Asunta Rodríguez
Asunta Rodríguez (Amandi, 1965) é licenciada en Historia da Arte (1983-1988) pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorada en Arte Moderna e Contemporánea pola mesma universidade (1988-1990). Entre 1987 e 1989 colabora con La Voz de Galicia como crítica de arte. A partir de 1988 incorpórase á Galería Trinta como asistente da dirección, en 1991 asume a dirección da galería e desde 1993 convértese en directora e propietaria da mesma. Nestas datas podemos ver neste espazo, situado na rúa Virxe da Cerca de Compostela, a mostra de André Guedes.
1. Despois destes anos de traxectoria, cales dirías que son as claves ou características que definen a galería Trinta?
Despois de 23 anos de traballo, creo poder dicir que a clave do traballo realizado desde Trinta é o manterse fiel a unha liña que pasa soamente polo compromiso coa vangarda nas artes plásticas. Ningunha tendencia de moda, ningunha presión comercial ou doutro tipo cambiaron as directrices do seu programa. Podería engadir que a fidelidade aos artistas seleccionados é outro dos seus logros: algúns creadores realizaron, desde finais dos anos oitenta, xa cinco exposicións individuais na galería. Se a iso sumamos o sobrevivir a todo tipo de circunstancias (non sempre as condicións do panorama cultural galego e español foron como as actuais), a conclusión que parece lóxica é a do cóctel que xorde cando se mestura moito traballo con máis ilusión e coa seguridade de que a rendibilidade a longo prazo esixe máis fe pero da mellores resultados. En Trinta nunca quixemos morrer de éxito.
2. Como definirías o coleccionismo en Galicia? E cal sería o retrato do coleccionista privado galego?
O coleccionismo en Galicia é unha realidade que debe existir (o nutrido número de galerías que manteñen as súas portas abertas ao público así o acreditan) pero que eu non paro de buscar cada día. É evidente que a situación actual non ten nada que ver coa dos anos 90, por poñer un exemplo. Falto de infraestruturas culturais e sumido nun atraso xeral, o noso país tivo que sumar moitos esforzos para intentar “poñerse ao día”. A iniciativa privada, da que nunca se fala, tivo un papel fundamental e algúns políticos souberon estar á altura das circunstancias. Hoxe co CGAC en activo máis dunha década, as manifestacións da arte contemporánea parecen máis asumibles a un número un pouco máis nutrido de interesados no gozo e posesión de obras de arte. De todos modos, queda moito traballo por facer. A crítica, os medios de comunicación en xeral, fannos transparentes, parecen querer obviar os esforzos que se realizan desde un entorno tan afastado dos centros de poder. E, sen capacidade de facer valer a nosa voz no panorama nacional, dificilmente poderemos acceder aos coleccionistas que, cada vez máis, viaxan para estar informados e abren as súas coleccións a un entorno que non se reduza á súa realidade máis próxima.
3. Como crees que deben ser as relacións da galería con outros axentes na engrenaxe galega?
As relacións da galería cos demais axentes culturais deben ser fluídas. Non hai dúbida. Pero, quen engraxa a máquina? Por sorte pasaron os tempos nos que as institucións compraban nos estudios dos artistas, por poñer un exemplo. O sector profesionalizouse e, aínda que carece de masa crítica, parece poder comezar a impoñer as normas de funcionamento. As galerías son empresas cun marcado carácter cultural e, mentres sexan tratadas soamente como actividades comerciais, non existirá a desexable interacción que fará posible a creación dunha rede estable para a produción e exhibición da arte contemporánea exportable.
4. Centrándose en cuestións actuais (ARCO), cal é a importancia das feiras de arte? Desde a túa experiencia, cal crees que é o seu presente e futuro?
As feiras de arte xunto coas poxas convertéronse no eixe fundamental da industria artística. O Deus actual é o diñeiro, o seu brazo executor o mercado e o anxo custodio, a globalización. O panorama é desolador. Fálase sen parar de cifras e de xestión, case nunca de arte. As convocatorias “internacionais” rivalizan na abundancia de millonarios por metro cadrado; os visitantes teñen problemas de aparcamento para os seus jets privados e os talonarios non vacilan ante cifras que, cando menos, resolverían serios problemas nalgunhas partes do mundo (ás veces no mesmo continente). O presente: un circo de trapecistas suicidas; o futuro: as trincheiras, unha vez máis.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Creo na liberdade absoluta á hora de enfrontarse co feito artístico. Hai “tendencias”, pero moi pouca perspectiva para valoralas. En Trinta interésanos a diferenza, o singular, procuramos fuxir do espectáculo. Creo que só permanecerán uns poucos que, xeralmente, traballaron á marxe dos círculos de poder. Sempre serán máis interesantes os “raros” que os domesticados funcionarios da sensibilidade.
