Chus Martínez Domínguez (Tui, 1976) é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Na súa actividade profesional destaca a tarefa como crítica de arte nas revistas Artnotes e Arte Contexto, e colaboradora como crítica de libros de arte no programa Libro aberto da TVG. Foi co-comisaria da mostra “Fisuras no cotián. 9 narradoras no relato da violencia” (Casa da Parra, 2006) e está preparando unha exposición sobre arte e xénero en Galicia para o Auditorio de Galicia. Colaborou en revistas como Interesarte e Tempos Novos, así como en diferentes catálogos de institucións públicas e privadas, como o CGAC, a Deputación da Coruña ou o Museo Barjola, entre outras. Sobresae a súa importante labor como coordinadora de contidos do espazodocumental.net, unha páxina web onde se recompila o traballo de artistas actuais galegos, e dun libro de inmediata publicación co mesmo nome que recolle reflexións e entrevistas de diversos axentes galegos.

1. Desde a túa experiencia no ámbito da documentación relacionada coa arte actual, especialmente na coordinación da páxina web Espazodocumental.net, como observas esta labor no presente? Cales serían as claves que definen este proxecto?

Cada vez son máis comúns proxectos ou servizos de información e documentación no marco da cultura, o que supón unha vontade de adaptación a novos xeitos de investigar e de difundila, polo que se fai necesario establecer unha nova orientación das actuacións tradicionais nas unidades de información cultural.

A divulgación das novas tecnoloxías, e de internet concretamente, están a abrir posibilidades ilimitadas no mundo da creación, especialmente nas artes visuais; inciden directamente nos espazos culturais ao facer posible a difusión gratuíta dunha prolífica cantidade de contidos artísticos heteroxéneos. O sitio web espazodocumental.net (www.espazodocumental.net) pensouse, entre outros moitos obxectivos e bases, como unha ferramenta pública de acceso ao patrimonio artístico contemporáneo en Galicia, neste caso a produción de artistas galegos ou vinculados co noso contexto. Ademais, as posibilidades da rede permiten engadir outras morfoloxías da información ademais do texto, como imaxes e son, polo que as relacións coa arte estréitanse e convértense en imprescindibles, como se evidencia na información que recolle este sitio web.

Os centros documentais evolucionan parellos ás esixencias da información, converténdose en plataformas dinámicas; no caso do espazo documental empregáronse as tecnoloxías da comunicación como vehículo fundamental para dar a coñecer a documentación achegada polos artistas que aceptaron a invitación do Proxecto-edición, que perfilou eses campos ou áreas de información susceptibles de estudo. Definiría o espazodocumental como un xermolo de opcións de traballo, unha vertente aberta de relacións con diversos proxectos; un deles será a publicación do libro espazodocumental.net, que verá luz nas vindeiras semanas.

2. Recomenda outras iniciativas ou proxectos que dentro desta tarefa de recompilación, arquivo e documentación de creación contemporánea da rede se estean a desenvolver na actualidade?

Hai moitas iniciativas deste tipo pero destacaría o que se está facendo en Portugal e no resto do Estado, xa que en definitiva son as que máis nos afectan, desde o punto de vista do comisariado e critica de arte, á hora de enriquecer o noso traballo. No Estado están a desenvolverse moitos proxectos documentais interesantes, útiles para o coñecemento artístico e creativo contemporáneo, tanto na rede, como a base lusa Anamnese, desenvolvida por Miguel von Hafe Pérez ou Arteder, unha completa base de datos de artistas vascos, e tamén físicos, comprendidos como lugares de consulta nunha relación co centro, como o Arxiu_Dossiers do Centre d’Art Santa Mónica, a Biblioteca-Centro de Documentación do MUSAC, ou o Centro de Documentación do Patio Herreriano, todos eles cunha detallada ordenación e ferramentas de consulta.

3. Asumindo a sempre complicada tarefa de singularizar ou destacar nomes, gustaríame que nos recomendases algún nome da creación actual galega que consideres significativo.

Continuando cos traballos iniciados cando co-comisariei: “Fisuras no cotián” na Casa da Parra, ou a que estou preparando sobre arte e xénero para o Auditorio de Galicia, destacaría a labor que veñen desenvolvendo moitas novas artistas como Loreto Martínez Troncoso, Mónica Cabo, Mar Vicente, Antía Moure, Maribel Castro, Amaya González Reyes, Sara Fuentes ou Sara Sapetti, entre outras moitas. Penso que están realizando interesantes proxectos, moitas traballando fóra de Galicia, ampliando as súas posibilidades, moitas nadas noutras xeografías, moitas apostando por linguaxes pouco explorados na creación galega, ofrecendo pautas de renovación e expectativa. Hai outras moitas da xeración que iniciaron o seu labor nos noventa, como Carme Nogueira, Almudena Fernández ou Mar Caldas, que considero indiscutibles na construción dun mapa da creación galega actual.

4. Pensa nun proxecto que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia.

Despois de encargarme da edición da publicación espazodocumental.net recollín de primeira man as necesidades críticas dos artistas e dos diversos axentes galegos respecto ao contorno galego; destacaría como urxente a creación dun centro de produción, un espazo interdisciplinar que facilitase a conexión do artista coa produción, axilizando a súa conexión pública, xerando lugares de debate. Tamén considero moi necesario reforzar o apoio aos novos comisarios e axentes culturais, facilitando a súa incorporación na engrenaxe artística, con diversas iniciativas, entre as destacaría o actual máster Arte, Museoloxía e crítica contemporáneas da USC en colaboración co CGAC. Así mesmo é importante seguir potenciando as tarefas de documentación e rexistro do material que se xera ao redor de produtos expositivos, dos diferentes proxectos.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen o debuxan o panorama creativo presente?

Cando penso en tendencias ou liñas, penso sobre todo en estruturas, en lugares de intercambio, de diálogo e proxectos; penso que son as infraestruturas, tanto oficiais como aquelas relacionadas coa cidadanía, as que están a marcar e deben marcar as pautas da creación actual. Sobre todo cara ao proxecto, este termo que usamos indistintamente e que en moitos casos non chega a ser claro, máis ben todo o contrario. Tamén destacaría temas comúns como a comunicación, o lugar-paisaxe ou o social que serven de debate para liñas transversais, sempre necesarias, abrindo capítulos que foxen das etiquetas. De todos os xeitos, penso que o máis significativo seguen a ser as conexións, a evolución dos produtos e, sobre todo, o afianzamento desas relacións, acadando unha escena artística activa.