Archive for May, 2008

Mónica Iglesias

Mónica Iglesias (A Coruña, 1971) é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, na primeira promoción da licenciatura de Historia da arte. Desde 1998 é directora técnica da galería scq, onde puidemos ver propostas expositivas individuais de artistas moi destacados da península como Luis Gordillo, Fernando Sinaga ou José Pedro Croft, cunha constante atención a autores galegos, como Carlos Rial, Almudena Fernández ou Menchu Lamas. Durante estos máis de 10 anos desenvolveu diferentes tarefas relacionadas coa súa actividade, desde traballos de conservación, catalogación, conferencias, colaboración con publicacións, coordinación de exposicións, etc.

1. A galería scq presenta unha traxectoria de máis de dez anos. Cales cres que as claves ou características que definen este espazo?

Dende a galería scq tratamos de facer un traballo profesional e coherente, realizado por un equipo, formado por xente que vive a arte. Encabezado por Adolfo Sobrino, que formulou dende o principio un código ético e contaxia a todo o equipo para que a arte non forme parte do seu traballo, senón que forme parte da súa vida.

Intentamos traducir esta experiencia en respecto e profesionalidade absoluta por: artistas, obras e coleccionistas… sen deixar de lado o noso goce persoal.

A galería é permeable á contemporaneidade, a novas disciplinas, os novos métodos, o proceso artístico, a exposición das obras, a súa conservación… aos seus artistas.

SCQ está definida pola forma de traballo do seu equipo non polo seu espazo.

2. Desde a túa experiencia, cal debe ser o papel das galerías na engrenaxe presente do panorama artístico? E concretamente no caso galego, que retos ten que superar?

A galería profesional é un axente máis dentro do sistema do mercado da arte, máis aínda que a súa finalidade empresarial e a venda, ser galería conleva unha responsabilidade moito maior, a exposición de obras, a difusión dos artistas aos que representa, dar cobertura a demanda de información do consumidor de arte, comprador ou non, custodiar as obras que temos en deposito, actuar, en definitiva coma un axente cultural. O caso galego non dista doutros casos; hoxe estamos máis preto dunha definición de galería profesional que hai 10 anos, aínda que queda moito por facer. A galería supón investir nun proxecto a longo prazo, e ao mesmo tempo deberá ser unha garantía para o artista e para o comprador-coleccionista; esta garantía constitúea, o equipo de profesionais, formados no campo da arte, que están traballando nas galerías profesionais, de non ser así estamos ante o simple comercio de arte no que non é necesario nin o artista, nin o espazo expositivo nin o proxecto, aspectos imprescindibles ao falar dunha galería profesional.

A galería profesional vai destinada a un publico especializado, e certo, o coleccionista, o artista, o espectador, o crítico… que participan do proxecto da galería, son tan profesionais como esta.

Non se trata de colgar obras nun espazo, nin de acumular pezas de arte, iso pódeo facer calquera, unha exposición é moito máis, un coleccionista é moito máis, unha galería é moito máis.

3. Tratando o tema das feiras e a polémica recente da pasada edición de ARCO, dende a túa posición, cómo pensas que debemos ver e definir as feiras de arte? Como situarías o nivel do mercado da arte na actualidade?

Alguén falou de que as galerías galegas non estarían en ARCO, este ano, por traballar no mercado secundario, e alguén matizou que Gordillo, Croft ou Calapez non traballan coa súa galería principal…; moitas veces escoito opinións relativas ás galerías coas que non me podo identificar, quizais nós mesmos somos responsables dun certo escurantismo en torno á nosa forma de traballo interno, pero so teñen que preguntar para saber que unha cousa é colaborar con outras galerías e outra é traballar no mercado secundario, de feito na solicitude ás Feiras de Arte, as galerías temos que contestar cuestións como estas (se traballamos en mercados secundarios e se colaboramos con galerías) demostrando documentalmente as nosas afirmacións. E tamén se supón que os comités organizadores están formados por profesionais refutados que valoran toda a información da que dispoñen, que é moita, para valorar os feitos, non as opinións.

Mais, gustaríame saber cal é a galería principal de Calapez, Croft ou Gordillo. Cando estes artistas veñen a expoñer en Galicia non teñen que pedir permiso a ningunha galería, o traballo é directo en todos os aspectos. Estes complexos de galerías principais ou galerías… xa deberían estar superados. Aínda que sempre é mellor o de fóra, non? ou simplemente é moito máis doado desde fóra.
Na actualidade a postura globalizadora das comunicacións e do mercado fai que incrementen as propostas de feiras de arte, algo positivo. Suponse que as Feiras de Arte congregan a galerías profesionais en diferentes puntos xeográficos, mais a tendencia globalizadora do mercado actúa en dúas frontes; a difusión e a maior presenza da arte na sociedade a nivel internacional, e as peculiaridades que definen a cada Feira de Arte; creo que o último no que debería converterse unha Feira de Arte é nun espectáculo de vendas, rendible a curto prazo, pero como digo a galería é un proxecto a longo prazo.

4. Cal cres que é a realidade do coleccionismo en Galicia? A nivel privado e público?

O coleccionista actualmente dispón dunha serie de vantaxes que fan máis doada esta experiencia. Falo do acceso á información, aos profesionais que traballan no ámbito da arte están más preparados e poden facilitar moito as cousas. Dende o proceso de selección das pezas que se axustan ao criterio de colección, á cuestión de conservación ou transporte, á parte documental… o coleccionista ten á súa disposición moitos máis medios para poder facer a súa colección.

O coleccionismo privado é un factor determinante, asume riscos, hoxe máis ca nunca. Falo dun perfil de coleccionistas que dedican unha parte importante da súa vida a: buscar as pezas, formarse e crear unha infraestrutura en torno á colección. De feito, na actualidade figuras como o do asesor artístico, o comité de compras está practicamente institucionalizado. O coleccionista privado ten maior seguridade, por exemplo; o formato o a técnica, que antes era definitivo para falar de obra de museo, hoxe xa non, coleccións privadas posúen obras de gran formato e complexidade técnica, asumida con toda naturalidade polo coleccionista. As fundacións, de capital privado, así como o coleccionista privado, cada vez colaboran máis con entidades publicas.

Creo que a relación entre todos os axentes do sistema é imprescindible, o feito de que na actualidade o Centro Galego de Arte Contemporánea, igual que outras institucións publicas estean ao tanto do que ocorre no seu contorno máis inmediato é unha mostra de que as cousas están cambiando. Paréceme lóxico pensar que un museo ou centro de arte publico ou privado con sede en Galicia, estea en contacto directo coas galerías galegas.

Estes centros deberan esixir unha profesionalidade e calidade de servizo, e cando dúas galerías, unha galega e unha de fóra de Galicia ofertan o mesmo en igualdade de condicións, o coleccionismo publico e privado debería optar por adquirir na galería galega, no se trata de facer patria, senón de recoñecer un traballo que vai dirixido a eles, os coleccionistas.

Para isto fai falla que o coleccionismo estea informado e sexa esixente, e que o coleccionista se informe correctamente. Tal é o caso na actualidade do CGAC, na figura do seu director que facendo o seu traballo, acode ás numerosas exposicións comezando polas do seu entorno máis inmediato e mantén unha comunicación que ata agora se botaba de menos.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

O artista está inmerso nun sistema, na actualidade, onde a previsión da obra de arte como produto é evidente. As facultades de Belas Artes licencian aos posibles artistas tras pasar por unha formación unitaria e formal; isto podería ser unha resposta a unicidades de formulacións estéticas aos que asistimos nas novas xeracións. O que máis me interesa é o momento que presenciamos, o punto de vista da experimentación, non o de que todo vale, senón a experiencia a cal o artista se somete, no seu taller, a novas técnicas, as novas linguaxes que propoñen. Creo que asistimos a un momento de alta tensión, onde o artista ten un reto importante, emocionar, comunicar, contar as veces contidos complexos da súa obra; nun entorno hostil e contaminado. A creatividade precisa un tempo para a súa percepción, un tempo que cada vez é menos doado de atopar tanto polo espectador como polo artista. A creatividade resólvese, ao fin, como parte dun proceso, tamén técnico, un resultado plástico controlado, o que se quere comunicar ten unha solución plástica óptima que hai que atopar.

O goce da Arte, do obxecto artístico só é posible tras facer unha inversión de tempo e esforzo intelectual, que non lle estamos a dedicar, aínda que hoxe os recursos dos que dispoñen os artistas, a todos o niveis, son aceptables.

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Ensaísta de temas literarios e artísticos e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas. Entre as súas publicacións cómpre salientar as dedicadas a escritores, entre outros, como Lorenzo Varela, Manuel Antonio ou Vicente Risco. Entre os seus libros máis recentes destacan “Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega” (2004) e “Breve historia da arte galega” (2005) e os catálogos “Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)” (MARCO e Fundación Luís Seoane’), Álvaro de la Vega e Carlos Maño, “Luces atlánticas. Cecilio Chaves” (Caixanova) e un ensaio inserido no volume “Vicente Risco, obra gráfica” (Galaxia). Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento “Faro da cultura” do xornal Faro de Vigo.

1. Desde a túa experiencia como crítico de arte no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo, cal cres que é a situación actual desta profesión en Galicia? Cal é o papel que debe xogar o crítico na engrenaxe da arte?

A crítica ten unha función mediadora entre diferentes axentes do mundo artístico. Isto non deixa de ser un problema, un síntoma da dificultade da arte de se interpretar no actual sistema cultural, que precisa un decodificador de mensaxes que abala entre o ton profesoral e a asumida parcialidade. O crítico tamén pode ter certo papel como “activista” ou compañeiro de fronte cos artistas, un aspecto que tivo maior importancia no século XX no contexto da vangardas históricas.

Desde a perspectiva persoal, desenvolvo este labor con toda autonomía e como complemento ás miñas angueiras noutros ámbitos de traballo: os estudos sobre arte e literatura, con pretensións de fornecer (e fornecerme) información e materia de reflexión situándoa nunha ámbito ben preciso, que é dun crítico que se posiciona nunha perspectiva cultural moi concreta, froito dos meus puntos de vista persoais e da miña situación no marco da cultura galega. Neste sentido, coido que ten certos trazos de singularidade a sección, porque segue no noso país a haber moitos estoxos incomunicados entre diferentes actividades culturais.
Partindo deste punto de vista, coido que o artista, o critico ou o historiador da arte debe dialogar coa tradición da que vimos –mesmo para negala-, mais tamén debe situar ese diálogo no ámbito universal, igual que xa o fixo historicamente a Xeración Nós ou os artistas do Movemento Renovador da Arte Galega, cando falaban de establecer canles de comunicación directa co exterior sen intermediarios. O mesmo que logo desde o exilio concretou boa parte do noso mundo cultural (Seoane, Dieste…). Continuarmos nesta liña –evidentemente coas variábeis do noso presente- pode e debe contribuír a acrecentar o noso “espazo cultural propio” (J. Habermas), que, debemos ser conscientes, apenas pode existir se non é ao tempo “nacional” e “universal”. Os críticos, como os artistas, pero aínda máis os primeiros, precisan situarse nun proceso de acción “reflexivo” e “dialogante”. Unha reflexión e un diálogo que se poden manifestar en varios niveis: sobre o plano de relación coa tradición artística galega; en íntimo diálogo entre eles mesmos e, finalmente, en rica convivencia cos demais axentes de produción e consumo artísticos.

2. E o lugar dos suplementos de cultura nos xornais galegos?

Os suplementos de cultura ocupan un papel de escaso relevo na prensa galega, fundamentalmente porque a cultura en xeral ten unha posición puramente decorativa nestes medios, xa non digamos de se expresar en galego.

O suplemento “Faro da cultura” leva a cabo un labor de espallamento da cultura galega e, ao tempo, da cultura universal, desde o idioma galego. Neste aspecto déixase sentir unha posición clara por parte dos que o levan a cabo de compromiso co que representa a tradición dos valores culturais galegos, facendo que se poida percibir nos máis habituais colaboradores a asunción dun punto de vista claramente definido que se plasma nunha actitude que quere participar na construción do país desde a perspectiva de potenciar a súa cultura expresada en idioma galego, proceda de onde proceda, sen ningún tipo de exclusións.

3. Na túa traxectoria, protagonizas diversos estudos sobre capítulos e autores do noso pasado artístico. Cal consideras que é o presente dos estudos de arte contemporánea en Galicia?

Na primeira pregunta fago referencia á miña visión sobre como entendo o ámbito de traballo a respecto da arte no noso país. Non teño relación ningunha co mundo académico (Facultades de Historia da Arte ou Belas Artes), aínda que me licenciei en Historia da Arte en Santiago.

Sobre o tema concreto da arte contemporánea creo que a presenza da Facultade de Belas Artes e de tres centros como o CGAC, MARCO e Fundación Luís Seoane é un contexto novo e máis rico potencialmente para os estudos artísticos, pero precisarían un maior compromiso coa cultura galega para poder supera certas inercias e barreiras de comunicación. Por exemplo, estou seguro que en Belas Artes hai profesores que ignoran quen foi Rafael Dieste para arte galega, a poesía de Manuel Antonio ou a obra de Vicente Risco.

Volvendo ao tema dos estudos de arte contemporánea, cómpre lembrar que o museo, a galería e as feiras ocupan agora moito espazo tradicionalmente ligado ao crítico, co que este se ve forzado ao contacto con estes novos ámbitos “canonizadores”.

4. Dentro das artes visuais, pensa nun proxecto que consideras necesario que se desenvolva en Galicia.

Galiza perdeu moitos trens e algúns son difíciles de recuperar, penso por exemplo na ausencia dun Museo Nacional de Arte de Galiza, como pode existir en Cataluña, un museo non exclusivamente nacional mais no que o nacional teña un peso relevante.
Proxectos que considero interesantes: moitos. Desde a perspectiva da Historia da Arte coido que deberiamos mostrar a nosa tradición pictórica e escultórica moderna en diálogo coas grandes correntes da arte universal coas que conviviron, levaríamos máis de unha grata sorpresa.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Chaves da arte actual. Unha das características do discurso sobre arte da contemporaneidade é a súa ruptura coa linearidade que, como noutros aspectos do pensamento, caracterizou a Historia da Arte como produto da visión histórica que de vello marcou a cultura occidental, lémbrese que xa para León Battista Alberti, nos inicios do Renacemento, a historia era o tema e o problema da arte. Unha visión que non comeza a ser relegada até ben entrado o século XX e que agora é cuestionada por moitos creadores e críticos.

En xeral na arte actual movémonos nun espectro formal e temático ben amplo, que abala entre a sedución e a crítica social e que ten como un dos elementos distintivos a obxectualización do corpo, presente en moitas das representacións da violencia contemporáneas e que suxire problemas como o esteticismo, a dramatización e a ambigüidade ligados á representación. Moitas propostas desenvólvense no ámbito da imaxe (vídeo, fotografía), seguindo estratexias que teñen na manipulación e na ironía os seus alicerces máis sólidos.

A sedución e a desnaturalización esteticista da violencia é un dos perigos evidentes deste tipo de representacións, mais non o único. Son moitas as ameazas que acosan o artista que quere realizar unha arte comprometida co seu tempo, comezando pola escasa capacidade da arte para competir en impacto comunicativo cos medios de comunicación de masas actuais, e continuando coa súa inserción no mercado, que engole e dixire calquera proposta, apagando así a súa inicial vontade crítica.

Manuel Segade

Manuel Segade (A Coruña, 1977) é licenciado en Historia da Arte pola USC. Traballou como coordinador de contidos de Metrònom Fundació Rafael Tous d’Art Contemporani en Barcelona e, como comisario independente, realizou “A construción do espectador” para a Fundación Luis Seoane en 2003, o museo Miquel Casablancas (MICA) xunto a David Armengol (unha institución efémera de arte emerxente no Distrito de Sant Andreu de Barcelona) ou diferentes proxectos que investigan sobre a posibilidade de producir unha comunidade social efectiva e crítica por medio da cultura contemporánea, como Interferències’06 para o Ajuntament de Terrassa. Desde 1998 traballa en fragmentos dunha historia cultural das prácticas estéticas de finais do século XIX, tema sobre o que recentemente publicou o ensaio Narciso Fin de Siglo. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional no departamento de exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), comisariando mostras como a individual de Susan Philipsz ou, para este 2008, Clemens von Wedemeyer.

1. Desde a túa experiencia como comisario de diversas exposicións nestes anos, cal cres que é o rol do comisariado na engrenaxe artística actual? E concretamente no caso galego?

Téndese a unha visión estreita do comisariado: non se trata só da concepción dunha exposición e dun texto nun catálogo. Un comisario é un intercambiador entre o artista e o público, un mediador entre a produción e a institución. Debe dar resposta a necesidades en tres niveis: dos artistas, da institución e dos diferentes tipos de usuarios cos que esta conta. O seu traballo está na escena da arte, na investigación de contidos e fórmulas de comunicalos espacialmente e tamén no artellamento de relatos de uso comunitario.

En Galicia non existía, ata o Máster do departamento de Historia da Arte que se está desenvolver este ano e co que o CGAC colabora, formación específica en comisariado. Quizais por iso hai poucos comisarios profesionais no noso país. Coma eu mesmo, os comisarios galegos pertencen a un territorio institucional e poucos intentan inventar novas fórmulas alén dos seus marcos. Desde a miña experiencia, como comisario independente que chega a unha institución pública, fáiseme fundamental o meu capital persoal anterior, aplicado a un proxecto maior, coa súa entidade e o seu propio sentido: saber utilizar a linguaxe propia con un vocabulario alleo. Cando se contrata a alguén é por unha traxectoria e un bagaxe que interesa; é así que podes aportar a eses vocábulos unha especial connotación, xerar un tipo de relato diferencial. Creo que o grande reto e responsabilidade consiste en escoller aqueles relatos que sexan relevantes e procuren o desenvolvemento da nosa comunidade.

2. Vas ser comisario dunha exposición colectiva no CGAC en xuño deste ano chamada “Situación”, onde se pretende analizar o diagnosticar o presente da arte actual na nosa terra. Cal cres que son as sinais/características e os retos das artes visuais en Galicia nestes últimos anos?

“Situación” comezou sendo un título provisorio, de traballo, dun proxecto que pretende aportar ferramentas para interpretar a escena da arte galega. O CGAC cumpre 15 anos neste 2008 e a madurez dun centro autonómico pasa por atender precisamente a unha posición crítica desde dentro: que provocou este tempo de existencia? Cal é a situación do desnivel de comunicación pública da arte actual? É efectiva a escena da arte en Galicia? Os retos non están nas artes, que avanzan ao seu propio ritmo, senón que pertencen ao sistema. Galicia ten un sistema institucional envexable, de centros, galerías e fundacións que non existen noutras comunidades economicamente máis desenvolvidas. Ao mesmo tempo, vivimos nun sistema cultural endémico, cada vez mais privatizado, que serve a intereses tecnocráticos, relacionados co poder da imaxe e a creación de identidade pública. Por outra banda, unha grande parte da crítica exércese coma se dun grupo de presión se tratara, cuns intereses concretos que, ademais, se enmascaran hipocritamente. Temos comisarios dirixindo centros punteiros en Europa, artistas novos que fan as súas primeiras exposicións individuais fóra de Galicia, xestores traballando en importantes organismos nacionais… Creo que o reto é o dun vínculo real, a construción xenerosa dunha realidade común.

3. Desde o ano pasado vés desenvolvendo tarefas de coordinación de exposicións no CGAC. Deste o teu labor como observas a presenza e papel dos centros de arte contemporánea?

Máis alá de xeitos de competencia, é un orgullo ver como eu marchei hai uns anos de Galicia na procura de traballo, e cando volto atópome con dous centros con sona no territorio nacional. Como dinamizador do contexto, como plataforma discursiva que poida provocar cuestionamentos críticos e como espazo de verdadeiro goce, paréceme unha infraestrutura fundamental. Eu eduquei o meu gusto a través das exposicións do CGAC, que abriu cando comecei a estudar en Santiago. O CGAC actual ofrece un extraordinario marco de traballo. Existen poucos contextos institucionais semellantes, que non busquen unha rendibilidade inmediata, nin a espectacularidade, senón intereses a medio e longo prazo. Ten unha infraestrutura recoñecible e con prestixio en ben diferentes departamentos do seu centro. Curiosamente, recíbense proxectos de fóra pero poucos de dentro. Eu creo que o CGAC ten unha característica importante: non é un lugar intercambiable con outro, o que desgraciadamente ocorre na maioría dos novos centros.

4. Que proxecto recomendarías que coñezas e se estea desenvolver a nivel internacional?

Hai proxectos que me interesan por estar preto do que a min me gustaría contar, como Be[com]ing Dutch, do Van Abbemuseum de Eindhoven (Holanda) -unha reflexión sobre a identidade nacional premiada e xa na súa segunda fase- ou multitude de proxectos que se desenvolven actualmente dende a perspectiva da teoría postcolonial –como o máis recente que me interesou, Re-imagining Asia na Haus der Kulturen des Welt en Berlín, que reflexiona sobre cómo artistas internacionais reinventan a imaxe de Asia e desafían os conceptos eurocéntricos da arte-, porque me sorprende moito que nunha comunidade tan emigrada como Galicia e coa volta das segundas ou terceiras xeracións de descendentes de galegos, non se estea a desenvolver este tipo de propostas aquí.

De todos os xeitos, intento estar máis atento á comunidade artística que ós e-flux. Cando viaxo, intento estar pendente da realidade artística, do verdadeiro contexto e das fórmulas que utilizan para vertebrar o que non atopan nas institucións. Xa pode ser editorial –un espazo hoxe fundamental por barato e sinxelo de xestionar-, web ou de pequenos espacios físicos máis ou menos autoxestionados. Interésanme porque son fenómenos que responden a unha realidade. Ten que ver con outro dos meus intereses: a relectura do relacional, fundamental, e que todos abandonamos por aburrimento, pola mala publicidade de certos produtos febles ós que deu lugar.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

É unha pregunta demasiado aberta. A nivel de mercado, o xigante Chinés, é evidente que está apertando forte. Tamén o regreso dunha tendencia obxectual, que se pode detectar en centros coma Londres, parece algo sintomático dun momento especial do mercado da arte. A noción institucional de responsabilidade colectiva, o espertar dun interese común máis alá dunha comunidade concreta pero traballado dun xeito contextual parece unha constante con futuro. Ou eu espero que o teña.