Inés Ramiro
A Galería adhoc inaugurouse na cidade de Vigo en 1990, baixo a dirección de María Falagan. Desde 1993 incorporouse como co-directora, Inés Ramiro (Vigo), sendo desde o ano 2000 directora única da galería, coa colaboración de Isabel Claver e Ines Román. Nestas dúas décadas de vida este espazo expositivo vén presentando unha das traxectorias programáticas máis destacadas do sistema artístico galego. Unha atención aberta a autores e proxectos expositivos peninsulares e internacionais, cunha especial dedicación aos creadores galegos, entre os que sobresaen nomes como Carme Nogueira, Arturo Fuentes, Jorge Perianes, Nano ou Suso Fandiño, entre outros, destacando a súa presenza en feiras como ARCO, Balelatina ou Photo London.
1. Como resumirías o estilo ou definición da galería adhoc? Cales pensas que son as súas claves e características principais na súa ampla traxectoria?
A galería adhoc mantén o seu compromiso coa arte actual, abarcando todos os ámbitos xeográficos e linguaxes artísticas.
Se ben adhoc realiza exposicións de artistas de ampla traxectoria, o apoio aos novos creadores parécenos fundamental. Frecuentemente, investigamos entre os estudantes de último ano da facultade de Belas Artes e no panorama artístico galego para organizar unha exposición colectiva cos traballos máis interesantes. Así incorporamos no 2002 a uns novísimos Jorge Perianes e Nano 4814, que alcanzaron unha importante proxección. Perianes está representado en importantes coleccións como a do CGAC, MUSAC, Museo WURTH (A Rioxa), ademais de participar asiduamente en colectivas comisariadas como a de “Esculturismo” en Alcalá 31 (Madrid) ou a que se celebrará proximamente no MARCO, comisariada por Gerardo Mosquera. Nano está actualmente nun punto de inflexión importante, alcanzando unha proxección internacional que o levou participar na colectiva NOMADAZ na Galería Scion de Los Ángeles (California) que reuniu o mellor do Street Art mediterráneo e na colectiva organizada pola Tate Modern de Londres Street Art, comisariada por Cedar Lewiston.
Á vez, estamos atentas ao panorama artístico internacional, na busca de novas propostas, como foron as dos mexicanos Daniela Edburg e Artemio. Para a próxima tempada exporemos a dous novos artistas que localizamos en Londres: a eslovena Jasmina Cibic e Erick van Hove, artista nacido en Arxelia, de ascendencia belga e que vive en Xapón.
2. Desde as vosas experiencias no ámbito das feiras de arte, principalmente ARCO e a recente participación en Balelatina HOT ART, cal consideras que é ou debe ser a misión destas estruturas? E a implicación por parte das institucións públicas?
A asistencia a feiras internacionais, aínda que sempre entraña un risco económico, parécenos esencial para unha galería localizada nunha cidade periférica. O stand convértese por uns días nun gran escaparate polo que pasan comisarios, prensa especializada, coleccionistas e estudosos de diferentes partes do mundo. É o xeito máis rápido —non sei se a mellor— de dar coñecer a obra dos artistas que representamos. Existe actualmente un tipo de coleccionista que prefire comprar nas feiras, onde pode contrastar con tantas outras a obra que máis lle interese
É certo que ultimamente temos a sensación de que existen demasiadas feiras de arte contemporánea. Na próxima edición de Basel Miami, a celebrar en decembro, haberá 21 feiras paralelas. Se ben existen galerías e artistas para tantas, a pregunta é se existe tan amplo mercado, e quen vai ser capaz de visitar tantos stands e apreciar tantas propostas.
As institucións públicas españolas soen implicarse coas galerías españolas en feiras como ARCO. En canto ás galegas, o CGAC é comprador asiduo, botando en falta o apoio doutras institucións como Caixanova, Caixa Galicia, MACUF… Coa nova dirección do CGAC, constatamos un maior apoio ao noso traballo, que se estende máis alá da mera compra en ARCO. Tamén o CGAC, a través do seu director, adoita visitar as galerías galegas, o que fai que teñamos unhas relacións máis fluídas que con anteriores directores. Pensamos que isto tamén o terían que facer as outras institucións culturais galegas, pero non é así e verdadeiramente é unha magoa.
A nivel de axudas públicas para asistencia a feiras, desde hai 3 anos contamos co apoio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; con esta axuda podemos asistir a diferentes feiras, tanto nacionais como internacionais.
3. Nos últimos anos asistimos a unha multiplicación de novas galerías en diversas cidades galegas; cal pensas que é o presente das galerías de arte en Galicia? Que papel ten que xogar dentro do sistema artístico?
A aparición de novas galerías que promoven a arte contemporánea parécenos sempre positivo. É importante que os cidadáns da nosa comunidade se acostumen a ver máis frecuentemente as novas manifestacións artísticas. Vivimos a labor desenvolvida polo CGAC, desde hai xa 15 anos en Santiago, e do MARCO en Vigo como importantes elementos dinamizadores da arte contemporánea en Galicia. A pregunta sobre tantas galerías, sería a mesma que fixemos para a multiplicación das feiras: haberá suficiente mercado para todos? Oxalá si!!!
O papel que debe xogar a galería, entendémolo como de mediador entre o artista e a sociedade. Debemos facilitar ao artista a promoción da súa obra, liberalo da presión de onde e a quen vender, de como difundir o seu traballo… Para que poida dedicarse, máis libre, á súa creación. Á vez, unha galería non é unha mera empresa comercial, creo que todos temos vocación de “axentes culturais”, ofreces á cidade un espazo gratuíto onde o espectador poida recrearse e manterse informado acerca da arte máis actual. Ese público tamén conta para a galería.
4. Como definirías o presente do coleccionismo, tanto privado como público, no ámbito galego? Que medidas se poden dispoñer para activar a súa maior presenza.
En canto ao coleccionismo público, xa dixemos como en Galicia redúcese practicamente ao CGAC, e en moita menor medida a Caixanova. Por suposto, falamos desde a nosa experiencia. Quizais para outras galerías sexa diferente…
En Galicia, o coleccionismo privado de arte contemporánea redúcese a un pequeno número de coleccións que, como puidemos ver na recente expo organizada no MARCO: Paixóns privadas, visións públicas, son dun altísimo nivel. Por suposto que hai máis coleccionistas que elaboran a súa colección, seguindo os seus propios gustos, non tan comprometidos coa arte actual.
Para unha galería que como adhoc defende frecuentemente propostas conceptuais, de crítica e reflexión sobre cuestións públicas e sociais —Santiago Cirugeda, Carme Nogueira, Joseph Mª Martín, Libia Castro e Olafur Olaffson— non é doado ter un amplo número de clientes. Sen embargo, somos optimistas porque os nosos clientes son fieis e confían nos artistas que propoñemos e ademais esperamos moito dos novos coleccionistas. Pensamos que en Galicia comezamos a recoller os froitos do que entre todos, fomos sementando e temos cada vez máis novos ilusionados en formar unha colección de arte actual.
Hai una cuestión que axudaría a activar o coleccionismo. A redución do 16% do IVE é xa unha longa batalla das galerías españolas, así como o apoio do maior número de institucións.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
O actual panorama creativo parécenos estimulante, desde as súas múltiples liñas de acción. Por un lado observamos como algúns artistas souberon adaptarse ás linguaxes tradicionais, pintura e debuxo, ás novas exixencias do século XXI. Por outro, a inclusión das novas tecnoloxías, desde o vídeo até as instalacións e performances multimedia, net art, software art…resulta un atractivo reto. E sobre todo, interésanos o devir da arte con propostas conceptuais, que reflexionan sobre aspectos públicos ou sociais. Unha arte comprometida coa realidade actual que facilita espazos de reflexión e crítica sobre diferentes conflitos.
A nosa próxima tempada será unha boa mostra deste panorama. Comezando pola pintura urbana de Nano, seguindo pola expo de Libia e Olaffur, os cales realizarán un vídeo relacionado coa emigración, baseado en historias vividas en Vigo. Jasmina Cibic mostraranos algunha das súas “postas en escena” nas que crea, cunha poética moi persoal, certa confusión da situación. Teremos exposición de Jorge Perianes coa súa perversa e irónica mirada. Erick van Hove exporá traballos realizados durante a súa estadía en Vigo, onde cuestiona os límites e a “competencia moral” da arte contemporánea como institución occidental.
