Juan de Nieves (A Coruña, 1964) é licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela en 1987. Dentro da súa actividade profesional foi Conservador do Centro Galego de Arte Contemporánea entre 1994 e 1998, técnico de exposicións no Consorcio de Museos da Comunidade Valenciana en 1998-99, incorporándose desde ese momento como xefe de exposicións ao Espai d’art contemporani de Castelló (EACC), sendo director artístico desta institución desde finais de 2004 até marzo de 2008. Foi comisario de diferentes exposicións, entre as que destacan “Contemporane@ 02. Plataforma de proyectos” (2002), “Contemporane@ 05. Interferencias en la ciudad y sus paisajes asociados” (2005), “Atención: Algunas vueltas más para llegar…Un proyecto de Angel Vergara” (2007), “Cantos Cívicos. Un proyecto de NILC” (2007), “Daniel Buren. Les Cabanyes de ceramica i espill” (2006) no EACC; “Laughing Allowed” para a galería ad hoc (2004); “Isaac Pérez Vicente: la luz en la sombra” (1996) no CGAC; “Incidentes” (1995) na Casa da Parra; “Sida. Pronunciamiento y acción” (1994) no Pazo de Fonseca; ou “O proceso abstracto. Artistas galegos, 1950-1979” (1993) no Auditorio de Galicia. É membro de ADACE, Asociación de Directores de Arte Contemporánea de España.

1. Durante catro anos dirixiches o Espai d’art contemporani de Castelló (EACC). Como valoras a situación actual dos centros de arte en España?

Creo que ante a proliferación de centros de arte contemporánea nas últimas décadas é necesario exercitar unha mirada crítica. É certo que en moi pouco tempo, as diferentes administracións que integran o Estado español puxeron en marcha unha nutrida rede de centros, pero reflexionouse pouco sobre a creación de modelos. Por suposto esta é unha tarefa que corresponde fundamentalmente aos directores ou directoras dos mesmos, pero bótase de menos un espazo de debate previo no que analizar as condicións específicas de cada comunidade e que posteriormente poida dar sentido á elección de cada modelo. Témome que en España actuouse con demasiada rapidez. Desde as instancias políticas a prioridade foi sempre crear unha estrutura física, unha arquitectura que sirva de icona cultural, pero esquécense os contidos e as estratexias, en definitiva, a inserción dese contedor nun contexto.

Case todos os centros en España comezaron as súas traxectorias desde esta falta de debate. As administracións terían que xerar espazos previos de estudio e contar cos profesionais adecuados para o seu funcionamento. Hai moitos aspectos sobre os que debater antes de poñer en marcha unha estrutura museística. Os resultados destas “oficinas” previas garantirían sen dúbida un mellor funcionamento posterior.

Respondendo con máis precisión á pregunta, creo que a maior parte dos centros en España son herdeiros deste proceso acelerado. As administracións esixen tempos rápidos e resultados inmediatos; se a isto sumamos a dotación de presupostos moi axustados na maior parte dos casos, podemos concluír que os centros non poidan dedicar toda a enerxía necesaria para construír unha identidade propia e produtiva.

2. E como advirtes e definirías no presente a figura do director de centro de arte?

Creo que o director ou directora dun centro debe de ocuparse de definir as liñas de pensamento que quere aplicar á estrutura que dirixe. Para que poida cumprir esta tarefa é absolutamente necesario contar cunha dirección xerente que comprenda perfectamente a liña programática do director/a, e dese modo facilitar e axilizar as tarefas burocráticas e económicas coa finalidade de que non interfiran no sempre delicado proceso de xestión e produción de cada proxecto. Evidentemente esta situación ideal non soe darse na realidade; en primeiro lugar porque as xerencias soen pertencer ás administracións públicas, polo tanto descoñecen as particularidades dun centro de arte contemporánea. Aquí comezan os problemas da maior parte dos centros.

Un director/a debe garantir unha relación máis que fluída co contexto. Non falo soamente das relacións institucionais, que son necesarias por suposto, senón dun achegamento coa sociedade, cos axentes diversos que compoñen cada comunidade.

Na miña opinión un director non é un programador de exposicións e eventos, senón un intelectual que sexa capaz de xerar espazos críticos.

3. Levas máis de dez anos fóra de Galicia, destacando na túa etapa profesional galega, entre outras tarefas, como conservador do CGAC. Como advirtes, desde a distancia, o presente da arte galega, desde as infraestruturas ou os axentes?

A pesar de que non puiden manter un contacto tan estreito como me tivera gustado, intúo que as cousas cambiaron moito en Galicia nestes dez anos. Sen querer excluír a outras institucións que sen dúbida están cumprindo unha función importante, creo que as políticas do CGAC e o MARCO están xerando un clima interesante e plural. Paréceme adecuada a reflexión que o CGAC quere levar a cabo co proxecto “Situación”. Non coñezo os detalles pero creo que é fundamental levar a cabo un proxecto de debate público con todos os axentes implicados para interrogarnos sobre os cambios destas últimas décadas. Sería importante que se xerase un observatorio activo da situación artística desde Galicia e que transcendera a produción local, favorecendo unha política en rede con outras comunidades dentro e fóra de España.

Igualmente o MARCO de Vigo está en condicións de protagonizar estes procesos de reflexión. O traballo desenvolto por este centro ao longo dos últimos anos situouno como espazo de referencia cunha gran proxección mediática.

Pero ademais das actuacións destes dous importantes centros, quizais falte en Galicia a creación doutras plataformas dedicadas por exemplo á produción artística. Como sucede con outras comunidades do Estado español, a conexión entre institucións segue sendo débil. Penso nas facultades de belas artes, por exemplo, non sempre presentes nos circuítos de difusión da arte, nos museos, pero tamén ao contrario. Durante o meu tempo en Valencia e Castellón, tratamos de impulsar un achegamento entre a institución museo e a universidade, pero non é doado encontrar as complicidades necesarias para que este se produza e xere rendibilidades.

En resumo, penso que existen as estruturas (pensemos tamén na Bienal de Pontevedra, cunha longa tradición en Galicia) pero falta cohesión.

Están por crear novos modelos para a produción de coñecemento, e este creo que é o reto ao que nos enfrontamos para o futuro, en Galicia e fóra de aquí tamén.

4. Recomenda un centro de arte ou institución internacional que che interese polo seu valor crítico e actual.

Sempre pensei que a institución ideal é aquela que pode liberarse dun espazo estable. Evidentemente non quixera borrar dun plumazo os museos e centros de arte contemporánea. De ningún xeito. Pero como dicía antes creo que son máis importantes as actuacións que os edificios. Pensemos nunha axencia como Artangel en Londres, traballando case exclusivamente na esfera pública con traballos de longo percorrido. Creo que é necesario estar máis pendentes dos procesos e obter proveito das rendibilidades que se poidan xerar nestes tempos nos que a obra está en curso.

Seguindo en Londres, interésame especialmente a política en torno á arquitectura da Serpentine Gallery. A creación dun pavillón anual a partir do cal xerar un espazo de debate no que artistas, arquitectos e outros axentes poidan establecer novas liñas de actuación.

O programa de arte pública de Stroom den haag en Holanda actúa tamén nesta dirección, coa posibilidade de que moitos dos proxectos se convertan en plataformas estables para a cidade.

Paréceme que en España, necesitamos este tipo de propostas de fondo, non suxeitas á rixidez dos procesos burocráticos, sempre condicionados por multitude de factores alleos á reflexión e ao debate.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Máis que nunca esa pregunta é imposible de responder sen resultar tendencioso. Se respondese que todo tende cara ás políticas electrónicas, en paralelo aos contidos que se impoñen desde o ámbito da comunicación, deixaría de lado todo un repertorio de propostas que, desde formatos e estratexias moi diversas, establecen unha conexión necesaria co ámbito do público.

A miña experiencia fálame dunha escena híbrida hoxe en día, moi permeable para desencadear procesos de colaboración. A interacción entre a arte e a escena pública ten un amplo camiño por diante.

Así, urxe pensar nun novo entendemento da arte pública na realidade actual e reinventar o seu rol nesta nova situación. É certo que a arte nunca pode resolver conflitos directamente, pero pode facilitar espazos para a reflexión de individuos ou grupos, para a imaxinación e creación en liberdade. En definitiva espazos de crítica e propostas. Todo isto implica a invención dunha nova coherencia social baseada na diversidade de identidades, “respecto ao outro e en diálogo co outro”, para xerar un novo proceso de identificación híbrida. Noutras palabras, este compromiso de apertura cara ao outro, cara á diferenza, pode constituírse nun relevante punto de partida para a tarefa de re-situar as actividades artísticas na sociedade.

Estes novos proxectos de arte pública expresan profundas preocupacións en relación aos conflitos xerados na vida urbana e suburbana de hoxe en día, como a diferenza cultural, a división social, as desigualdades económicas, a crise ecolóxica, e en definitiva a violencia e a soidade imperantes nas nosas sociedades. O máis importante, é que moitas destas propostas ofrecen solucións positivas e moi activas para rexenerar a comunicación entre diferentes grupos sociais; propostas para solventar estas crises e ao mesmo tempo reafirmar a importancia da reconstrución da identidade social, e a coherencia baseada no múltiple e no diverso. Ao contrario que no caso da arte pública como mera conmemoración, estes proxectos articulan a importancia do movemento, da fluidez, da inmaterialidade, do incerto….como novas formas de compromiso entre arte e realidade. Normalmente estas propostas están situadas nun espazo intermedio entre a “arte” e outras disciplinas, sobre todo tendo en conta o urbanismo, a arquitectura ou a socioloxía.