Carlos L. Bernárdez
Carlos L. Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Ensaísta de temas literarios e artísticos e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas. Entre as súas publicacións cómpre salientar as dedicadas a escritores, entre outros, como Lorenzo Varela, Manuel Antonio ou Vicente Risco. Entre os seus libros máis recentes destacan “Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega” (2004) e “Breve historia da arte galega” (2005) e os catálogos “Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)” (MARCO e Fundación Luís Seoane’), Álvaro de la Vega e Carlos Maño, “Luces atlánticas. Cecilio Chaves” (Caixanova) e un ensaio inserido no volume “Vicente Risco, obra gráfica” (Galaxia). Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento “Faro da cultura” do xornal Faro de Vigo.
1. Desde a túa experiencia como crítico de arte no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo, cal cres que é a situación actual desta profesión en Galicia? Cal é o papel que debe xogar o crítico na engrenaxe da arte?
A crítica ten unha función mediadora entre diferentes axentes do mundo artístico. Isto non deixa de ser un problema, un síntoma da dificultade da arte de se interpretar no actual sistema cultural, que precisa un decodificador de mensaxes que abala entre o ton profesoral e a asumida parcialidade. O crítico tamén pode ter certo papel como “activista” ou compañeiro de fronte cos artistas, un aspecto que tivo maior importancia no século XX no contexto da vangardas históricas.
Desde a perspectiva persoal, desenvolvo este labor con toda autonomía e como complemento ás miñas angueiras noutros ámbitos de traballo: os estudos sobre arte e literatura, con pretensións de fornecer (e fornecerme) información e materia de reflexión situándoa nunha ámbito ben preciso, que é dun crítico que se posiciona nunha perspectiva cultural moi concreta, froito dos meus puntos de vista persoais e da miña situación no marco da cultura galega. Neste sentido, coido que ten certos trazos de singularidade a sección, porque segue no noso país a haber moitos estoxos incomunicados entre diferentes actividades culturais.
Partindo deste punto de vista, coido que o artista, o critico ou o historiador da arte debe dialogar coa tradición da que vimos –mesmo para negala-, mais tamén debe situar ese diálogo no ámbito universal, igual que xa o fixo historicamente a Xeración Nós ou os artistas do Movemento Renovador da Arte Galega, cando falaban de establecer canles de comunicación directa co exterior sen intermediarios. O mesmo que logo desde o exilio concretou boa parte do noso mundo cultural (Seoane, Dieste…). Continuarmos nesta liña –evidentemente coas variábeis do noso presente- pode e debe contribuír a acrecentar o noso “espazo cultural propio” (J. Habermas), que, debemos ser conscientes, apenas pode existir se non é ao tempo “nacional” e “universal”. Os críticos, como os artistas, pero aínda máis os primeiros, precisan situarse nun proceso de acción “reflexivo” e “dialogante”. Unha reflexión e un diálogo que se poden manifestar en varios niveis: sobre o plano de relación coa tradición artística galega; en íntimo diálogo entre eles mesmos e, finalmente, en rica convivencia cos demais axentes de produción e consumo artísticos.
2. E o lugar dos suplementos de cultura nos xornais galegos?
Os suplementos de cultura ocupan un papel de escaso relevo na prensa galega, fundamentalmente porque a cultura en xeral ten unha posición puramente decorativa nestes medios, xa non digamos de se expresar en galego.
O suplemento “Faro da cultura” leva a cabo un labor de espallamento da cultura galega e, ao tempo, da cultura universal, desde o idioma galego. Neste aspecto déixase sentir unha posición clara por parte dos que o levan a cabo de compromiso co que representa a tradición dos valores culturais galegos, facendo que se poida percibir nos máis habituais colaboradores a asunción dun punto de vista claramente definido que se plasma nunha actitude que quere participar na construción do país desde a perspectiva de potenciar a súa cultura expresada en idioma galego, proceda de onde proceda, sen ningún tipo de exclusións.
3. Na túa traxectoria, protagonizas diversos estudos sobre capítulos e autores do noso pasado artístico. Cal consideras que é o presente dos estudos de arte contemporánea en Galicia?
Na primeira pregunta fago referencia á miña visión sobre como entendo o ámbito de traballo a respecto da arte no noso país. Non teño relación ningunha co mundo académico (Facultades de Historia da Arte ou Belas Artes), aínda que me licenciei en Historia da Arte en Santiago.
Sobre o tema concreto da arte contemporánea creo que a presenza da Facultade de Belas Artes e de tres centros como o CGAC, MARCO e Fundación Luís Seoane é un contexto novo e máis rico potencialmente para os estudos artísticos, pero precisarían un maior compromiso coa cultura galega para poder supera certas inercias e barreiras de comunicación. Por exemplo, estou seguro que en Belas Artes hai profesores que ignoran quen foi Rafael Dieste para arte galega, a poesía de Manuel Antonio ou a obra de Vicente Risco.
Volvendo ao tema dos estudos de arte contemporánea, cómpre lembrar que o museo, a galería e as feiras ocupan agora moito espazo tradicionalmente ligado ao crítico, co que este se ve forzado ao contacto con estes novos ámbitos “canonizadores”.
4. Dentro das artes visuais, pensa nun proxecto que consideras necesario que se desenvolva en Galicia.
Galiza perdeu moitos trens e algúns son difíciles de recuperar, penso por exemplo na ausencia dun Museo Nacional de Arte de Galiza, como pode existir en Cataluña, un museo non exclusivamente nacional mais no que o nacional teña un peso relevante.
Proxectos que considero interesantes: moitos. Desde a perspectiva da Historia da Arte coido que deberiamos mostrar a nosa tradición pictórica e escultórica moderna en diálogo coas grandes correntes da arte universal coas que conviviron, levaríamos máis de unha grata sorpresa.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Chaves da arte actual. Unha das características do discurso sobre arte da contemporaneidade é a súa ruptura coa linearidade que, como noutros aspectos do pensamento, caracterizou a Historia da Arte como produto da visión histórica que de vello marcou a cultura occidental, lémbrese que xa para León Battista Alberti, nos inicios do Renacemento, a historia era o tema e o problema da arte. Unha visión que non comeza a ser relegada até ben entrado o século XX e que agora é cuestionada por moitos creadores e críticos.
En xeral na arte actual movémonos nun espectro formal e temático ben amplo, que abala entre a sedución e a crítica social e que ten como un dos elementos distintivos a obxectualización do corpo, presente en moitas das representacións da violencia contemporáneas e que suxire problemas como o esteticismo, a dramatización e a ambigüidade ligados á representación. Moitas propostas desenvólvense no ámbito da imaxe (vídeo, fotografía), seguindo estratexias que teñen na manipulación e na ironía os seus alicerces máis sólidos.
A sedución e a desnaturalización esteticista da violencia é un dos perigos evidentes deste tipo de representacións, mais non o único. Son moitas as ameazas que acosan o artista que quere realizar unha arte comprometida co seu tempo, comezando pola escasa capacidade da arte para competir en impacto comunicativo cos medios de comunicación de masas actuais, e continuando coa súa inserción no mercado, que engole e dixire calquera proposta, apagando así a súa inicial vontade crítica.
