proxectos expandidos pero temporais como Proxecto-Edición ou A trama rururbana, e por iso estamos creando bolsas de traballo no CGAC para formar futuros profesionais ou colaborando coa USC no máster de arte, museoloxía e crítica contemporáneas que permitirá establecer unha plataforma de investigación na que diversos novos xestores culturais poidan formarse e operar a longo prazo.

A investigación debe producir difusión: a través dos catálogos nos que hai amplos textos introdutorios e achegas textuais específicas para cada autor e, moi a miúdo, para cada obra en concreto. A través de liñas de publicacións como as de paisaxe, ou novas publicacións como “Preguntas reais ou preguntas retóricas”, “La voz y la palabra. Coloquio sobre A batalla dos xéneros” ou “Audiovisións” que son significativas achegas discursivas en diferentes eidos: a educación artística, o feminismo e a teoría queer, ou a estética contemporánea do son, respectivamente.

A responsabilidade autonómica do CGAC conleva a constitución de fondos patrimoniais que por un lado documenten a actividade e as pegadas da arte en Galicia, pero tamén a nivel internacional, sobre todo con moita presenza ibérica e latinoamericana. É unha colección que comeza nos anos setenta ata hoxe e por iso, por un lado, hai que facer unha investigación daquelas obras e artistas do pasado recente que deben estar representados na colección e, por outro, hai que facer unha labor de seguimento da actualidade. Así, ano tras ano a colección vaise engrosando (xa pasa das mil pezas) e gañando identidade xa que é unha colección de traxectorias e de seguemento da actividade dos artistas.

Temos que potenciar a visibilidade porque ademais de traballar nos campos da investigación e a produción é necesario facer visible o traballo experimentando modos de comunicación e de visibilización acordes coa natureza experimental dos propios proxectos. Unha destas formas de comunicabilidade e de gañar peso na visibilidade é grazas á sinerxía e á colaboración. Penso que en Galicia temos que aprender a traballar máis en rede e por iso moitos dos proxectos que desenrolamos no CGAC son colaboracións moi diversas, como museos, fundacións, etc.

3. Recoméndanos un proxecto de fóra de Galicia que coñezas e che interese.

A nivel xenérico os proxectos que máis me interesan están marcados por unha vontade aberta e desprexuizada, lonxe dos posibilismo e dos finalismos, e máis lonxe aínda das rendibilidades máis ramplonas e inmediatas. Acostuman ser proxectos nos que a investigación é unha parte fundamental e nos que a propia estrutura de traballo innova tanto en formatos coma en modelos. Xeralmente con independencia e con altas doses de autoorganización. Dinámicos e pouco ortodoxos. Caracterizados por unha relación moi próxima e directa cos artistas. E cunha forte capacidade de intervir de forma intensa e directa na sociedade e na cultura.

4. Como advirtes no presente, despois de moitos anos de debates, o lugar dos centros de arte? Cal debe ser o papel do CGAC no territorio galego?

En Galicia dispoñemos, para dar satisfacción ás necesidades da arte, dunha ampla rede de institucións culturais (non só centros de arte) que inclúe a museos municipais coma o MARCO, pero tamén o Auditorio en Santiago, a Fundación Luis Seoane en Coruña, o Pazo de cultura en Pontevedra, o Torrente Ballester en Ferrol e outros moitos espazos ou eventos como a Bienal de Pontevedra, Chámalle X, etc. Tamén debemos considerar as fundacións corporativas porque aínda que semellan privadas, en realidade os enormes orzamentos que manexan son cartos públicos derivados da súa situación de privilexio fiscal. Nesta rede, sobresae o CGAC porque cos seus 15 años foi o cuarto museo de España en ser construído (despois do MCARS, IVAM ou CAAM e por diante do MACBA ou de Artium) e o primeiro en ter a valentía de definirse como centro de arte. O traballo destes 15 años dirixido polos seus 4 directores (Antón Pulido, Gloria Moure, Miguel Fernández-Cid e eu mesmo) ten convertido ao CGAC nun museo de referencia tanto pola calidade das súas exposicións, pola listaxe de artistas que pasaron polas salas, pola arquitectura de extraordinaria calidade de Álvaro Siza, pola súa liña constante de facer producións propias como polos profesionais que pasaron por esta casa. Por aquí pasaron e se formaron profesionais que están traballando noutros centros de arte (Juan de Nieves no EACC de Castellón, Elena Fabeiro na Fundación María Martínez Otero, Silvia Longueira na Fundación Luis Seoane, Iñaki Martínez e Agar Ledo no MARCO, Mela Dávila no MACBA, por citar algúns exemplos) e que no CGAC deixaron a pegada do seu entendemento da arte, a súa profesionalidade e do seu saber facer que dota ao CGAC de consistencia e madurez. Obviamente os tempos cambian, nacen novos centros de arte a lo largo de los años que teñen que facerse un sitio y definir unha personalidade que o CGAC xa ten fraguada como buque insignia e como motor dinamizador da arte en Galicia.

Pero se a baza actual do CGAC é precisamente a súa traxectoria, penso que non abonda. Comentaba antes a necesidade de traballar a longo prazo porque é o único que funciona en cultura. No estado español tivemos un paréntese tremendo na ditadura franquista e nos anos oitenta tivemos que reconectar coa arte contemporánea. Fixémolo con celeridade e a rede que temos hoxe (en parte pola existencia das autonomías) está sendo operativa, pero precisamos máis tempo para recuperar o que outros países con Francia, Alemaña o Inglaterra levan percorrendo sen interrupcións. Os debates sobre o papel dos centros de arte é estéril senón admitimos que temos moito camiño que percorrer e para iso precisamos proxectos con continuidade. A demandas de rendibilidade mediática, de éxitos fugaces e de números inflados non conducen a ningures. Necesitamos máis solidez e iso só o da o tempo.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente? E aplicado ao caso galego?

Un dos estímulos –e tamén dos riscos- da arte contemporánea é a súa presenza polimorfa, dinámica e cambiante en función das realidades aceleradas nas que vivimos. Cada vez a complexidade é maior, derivada das múltiples subxectividades, culturas, formas de organización, estruturas e axentes que operan nun sistema hiperexcitado como é o da arte. Iso sempre comporta un risco, pero a única maneira de actuar no magma da arte é encarando con animosos estímulos a súa propia complexidade. Traballar a tempo presente resulta reconfortante porque estamos sendo parte activa na construción do mundo no que vivimos.

A arte deixou de ser un espello do poder e convértese nunha ferramenta para operar no mundo, para entender a sociedade, para comprendernos a nos mesmos e aos outros no medio da voráxine e para ampliar a linguaxe coa que describimos e construímos o mundo. Ese é o grande poder da arte: unha ampliación das linguaxes coñecidas, e, derivado diso, unha ampliación do propio mundo para facelo máis variado, vivible, apropiable, comunicable, compartible, etc.

É por iso que as institucións culturais xa non poden ser meros escaparates nos que amosar o que pasa nin máquinas reprodutoras de pasados recentes ou de tendencias actuais. Temos que actuar dende o museo como unha estrutura de coñecemento para facer un traballo de achega crítica que permita definir un lugar no mundo, construír unha perspectiva propia dende a que interpretarnos a nós mesmos e avanzar na diversificación de experiencias e maneiras de tratar certas cuestións a través da ampliación da linguaxe. Dende o museo temos que expandir o mundo para que todas e todos teñamos un lugar crítico e específico nel.

Asunta Rodríguez

Asunta Rodríguez (Amandi, 1965) é licenciada en Historia da Arte (1983-1988) pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorada en Arte Moderna e Contemporánea pola mesma universidade (1988-1990). Entre 1987 e 1989 colabora con La Voz de Galicia como crítica de arte. A partir de 1988 incorpórase á Galería Trinta como asistente da dirección, en 1991 asume a dirección da galería e desde 1993 convértese en directora e propietaria da mesma. Nestas datas podemos ver neste espazo, situado na rúa Virxe da Cerca de Compostela, a mostra de André Guedes.

1. Despois destes anos de traxectoria, cales dirías que son as claves ou características que definen a galería Trinta?

Despois de 23 anos de traballo, creo poder dicir que a clave do traballo realizado desde Trinta é o manterse fiel a unha liña que pasa soamente polo compromiso coa vangarda nas artes plásticas. Ningunha tendencia de moda, ningunha presión comercial ou doutro tipo cambiaron as directrices do seu programa. Podería engadir que a fidelidade aos artistas seleccionados é outro dos seus logros: algúns creadores realizaron, desde finais dos anos oitenta, xa cinco exposicións individuais na galería. Se a iso sumamos o sobrevivir a todo tipo de circunstancias (non sempre as condicións do panorama cultural galego e español foron como as actuais), a conclusión que parece lóxica é a do cóctel que xorde cando se mestura moito traballo con máis ilusión e coa seguridade de que a rendibilidade a longo prazo esixe máis fe pero da mellores resultados. En Trinta nunca quixemos morrer de éxito.

2. Como definirías o coleccionismo en Galicia? E cal sería o retrato do coleccionista privado galego?

O coleccionismo en Galicia é unha realidade que debe existir (o nutrido número de galerías que manteñen as súas portas abertas ao público así o acreditan) pero que eu non paro de buscar cada día. É evidente que a situación actual non ten nada que ver coa dos anos 90, por poñer un exemplo. Falto de infraestruturas culturais e sumido nun atraso xeral, o noso país tivo que sumar moitos esforzos para intentar “poñerse ao día”. A iniciativa privada, da que nunca se fala, tivo un papel fundamental e algúns políticos souberon estar á altura das circunstancias. Hoxe co CGAC en activo máis dunha década, as manifestacións da arte contemporánea parecen máis asumibles a un número un pouco máis nutrido de interesados no gozo e posesión de obras de arte. De todos modos, queda moito traballo por facer. A crítica, os medios de comunicación en xeral, fannos transparentes, parecen querer obviar os esforzos que se realizan desde un entorno tan afastado dos centros de poder. E, sen capacidade de facer valer a nosa voz no panorama nacional, dificilmente poderemos acceder aos coleccionistas que, cada vez máis, viaxan para estar informados e abren as súas coleccións a un entorno que non se reduza á súa realidade máis próxima.

3. Como crees que deben ser as relacións da galería con outros axentes na engrenaxe galega?

As relacións da galería cos demais axentes culturais deben ser fluídas. Non hai dúbida. Pero, quen engraxa a máquina? Por sorte pasaron os tempos nos que as institucións compraban nos estudios dos artistas, por poñer un exemplo. O sector profesionalizouse e, aínda que carece de masa crítica, parece poder comezar a impoñer as normas de funcionamento. As galerías son empresas cun marcado carácter cultural e, mentres sexan tratadas soamente como actividades comerciais, non existirá a desexable interacción que fará posible a creación dunha rede estable para a produción e exhibición da arte contemporánea exportable.

4. Centrándose en cuestións actuais (ARCO), cal é a importancia das feiras de arte? Desde a túa experiencia, cal crees que é o seu presente e futuro?

As feiras de arte xunto coas poxas convertéronse no eixe fundamental da industria artística. O Deus actual é o diñeiro, o seu brazo executor o mercado e o anxo custodio, a globalización. O panorama é desolador. Fálase sen parar de cifras e de xestión, case nunca de arte. As convocatorias “internacionais” rivalizan na abundancia de millonarios por metro cadrado; os visitantes teñen problemas de aparcamento para os seus jets privados e os talonarios non vacilan ante cifras que, cando menos, resolverían serios problemas nalgunhas partes do mundo (ás veces no mesmo continente). O presente: un circo de trapecistas suicidas; o futuro: as trincheiras, unha vez máis.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Creo na liberdade absoluta á hora de enfrontarse co feito artístico. Hai “tendencias”, pero moi pouca perspectiva para valoralas. En Trinta interésanos a diferenza, o singular, procuramos fuxir do espectáculo. Creo que só permanecerán uns poucos que, xeralmente, traballaron á marxe dos círculos de poder. Sempre serán máis interesantes os “raros” que os domesticados funcionarios da sensibilidade.