Silvia García
Destaca o traballo de Silvia García (Cangas do Morrazo, 1973) desde dous ámbitos complementarios, a docencia e investigación desde a Facultade de Belas Artes xunto coa experiencia artística. Licenciada en Belas Artes na especialidade de deseño e audiovisuais, ten estudos de doutoramento, mentres prepara actualmente a súa tese “A cidade eventual: diagramas e narrativas visuais”. É profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e profesora invitada na titulación de deseño téxtil e moda da Universidade de Vigo. Na súa traxectoria profesional sobresae o traballo no CGAC dende finais de1997 ata comezos do 2005 na coordinación de actividades, como os obradoiros con Marina Abramovic e Esther Ferrer. Entre os seus proxectos individuais destaca “A cidade dende fóra” (Escola Torrecino. Cela, Bueu, 2008) e “A cidade dende dentro” (Biblioteca da Facultade de Filosofía. Santiago, 2008), e a participación nas colectivas “AP9/A3” (Sala Maus Habitos, Porto e Sargadelos, Compostela), “Construcciones de Mujeres” (Sala Amadis. Madrid, 2000) e “Primeiras Xornadas de Videocreación Galega” (CGAC. Compostela, 1996), entre outras. Colaborou en tarefas de comisariado en diversos apartados das mostras “Contos Dixitais” e “Novos Camiños” e en diversos catálogos colectivos.
1. Unha das túas tarefas máis destacadas céntrase na investigación. Como describirías o papel do investigador, do teórico, no sistema actual da arte? E no caso galego?
Non hai un so punto de vista na investigación, en Belas Artes temos filósofos que investigan no ámbito da estética e dos procesos artísticos, e artistas que intentan afondar na exposición como dispositivo de comunicación. Cando me propuxen facer a tese decidín que non debía camuflarme nunha historiadora da arte, porque non teño a súa formación e porque considero importante conxugar investigación e práctica artística. En todo caso é aínda un debate aberto na nosa área.
Penso que os teóricos deberían colaborar cos xestores. Non se trata so de comisariar exposicións e escribir o texto do catálogo, trátase de que creemos un sistema cultural no que colaboremos dende os distintos ámbitos. Existe un entramado que hai que artellar para que non se esgoten os esforzos individuais. Creo que a banda deseñada e os ilustradores demostraron que se pode avanzar cara a unha mínima industria.
2. Desde a túa posición como docente da Facultade de Belas Artes. Como defines a súa situación desde o seu nacemento e na actualidade? Cales serían os seus retos, que puntos serían mellorables?
A facultade ten xa un papel asentado dentro do panorama artístico galego e as distintas promocións vense representadas nos premios, bolsas e exposicións, pero non formamos só artistas-herois, o éxito tamén ten que vir da man dos licenciados que se integran nos concellos pequenos, os que crean empresas, e iso supón un cambio de mentalidade. Hai alumnos que me din en 5º de Belas artes que hai que opositar a secundaria porque “todo está moi mal” para min esa actitude é froito da cultura da queixa, é un fracaso social.
Agora a facultade é a única titulación da Universidade de Vigo que presentou o plan de estudos adaptado a converxencia europea para tratar de implantalo o próximo curso, polo tanto o momento de transformación é moi interesante. Cada vez nas facultades vivimos un panorama internacional que nos enriquece enormemente, temos alumnos rumanos, franceses, finlandeses e ingleses que veñen con bolsas Erasmus. Estudar fóra é moi necesario para os nosos alumnos porque sabemos da inercia social de non saír do entorno familiar ata moi tarde. Pero evidentemente está situación é un reto tamén para os profesores, algo que non acabamos de asumir.
3. Presentas unha destacada vertente como artista visual que complementa a túa dirección teórica. Performances e intervencións nas que reflexionas sobre a vida, o hábitat ou a memoria. Cales pensas que serían as claves desa experiencia artística na relación teoría/práctica?
Para min incluír nos proxectos a intuición do fracaso é fundamental, buscando vías no xeito en que o fixo Aby Warburg cando decidiu probar cos paneis de imaxes que conformaron o “Mnymosene Atlas” ante a súa inmensa dificultade para escribir un ensaio (que segue a ser o único xeito de validación no ámbito académico).
Cando me licenciei sentín que a sobredose de imaxes dispoñibles facía que non tivera sentido seguir producindo “obxectos artísticos”. Así que o meu interese polos arquivos e a memoria foi un interese case ecolóxico, pensando que a pegada que deixamos nunha cidade que visitamos, poden ser soamente papeis fráxiles, a copia dun billete de autobús ou o recibo dunha tenda. Así que na exploración da cidade comecei a interesarme tamén pola idea de arquivo de Derrida.
Tamén preciso plantexar as incertezas e as dúbidas. Ó facer performances co meu fillo arrisqueime a que me mal interpretaran, eu quería amosar que a maternidade non é a relación ideal que nos vende a publicidade, pero intuía que algunhas persoas pensarían que utilizaba o meu fillo para inspirar tenrura, (como eses Power Point que moitas persoas se envían por e-mail con fotos de bebes e cachorriños de animais; a actualización dos calendarios de gatiños de toda a vida coas fotos cursis de Anne Geddes).
4. Que proxectos ou iniciativas pensas que serían necesarias desenvolver ou potenciar en Galicia?
O que boto de menos é que nos organicemos e busquemos novas solucións. Ver cómo funciona un proxecto como Maus Hábitos en Porto serve para preguntarme porqué aquí non se dan esas dinámicas colectivas, aínda que proxectos como os de alg-a.org que conseguiron a colaboración dun particular para instalar os seus contedores (cedidos por Santiago Cirugeda) nun solar de Valladares en Vigo fan que pense que hai persoas que están sacando adiante proxectos moi interesantes sen ter o apoio dunha institución detrás. Non me serve a visión nihilista que deposita toda a opción de mellora nos políticos.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Nunha realidade postmoderna e plural parécenme interesantes aquelas obras que reflicten dalgún xeito un proceso, ó igual que un barco de papel nos proporciona pistas de como foi feito. Cada vez teñen máis presenza as relecturas e os espazos híbridos, resulta moi san que nun sistema convivan as esculturas de Bourgeois, os proxectos de Dora García ou as performances de Esther Ferrer.
O que non me interesa nada son as visións neocolonialistas (que o mercado precisa) do desembarco do arte chinés ou africano, paréceme unha moda perversa que enmascara moitos abismos. Hai moitos intereses que non permiten impoñer un só canón, pero evidentemente a visión máis poderosa é a do mercado.
