Archive for March, 2008

Xosé M. Buxán Bran

Xosé M. Buxán Bran (Eibar, Gipuzkoa, 1964) é Profesor Titular da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. En 2003 comisariou un ciclo de exposicións temáticas baixo o epígrafe “Malas Artes” na Sala dos Peiraos do Concello de Vigo. En 2005 comisariou “Radicais libres. Experiencias gays e lésbicas na arte peninsular” no Auditorio de Galicia; en 2006 “ant_art. 52 semanas” dentro do semanario A Nosa Terra e “Fantasías republicanas” no Museo Etnolóxico de Ribadavia; en 2007 “Lancôme con grelos” no Centro de Arte Joven da Comunidade de Madrid. Coordinou e comisariou entre 2004 e 2007 o programa de exposicións individuais da Sala Alterarte do Campus de Ourense e na actualidade faino na Sala X do Campus de Pontevedra. Ten desenvolvido unha ampla traxectoria como crítico, conferenciante e ensaísta de arte contemporánea en diferentes libros, foros e congresos. É crítico de arte no semanario A Nosa Terra.

1. Desde a túa experiencia como comisario ou coordinador de diversas exposicións e ciclos nestes últimos anos, cal cres que debe ser o lugar do comisariado no sistema da arte actual? E no caso galego?

O comisariado resulta fundamental para artellar e desenvolver o pensamento, para construír e pivotar o discurso. Non é que a obra artística non conteña discurso e pensamento, por suposto que a ten e polo xeral moito máis complexa e vizosa que a curadoría, mais é preciso que obra a artística se estruture, se analice, se desenvolva, se continúe no comisariado. Si, coido que na curadoría hai sempre unha extensión e un cavilar sobre a obra u obras que (se o comisariado é afortunado e acertado no seu estudo) resulta moi enriquecedora para o medre e expansión da obra artística. As obras son o que son independentemente das curadorías que sobre elas se leven a cabo, mais canto máis unha obra é analizada e estudada por un proxecto curatorial esta evidentemente revístese de máis capas de pensamento, de nutrientes que a fortalecen e que posibilitan o seu desenvolvemento.
Coido que en xeral as obras de arte galegas contemporáneas atópanse bastante ermas e núas en canto a contar cun abrigo comisarial, hai poucos comisarios e os escasos que hai igual inciden de xeito cativo sobre o propio panorama artístico galego ou alomenos non comisarían en espazos de incidencia dabondo e resonancia no sistema artístico co que, en conclusión lóxica co que levo dito máis arriba, as obras de arte galegas aínda están na meirande parte das veces débiles, carentes de pulo e enerxía.

2. Como definirías o rol actual do investigador, do teórico, do crítico de arte, na engrenaxe presente?

É un rol na meirande parte dos casos e lamentablemente moi subsidiario e asoballado polo propio sistema artístico. Con iso quero dicir que, en demasiadas ocasións, os críticos, teóricos e investigadores investigamos, teorizamos e criticamos a rebulo do que outras instancias do poder artístico deciden. Investigar, teorizar e criticar son e deben ser exercicios de fonda autonomía e de liberdade absoluta do pensamento e a creación intelectual, sen ningún tipo de cancelas ou condicións. Mais a realidade é que as poderosísimas estruturas do sistema artístico (museos, centros de arte e galerías fundamentalmente) convértennos na meirande parte dos casos aos pensadores nuns simples asalariados ao seu servizo que lles escribimos os textos, críticas ou ensaios que queren escoitar, ou sexa, meras laudatios encomiásticas ou recreacións ou digresións científico literarias que nós facemos dos seus produtos. E iso é así porque existe, non hai dúbida, unha demanda certa de “expedición de certificados” que dende o pensamento e a intelligentsia bendizan ou arroupen ou adornen ás producións artísticas. En fin, somos moitas veces, e doe dicilo, unha especie de intelectuais orgánicos ao servizo do poder artístico que estamos a encher de textos os catálogos, comisariados e revistas. E que mesmo nos obriga a comisariar producións alleas a nós.

Iso por unha banda, por outra estanse a escribir moitas críticas de exposicións, moitos artigos sobre proxectos expositivos que resultan meras extensións, cando non son inanes transcricións de notas de prensa. Críticas que ademais parten sempre da base de non ser cuestionadoras do que atopamos diante noso, senón meros excursos que dan por bo aquilo que ven e ao que mesmo tratan de xustificar e razoar en positivo, en lugar de amosar a dúbida e a incerteza. Se isto é así para a crítica das obras artísticas moito máis eivada atópase esta crítica cando se trata de avaliar a tarefa da institución, museo ou galería, entón xa resulta moi difícil atoparse cunha visión que non sexa tan respectuosa e cortés que mesmo semella medorenta e de pura vasalaxe.

Claro que todo o anterior non resulta raro se temos en conta a precariedade económica e social do crítico, teórico ou investigador, xa que se o artista é por definición un eivado económico, ao menos asístelle a beizón da xenialidade. Aos críticos non, porque o seu rango no sistema é ben subsidiario e ademais, a miúdo, dependen xustamente deses encargos de institucións artísticas para aumentaren en algo as súas magras minutas.

Quizais o lugar máis neutral e menos submiso sexa o da investigación e a pura teoría e sempre que o seu obxecto de estudo se atope algo afastado do poder artístico. Aínda que todo o anteriormente dito pode mudar de sentido cando o teórico, crítico ou comisario conta co apoio da academia (ao fin e ao cabo, velaí o paradoxo: outra institución) e daquela pode gozar da liberdade suficiente como para non ser presa das peaxes desas outras institucións artísticas. Claro que entre os muros da academia xorden en non poucas ocasións outras graves eivas: a soberbia, sempre inimiga do coñecemento ou o cego illamento.

3. Que puntos ou sinais definirías como imprescindíbeis na historia da Facultade de Belas Artes de Pontevedra? Cales serían mellorables? Cal pensas, desde a túa experiencia como docente, que é (ou debe ser) o seu lugar na estrutura do sistema artístico galego?

Coido que o lugar da Facultade de Belas Artes de Pontevedra na actual estrutura do sistema galego é enorme e sobranceira, particularmente polos artistas xurdidos das súas aulas. Todos e todas os axentes parecen recoñecer que as novas xeracións e as novas marcas da arte galega proceden na súa meirande parte de Pontevedra. Iso é o mellor, sen dúbida. Pola contra, creo que hai moito que facer ao respecto de nós como claustro de profesores, seguramente excelentes profesionais moitos, mais que aínda na súa meirande parte seguen a estar de costas á propia realidade galega, e se non de costas, si alomenos aínda moi ignorantes do propio contexto artístico galego. Evidentemente hai excepcións, claro. Pero creo que en xeral nós, os e as docentes de BB.AA. de Pontevedra, ben sexa por proceder na meirande parte de fóra de Galiza, ben por falla de interese en pescudar e mergullarse no contexto galego de museos, galerías, espazos expositivos, etc. aínda temos moito que facer por entroncarnos e asumirnos como parte substancial do contexto cultural galego. A culpa, é certo, tamén está no outro lado: un sistema tradicional da arte galega ao que tampouco lle interesabamos e que se afastou e mesmo ignorou aos novos docentes artistas chegados a Pontevedra. Coido que nese enramado de xeracións intermedias atopo olladas suspicaces por ambos lados e quizais aí estea un dos terreos máis traumáticos e do que menos tense falado ao referirse á facultade de BB.AA. de Pontevedra. Porque o lugar na arte galega das novas xeracións está consensuado, mais dubido da existencia dese consenso ao redor da pertenza ou non ao sistema artístico galego deses artistas da facultade residentes en Galiza e os artistas galegos “de sempre” que non xurdiron ou non pertencen á nosa facultade. Falo fundamentalmente desas xeracións intermedias que andan ao redor ou a partir dos 45 anos e que viven e traballan aquí por motivos profesionais dende hai anos.

Noutra orde de cousas teño escrito hai pouco que non é bo que deixemos só nas mans da facultade de BB.AA. de Pontevedra a tarefa de criazón de novos artistas galegos. Debe a seguir a ocupar sen dúbida un lugar de relevancia nesa conformación de novas xeracións de artistas mais non o único e unilateral, pero lamentablemente non contamos aínda na Galiza con espazos e obradoiros para esa necesaria formación multilateral.

4. Que proxectos ou iniciativas recomendarías que se estean a desenvolver a nivel internacional?

Fóra da Galiza existen colectivos artísticos e asociación de artistas, ou espazos de formación, estudo, curadoría e creación contemporánea que resultan sempre fantásticos sementeiros da nova arte. Aquí non temos iso. Tampouco temos redes supramunicipais ou comarcais que programen activades artísticas para os diversos municipios de xeito coherente e homoxéneo. Iso fai que teñamos unha especie de monocultivo artístico: CGAC, MARCO e Fundación Luís Seoane e Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?

Todo o mundo sabe como a arte hoxe ven definida por moitas liñas, mais eu vou reivindicar aquela que me é moito máis querida e suxestiva. Para min este presente debe ser o dunha arte onde as cuestións políticas e sociais formen un todo coas pezas artísticas. Traballos onde o artista estea a falar dende o individual, a sociedade e o político sobre un mundo convulso e raro, difícil e complexo e que trata de pescudar nos seus interrogantes, nas súas dificultades e nos seus praceres. Unha arte dos individuos e destes coas políticas públicas, responsábel do seu entorno cultural e afastada de autoreferencias metalingüísticas e espiritualistas. Eu reivindico ese lugar e ese espazo histórico para a arte porque penso que o que lle corresponde desenvolver á nosa época artística é o ser radicalmente social e política, un pensamento que convide á acción e ao encontro coas persoas e as súas necesidades.

Federico López Silvestre

Federico López Silvestre é Profesor doutor de Historia das Ideas Estéticas Moderna e Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1998 e premio extraordinario de doutoramento cunha tese dedicada á paisaxe. Entre as súas publicacións destacan os libros “El paisaje virtual” (2004) e “Os límites da paisaxe” (2008) e, como editor, “Nuevas visiones del paisaje” (2006) e “Paseantes, viaxeiros e paisaxes” (2007). Ten dirixido varios proxectos financiados sobre as paisaxes contemporáneas, e, con María Luísa Sobrino, dirixe o Máster de Arte, museoloxía e crítica contemporáneas da USC. Así mesmo coordina a liña de traballo “A construción da paisaxe” do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Co-dirixe con Javier Maderuelo e Joan Nogué a colección “Paisaje y teoría” da Editorial Biblioteca Nueva (Madrid). Participou en congresos internacionais e fixo estadías de investigación en sitios como Portugal, Francia, Alemaña, Finlandia, Brasil, Chile, Arxentina ou a Polinesia.

1. Como definirías a importancia, o desenvolvemento e repercusión do Máster “Arte, Museoloxía e Crítica contemporáneas”, do que es codirector xunto a Marisa Sobrino, e que se está celebrando durante estes meses?

Trátase dos primeiros estudios superiores especializados na arte contemporánea que se ofertan en Galicia. As dinámicas da arte contemporánea son moi diferentes ás de outras épocas. Neste sentido, os novos estudios están plenamente xustificados: montar exposicións de arte actual e escribir sobre videoinstalacións ou performances non ten moito que ver con dedicarse a estudar a iconografía do Pórtico da Gloria. Ambas cuestións poden ser interesantes, pero un cambio de mentalidade drástico e séculos de historia marcan unhas distancias difíciles de salvar. Para dedicarse ao contemporáneo, fan falla especialistas capaces de entender os artistas de hoxe cunha cultura propia do noso tempo. Así, do mesmo modo que, por exemplo, vexo xustificados uns estudios superiores de arte e cultura medieval específicos, tamén considero que o contemporáneo ten unha especificidade salientable que convén subliñar coa creación deste máster. Para facelo contamos como docentes cos mellores especialistas de España; e a primeira promoción de alumnos é prometedora. Un terzo de licenciados en historia da arte, unha cuarta parte de licenciados en Belas Artes, varios arquitectos e varios licenciados en Ciencias da Comunicación, conforman un grupo que, nos próximos anos, dará que falar. Non só irán comisariando exposicións e deixando a súa sinatura en publicacións especializadas, senón que tamén, pola súa formación, acabarán ocupando postos en institucións e museos especializados de Galicia e de fóra. Ao fin e ao cabo, entre eses alumnos temos, ademais de galegos, portugueses, cubanos e brasileiros.

2. Desde a túa experiencia no ámbito universitario, como profesor do Departamento de Historia da Arte da USC, como describes o presente da investigación en arte contemporánea en Galicia? Cal pensas que debe ser o seu espazo, funcións, na engrenaxe da cultura actual?

Sen dúbida a súa presenza ten que ir a máis, en cantidade e en calidade. A universidade é un reflexo da sociedade. Nos últimos anos cóntanse por decenas o número de institucións novas nacidas nas capitais galegas e que se dedican á exposición da arte contemporánea. A resposta da universidade a esta situación é lenta. A meirande parte dos estudios académicos dedícanse aínda ao barroco, ao medieval… Penso que esas investigacións teñen sentido, o que non me parece axeitado é que por facelas se marxinen as investigación sobre a arte e a paisaxe contemporáneas. Na Universidade de Vigo, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, non se investiga todo o que se podería, dado que a meirande parte do profesorado está envorcado na creación. E no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela soamente hai un grupo verdadeiramente especializado na arte e na estética contemporáneas: o grupo ARTCONTE do que formo parte con Marisa Sobrino e Miguel Anxo Rodríguez. Guste ou non, no caso da arte contemporánea a especialización é requisito para alcanzar a calidade porque a complexidade dos fenómenos require unha dedicación a tempo completo. Non se pode falar de Bruce Nauman cos esquemas de Panofsky ou facendo comparacións coas obras doutras épocas, pois, como diría Foucault, os cambios na episteme converten en anacrónicas estas operacións.

3. Unha das liñas de investigación principais da túa traxectoria céntrase no estudo da paisaxe; cales dirías que son os novos puntos de investigación ou canles de achegamento desta área na actualidade?

Na investigación é fundamental partir de gustos, inquedanzas e problemas reais, actuais… Podemos estudar cousas do pasado ou do presente, pero o que fai falla é esa inquedanza verdadeira. O tema da paisaxe, se trate do estudio das paisaxes do presente ou do pasado, está de actualidade, porque a paisaxe hoxe preocúpanos moito. É un problema estético, político e vital. Agora ben, dentro dese marco xeral dúas son as problemáticas básicas dos nosos días: o problema das paisaxes sen pasado e sen referentes (por hibridación, por abandono, por mestizaxe, por invisibilidade), e a emerxencia das paisaxes hiperreais (as ficcións virtuais, o urbanismo Disney, o exceso de sinalización…). Nos próximos anos, comezarán a aparecer investigacións de xeógrafos culturais e historiadores do urbanismo, da paisaxe e da arte pública, que afonden nos dous problemas. Eu mesmo dirixo media ducia de investigacións sobre diferentes aspectos vinculados con algunha das dúas cuestións.

4. Recomenda un proxecto editorial (ou publicación concreta) que se realice a nivel internacional e que resulta do teu interese.

O mellor do mundo: a colección “Paisaje y teoría” da editorial madrileña Biblioteca Nueva. Ja, ja, ja… É broma. Pero o caso é que me sinto moi ledo de formar parte dun proxecto como ese. Nesta colección dirixida por Javier Maderuelo, Joan Nogué e eu mesmo, estamos a editar algúns dos mellores libros do mundo de teoría e historia da paisaxe, ao tempo que botamos a andar unha colección en galego “Novas paisaxes” sobre temas de paisaxe en Galicia. Da primeira colección xa levamos varios títulos: “Breve tratado del paisaje” de Alain Roger, “El arte del paisaje” de Raffaele Milani, “Razones del paisaje” de Augustin Berque, e moitos máis que virán. Para axudarnos contamos cun comité científico formado por prestixiosos investigadores da paisaxe de todo o mundo.

Parécenme envexables as publicacións específicas de arte do MIT Press, para que enganarnos: alí teñen visto a luz os textos de R. Krauss, de B. Buchloh, de H. Foster, de J. Crary e de moitos dos autores máis intelixentes, lúcidos e influentes do panorama da arte contemporánea dos últimos vinte ou trinta anos. Pero o milagre chámase Actes Sud, unha editorial francesa que fai anos non coñecía ninguén e que hoxe publica libros de arte, de paisaxe e novelas a un ritmo de case que 350 o ano. Milagre, porque, no que toca á paisaxe e á arte, as obras son verdadeiramente interesantes.

No creativo, na maquetación, nas apostas fortes, destacar o labor de Manuel Gausa e en xeral a equipa de Actar en Barcelona.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?

Nin idea. Ja, ja, ja… En todo caso, podemos fixarnos en cousas concretas. No que os xoves artistas recén licenciados en Belas Artes entregan hoxe nos certames de artistas xoves. É evidente que esas obras vistas en certames de Madrid, París ou Santiago de Compostela, poñen de manifesto que hai un certo “espírito de época”: as nosas parecen de París e as de París parecen feitas en Pontevedra. Así, con respecto a fai dez anos, en Galicia o primeiro que cabe destacar é que hoxe xa non se notan os tan repetidos “cinco anos de retraso” co de fóra. Agora ben, qué ocorre entón a nivel internacional, é dicir, a nivel galego? Os xoves traballan unanimemente nas instalacións, nas videoinstalacións e na fotografía. Estatisticamente, as pezas escultóricas, as pinturas… son a anécdota: xa non hai. De qué falan esas fotos e eses vídeos? Case que todos son autorreferenciais: décadas de arte problematizando o fenómeno da representación. Ao lado, percíbense varias liñas temáticas que gañan forza nos últimos tempos: o problema da memoria (ou, como dí Emanuela Salidini, das micromemorias persoais), a relación co espectador (espertar ao público adormecido)… Neste sentido, fronte as obras que se presentan a concursos para colgar ou proxectar nunha parede, gaña moita forza e ten moito sentido a arte social: na cidade e na rede. O post-graffitti e os percorridos creativos, distintos, nas urbes, nos territorios híbridos…; as páxinas de colectivos creativos e militantes en internet… Hai quen di que, na sociedade da imaxe e coa morte da lectura de textos, a arte é a filosofía do século XXI. Quizais isto pode explicar e resumir as tendencias da arte de hoxe: pezas gnoseolóxicas, pezas políticas, pezas sociais…