Federico López Silvestre
Federico López Silvestre é Profesor doutor de Historia das Ideas Estéticas Moderna e Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1998 e premio extraordinario de doutoramento cunha tese dedicada á paisaxe. Entre as súas publicacións destacan os libros “El paisaje virtual” (2004) e “Os límites da paisaxe” (2008) e, como editor, “Nuevas visiones del paisaje” (2006) e “Paseantes, viaxeiros e paisaxes” (2007). Ten dirixido varios proxectos financiados sobre as paisaxes contemporáneas, e, con María Luísa Sobrino, dirixe o Máster de Arte, museoloxía e crítica contemporáneas da USC. Así mesmo coordina a liña de traballo “A construción da paisaxe” do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Co-dirixe con Javier Maderuelo e Joan Nogué a colección “Paisaje y teoría” da Editorial Biblioteca Nueva (Madrid). Participou en congresos internacionais e fixo estadías de investigación en sitios como Portugal, Francia, Alemaña, Finlandia, Brasil, Chile, Arxentina ou a Polinesia.
1. Como definirías a importancia, o desenvolvemento e repercusión do Máster “Arte, Museoloxía e Crítica contemporáneas”, do que es codirector xunto a Marisa Sobrino, e que se está celebrando durante estes meses?
Trátase dos primeiros estudios superiores especializados na arte contemporánea que se ofertan en Galicia. As dinámicas da arte contemporánea son moi diferentes ás de outras épocas. Neste sentido, os novos estudios están plenamente xustificados: montar exposicións de arte actual e escribir sobre videoinstalacións ou performances non ten moito que ver con dedicarse a estudar a iconografía do Pórtico da Gloria. Ambas cuestións poden ser interesantes, pero un cambio de mentalidade drástico e séculos de historia marcan unhas distancias difíciles de salvar. Para dedicarse ao contemporáneo, fan falla especialistas capaces de entender os artistas de hoxe cunha cultura propia do noso tempo. Así, do mesmo modo que, por exemplo, vexo xustificados uns estudios superiores de arte e cultura medieval específicos, tamén considero que o contemporáneo ten unha especificidade salientable que convén subliñar coa creación deste máster. Para facelo contamos como docentes cos mellores especialistas de España; e a primeira promoción de alumnos é prometedora. Un terzo de licenciados en historia da arte, unha cuarta parte de licenciados en Belas Artes, varios arquitectos e varios licenciados en Ciencias da Comunicación, conforman un grupo que, nos próximos anos, dará que falar. Non só irán comisariando exposicións e deixando a súa sinatura en publicacións especializadas, senón que tamén, pola súa formación, acabarán ocupando postos en institucións e museos especializados de Galicia e de fóra. Ao fin e ao cabo, entre eses alumnos temos, ademais de galegos, portugueses, cubanos e brasileiros.
2. Desde a túa experiencia no ámbito universitario, como profesor do Departamento de Historia da Arte da USC, como describes o presente da investigación en arte contemporánea en Galicia? Cal pensas que debe ser o seu espazo, funcións, na engrenaxe da cultura actual?
Sen dúbida a súa presenza ten que ir a máis, en cantidade e en calidade. A universidade é un reflexo da sociedade. Nos últimos anos cóntanse por decenas o número de institucións novas nacidas nas capitais galegas e que se dedican á exposición da arte contemporánea. A resposta da universidade a esta situación é lenta. A meirande parte dos estudios académicos dedícanse aínda ao barroco, ao medieval… Penso que esas investigacións teñen sentido, o que non me parece axeitado é que por facelas se marxinen as investigación sobre a arte e a paisaxe contemporáneas. Na Universidade de Vigo, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, non se investiga todo o que se podería, dado que a meirande parte do profesorado está envorcado na creación. E no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela soamente hai un grupo verdadeiramente especializado na arte e na estética contemporáneas: o grupo ARTCONTE do que formo parte con Marisa Sobrino e Miguel Anxo Rodríguez. Guste ou non, no caso da arte contemporánea a especialización é requisito para alcanzar a calidade porque a complexidade dos fenómenos require unha dedicación a tempo completo. Non se pode falar de Bruce Nauman cos esquemas de Panofsky ou facendo comparacións coas obras doutras épocas, pois, como diría Foucault, os cambios na episteme converten en anacrónicas estas operacións.
3. Unha das liñas de investigación principais da túa traxectoria céntrase no estudo da paisaxe; cales dirías que son os novos puntos de investigación ou canles de achegamento desta área na actualidade?
Na investigación é fundamental partir de gustos, inquedanzas e problemas reais, actuais… Podemos estudar cousas do pasado ou do presente, pero o que fai falla é esa inquedanza verdadeira. O tema da paisaxe, se trate do estudio das paisaxes do presente ou do pasado, está de actualidade, porque a paisaxe hoxe preocúpanos moito. É un problema estético, político e vital. Agora ben, dentro dese marco xeral dúas son as problemáticas básicas dos nosos días: o problema das paisaxes sen pasado e sen referentes (por hibridación, por abandono, por mestizaxe, por invisibilidade), e a emerxencia das paisaxes hiperreais (as ficcións virtuais, o urbanismo Disney, o exceso de sinalización…). Nos próximos anos, comezarán a aparecer investigacións de xeógrafos culturais e historiadores do urbanismo, da paisaxe e da arte pública, que afonden nos dous problemas. Eu mesmo dirixo media ducia de investigacións sobre diferentes aspectos vinculados con algunha das dúas cuestións.
4. Recomenda un proxecto editorial (ou publicación concreta) que se realice a nivel internacional e que resulta do teu interese.
O mellor do mundo: a colección “Paisaje y teoría” da editorial madrileña Biblioteca Nueva. Ja, ja, ja… É broma. Pero o caso é que me sinto moi ledo de formar parte dun proxecto como ese. Nesta colección dirixida por Javier Maderuelo, Joan Nogué e eu mesmo, estamos a editar algúns dos mellores libros do mundo de teoría e historia da paisaxe, ao tempo que botamos a andar unha colección en galego “Novas paisaxes” sobre temas de paisaxe en Galicia. Da primeira colección xa levamos varios títulos: “Breve tratado del paisaje” de Alain Roger, “El arte del paisaje” de Raffaele Milani, “Razones del paisaje” de Augustin Berque, e moitos máis que virán. Para axudarnos contamos cun comité científico formado por prestixiosos investigadores da paisaxe de todo o mundo.
Parécenme envexables as publicacións específicas de arte do MIT Press, para que enganarnos: alí teñen visto a luz os textos de R. Krauss, de B. Buchloh, de H. Foster, de J. Crary e de moitos dos autores máis intelixentes, lúcidos e influentes do panorama da arte contemporánea dos últimos vinte ou trinta anos. Pero o milagre chámase Actes Sud, unha editorial francesa que fai anos non coñecía ninguén e que hoxe publica libros de arte, de paisaxe e novelas a un ritmo de case que 350 o ano. Milagre, porque, no que toca á paisaxe e á arte, as obras son verdadeiramente interesantes.
No creativo, na maquetación, nas apostas fortes, destacar o labor de Manuel Gausa e en xeral a equipa de Actar en Barcelona.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?
Nin idea. Ja, ja, ja… En todo caso, podemos fixarnos en cousas concretas. No que os xoves artistas recén licenciados en Belas Artes entregan hoxe nos certames de artistas xoves. É evidente que esas obras vistas en certames de Madrid, París ou Santiago de Compostela, poñen de manifesto que hai un certo “espírito de época”: as nosas parecen de París e as de París parecen feitas en Pontevedra. Así, con respecto a fai dez anos, en Galicia o primeiro que cabe destacar é que hoxe xa non se notan os tan repetidos “cinco anos de retraso” co de fóra. Agora ben, qué ocorre entón a nivel internacional, é dicir, a nivel galego? Os xoves traballan unanimemente nas instalacións, nas videoinstalacións e na fotografía. Estatisticamente, as pezas escultóricas, as pinturas… son a anécdota: xa non hai. De qué falan esas fotos e eses vídeos? Case que todos son autorreferenciais: décadas de arte problematizando o fenómeno da representación. Ao lado, percíbense varias liñas temáticas que gañan forza nos últimos tempos: o problema da memoria (ou, como dí Emanuela Salidini, das micromemorias persoais), a relación co espectador (espertar ao público adormecido)… Neste sentido, fronte as obras que se presentan a concursos para colgar ou proxectar nunha parede, gaña moita forza e ten moito sentido a arte social: na cidade e na rede. O post-graffitti e os percorridos creativos, distintos, nas urbes, nos territorios híbridos…; as páxinas de colectivos creativos e militantes en internet… Hai quen di que, na sociedade da imaxe e coa morte da lectura de textos, a arte é a filosofía do século XXI. Quizais isto pode explicar e resumir as tendencias da arte de hoxe: pezas gnoseolóxicas, pezas políticas, pezas sociais…
