Digna Sanchez & Francisco Alvarez
Digna Sanchez (Boiro, 1967) e Francisco Álvarez (Madrid, 1966) coñecéronse na facultade de Belas Artes de Salamanca a finais dos anos 80. Desde outubro de 2004 dirixen a Galería DF, situada na Rúa de San Pedro en Compostela. Este espazo, que abriu as súas portas no 2004, vén definindo unha coherente traxectoria protagonizada en proxectos expositivos, desde colectivas de vídeos, accións de arte urbano e sonoro, ou mostras individuais presentando os traballos de novos artistas como Rubén Santiago, Manuel Eirís, Mónica Cabo ou Rita Rodríguez, entre outros. Os dous directores veñen desenvolvendo, de forma paralela, unha activa actividade creativa que presentaron nos últimos anos en numerosos proxectos.
1. Vides protagonizando unha das traxectorias profesionais máis imaxinativas, destes últimos tres anos, coa dirección da galería DF. Como definiriades o proxecto desta galería?
Cando comezamos coa galería non marcamos unha liña ou decidimos realizar un proxecto determinado, cun enfoque preestablecido… Estamos en continuo movemento… O proxecto vaise definindo a si mesmo a cada paso.
2. Un dos modos de traballar máis destacados da vosa galería reside no proxecto, na intervención dun artista no espazo, por ocuparse de ámbitos creativos pouco explorados (como a arte sonora) e por manter un diálogo entre autores foráneos e galegos. Que liña de artistas/proxectos vos interesa seguir explorando?
O noso espazo condiciona moito, é bastante particular e obriga a amoldarse a el.
En canto á arte sonora, estamos máis pola performance que polo estático e preferentemente enfocado ao ruído. Non estamos seguros de que sexa exactamente o que se espera da etiqueta “arte sonora”, de todos os xeitos o medio tampouco é o realmente importante. Podes utilizar un lapis, un computador, unha cámara de vídeo ou simplemente o teu corpo. O importante é o substantivo, non o adxectivo.
Proxectos que nos interesan? Mais que explorar ou buscar o que sucede é que atopamos. Non apuntamos nunha dirección determinada. En realidade comportámonos máis como un coleccionista… ás veces apaixonámonos con algo dun xeito case enfermizo, non é moi ortodoxo, pero…
3. Neste sentido, como advertides a realidade das galerías de arte no sistema galego actual? Cales pensades que son os retos que se presentan no seu inmediato presente? Relación con outros axentes, institucións,…?
A nosa posición é máis ben de “outsiders”, e non temos aínda a experiencia suficiente para facer unha diagnose da situación. O que parece claro é que se valora máis a iniciativa pública que a privada. Cremos que as galerías son parte importante do armazón cultural, non soamente negocio. O diñeiro público pode crear un “underground institucional” no que se subvencione unha “falsa disidencia” e se reduza a capacidade de manobra para “axentes independentes”. De todos os xeitos, a cuestión é situarse cada un no lugar que lle corresponde e facer que a maquinaria funcione.
4. Desde a vosa experiencia, recomendade un proxecto que consideredes interesante e se estea a desenvolver a nivel internacional.
STEIM en Amsterdam: Desenvolvemento de software, charlas e lecturas, talleres, residencias, concertos… funcionan de forma independente desde fai mais de 20 anos.
5. Cales pensades que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións credes que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Mellor deixarse sorpender… relaxarse… e ás veces aquilo de “Don´t think…feel!” (Bruce Lee dixit).
