Iñaki Martínez
Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é licenciado en Historia da Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, desempeñou o cargo de Responsable de Exposicións do MARCO, ata que foi designado director do centro a finais de 2005. Baixo a súa dirección descubrimos mostras como “Urbanitas“, “Switch on the power”, “A mostra invisible” ou a recente “O medio é o museo“, ademais do posta en marcha de diversas iniciativas.
1. O MARCO vén de celebrar o seu quinto aniversario. Como resumirías as claves ou definicións identificativas do centro nestes anos? Que feitos destacarías como significativos?
Hai que entender a aparición do MARCO como parte dun proceso de progresiva implantación de estruturas que se vive en Galicia dende finais da década dos anos oitenta e que viña paliar as importantes deficiencias de recursos culturais da nosa comunidade. É ben sabido o que supuxo no noso eido máis próximo o nacemento de espazos de formación e de exhibición, ou a progresiva aparición de novas xeracións de críticos e comisarios que crearon un caldo de cultivo propicio para a creación do MARCO. É, por tanto, unha consecuencia lóxica dun contexto galego vivo e dun contexto máis amplo –o caso español– no que se vive a eclosión de museos de arte contemporánea.
O MARCO é un espazo aínda novo, que nace cunhas liñas de actuación moi claras. Progresivamente, e en función de diversos factores, estas liñas vanse modificando para poder configurar un lugar sen ningún tipo de límites impostos, un espazo que poida reaccionar ao pulso do contexto próximo. O MARCO é un museo galego, é un museo que responde á realidade do seu contexto, pero cunha visión integradora e universal, apostando por responder a unha demanda pero tamén a incitar un debate, sempre necesario. Lembro perfectamente as reaccións da prensa galega ante mostras como a colección de ”la Caixa” feita polo Auditorio de Galicia na Igrexa de Bonaval, ou a de Giovanni Anselmo nos inicios do CGAC. Afortunadamente, o público e a actitude cara ao noso traballo dende os medios de comunicación teñen mudado considerablemente.
Penso que en Galicia falta unha contracultura, grupos que supoñan unha ofensiva á cultura oficial, que nós –como institución– representamos. No seu breve percorrido, o MARCO demostrou que pode xerar unha demanda onde non existía. Atopou o seu lugar na cidade de Vigo, onde é respectado e aproveitado. Ofrece un servizo á cidadanía, a un público cada vez máis participativo e esixente. Entendo que a análise dende a proximidade axúdanos a ser máis realistas, a situarnos mellor, para entender quen somos. Non me gustaría que os artistas e visitantes que veñen ao MARCO entendesen que non temos unha identidade propia. O sentido da internacionalización e integración é precisamente o de propiciar unha serie de relacións bidireccionais (ambos sentidos son necesarios) ou multidireccionais (respectando o carácter cruzado das redes de relacións aludidas) que discorran con fluidez e nas que existamos en paralelo e en diverxencia segundo as coincidencias e diferenzas que se establecen entre os distintos factores do amplo sistema da arte.
2. Cales serían as liñas ou proxectos que cres se deben revisar e/ou potenciar?
O vindeiro ano empezaremos a facer exposicións individuais, ademais de continuar con proxectos colectivos. Isto é froito dunha evolución lóxica e dunha resposta ás necesidades que se van xerando dende o propio MARCO. O máis doado sería manter sempre a mesma liña de mostras colectivas, pois é un modelo que nos diferenciou nestes seis anos e que funciona, pero considero que canto menos delimitemos por escrito a nosa función, máis libres seremos. Algunhas exposicións saíron mellor e outras non tanto –somos os primeiros en facer autocrítica–, pero sempre tentamos que aportasen algo novo e que provocasen a reflexión e o coñecemento dende moi diferentes enfoques.
Por outra parte, penso que un museo ou centro de arte contemporánea debe reinventarse continuamente, pois o modelo depende do cando, como e onde. Hai que estar atentos e ser parte dos novos usos e hábitos relacionados coa cultura, e isto esixe inevitablemente cambios e procesos de modernización. Os obxectivos son a corto, medio e longo prazo, pero baixo unha proposta xeral que é contribuír a xerar un contexto crítico que opine e demande, axudar á creación de públicos informados e con criterio, e propiciar que exista un verdadeiro diálogo entre necesidades e contidos. A medio prazo, temos iniciado unha serie de liñas de investigación relacionadas coa análise de distintas estruturas ou elementos que conforman o sistema da arte, como o coleccionismo, a revisión teórica da crítica, ou o papel de artistas e comisarios. A reformulación paulatina da liña expositiva faise en función de moitos condicionantes. Primeiro reflexionamos e deixamos que as nosas preocupacións se asenten, e chega un momento no que explotan. Hai proxectos que só despois de moitos meses, ou mesmo anos, se poden poñer en marcha, cando se dan as mellores condicións. Esta explosión é o sinal de que cómpre un cambio, e só nese momento actuamos. A responsabilidade que supón dirixir un centro de arte contemporánea vai máis aló de programar, e son consciente de que os modelos non se poden cambiar ata que podemos xustificar esa desviación. Teño que recoñecer que cada vez que se produce me alegro, pois supón un avance que é produto dun traballo de reflexión pausada.
Pola súa estrutura, o MARCO recorre moito a comisarios independentes, que aportan sempre diferentes olladas e formas de facer. Son profesionais que, cando veñen a Vigo, visitan as nosas galerías e se relacionan co contexto máis próximo. Neste sentido, este outubro presentamos una proposta moi ambiciosa, unha mostra comisariada por Gerardo Mosquera (cubano, de ascendencia galega) que suporá unha transición entre as mostras colectivas e individuais xa que se presentarán oito proxectos individuais, un en cada unha das salas do museo. Xa a finais de 2009 empezaremos coa primeira mostra individual, será co artista Jorge Barbi, un artista que malia o seu recoñecemento e da súa traxectoria nunca tivo unha grande mostra nunha institución galega, aparte dalgúns proxectos máis pequenos. O comisario será o coruñés Juan de Nieves, nun dos seus primeiros proxectos despois de deixar a dirección do Espai de Castellón.
Como proxecto no que levo traballando dende o meu nomeamento, está a posibilidade da cesión dunha colección ao MARCO, que neste último ano se concretou coa posibilidade de depósito da Colección Ellipse. Se finalmente se fai realidade, o MARCO pasaría de ser só centro de arte a ser tamén museo, o que suporía unha serie de beneficios indubidables a medio e longo prazo para a Fundación MARCO como institución, e para o Museo de Arte Contemporánea de Vigo como centro dedicado ao coñecemento e difusión da arte contemporánea. Na miña opinión, é unha oportunidade que Vigo e Galicia non deberían deixar pasar.
3. Insistindo no debate sempre actual da función dos centros de arte contemporánea, sempre en continua transformación, cal pensas que debe ser o lugar do MARCO dentro do territorio galego? Como debe ser a relación con outros axentes?
O MARCO está máis aberto ca nunca á colaboración con outras institucións, iniciativas e persoas. Todos os proxectos de colaboración que recibimos son estudados e sempre tentamos apoialos, dentro das nosas posibilidades, xa que somos conscientes da importancia que pode supoñer a nosa axuda para calquera tipo de actividade cultural que trata de establecerse. Neste sentido, penso que a creación do museo de arte contemporánea supuxo un revulsivo para a cidade de Vigo, e por iso somos os principais interesados en colaborar con novas iniciativas e coas que xa funcionaban antes da nosa “aparición”.
O grande reto é conseguir que o noso modelo teña capacidade de unir distintos intereses. Hoxe en día non ten sentido falar de periferias fronte a centros, de límites entre os termos local e global. Un dos nosos obxectivos é demostrar que a identidade se conforma na interrelación de factores como estudo e rigor. Non é a primeira vez que defendo que a incidencia sobre o contexto ten máis que ver sobre a forma de traballar e coa calidade dos proxectos que coa procedencia directa. Sabemos de onde partimos, e onde nos situamos, por iso entendemos que o noso labor nestes momentos –lembremos que estamos aínda a construír e identificar as estruturas culturais, tan recentes– vai máis aló do labor expositivo. Entendemos que debemos atender á formación de públicos e de profesionais, e servir de enlace entre distintos axentes. Tan importante como realizar exposicións é a nosa función como centro de formación de profesionais a través de talleres para artistas, cursos ou programas: o Premio MARCO para novos comisarios supón un primeiro achegamento do comisario ao museo; as prácticas en colaboración con distintas facultades permiten aos bolseiros coñecer o ritmo da institución (case todos empezamos así); traballar como axudante de artistas nas montaxes ou na produción de novas pezas amplía as posibilidades de coñecemento dos nosos novos creadores; os nosos monitores de salas enfróntanse a un primeiro traballo e a un primeiro contacto real nun museo ao deixar a Facultade. No breve período de tempo que o MARCO leva funcionando, foise incrementando progresivamente a produción de pezas site-specific, o que implica unha maior relación do artista convidado co contorno. É unha forma de programar cultura con valor engadido, xa que a cultura non debe morrer no evento, senón prorrogar a súa influencia.
Algúns exemplos do que veño de expresar témolos na implicación dos estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que durante algunha exposición do MARCO son convidados a traballar cun artista no desenvolvemento do proxecto. Na mostra O medio é o museo, que vimos de inaugurar, dez alumnos de Pontevedra traballaron durante dúas semanas co artista vasco Sergio Prego, debatendo, aportando e ensaiando o proceso de produción dunha obra nun espazo expositivo. Na mesma exposición, durante todo o verán, estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia están a desenvolver unha coreografía do artista británico Tino Sehgal no MARCO. Outro exemplo materialízase coa confluencia das miradas interna e externa cando conviven os artistas galegos cos que veñen de fóra. Maria Eichhorn, artista alemá, foi convidada a facer unha obra nova. Interesada na investigación sobre o pasado do edificio e a memoria colectiva, decidiu expoñer nunha das salas unha carta escrita por José Dominguez á súa namorada en febreiro de 1937 dende o cárcere de Vigo –actualmente o MARCO– pouco antes de ser executado. O feito é relevante, non só pola pequena homenaxe que supón a un represaliado na contenda civil, senón porque o evento transcendeu as fronteiras do museo ao implicar a historiadores, investigadores e á familia dos protagonistas. Ese é, ao meu entender, un exemplo do valor engadido da cultura e da arte contemporánea, e da relación co contexto no que a obra ten lugar.
4. Recoméndanos un centro de creación de fóra de Galicia que coñezas e che interese.
Dende que estou na dirección do MARCO son máis prudente á hora de sinalar ou loar de forma xeral un modelo, xa que entendo que son moitos os condicionantes que o alimentan. Encontro programacións moi interesantes que por determinadas razóns non teñen sentido nun determinado lugar ou, pola contra, contidos que poden semellar máis febles pero que funcionan nun contorno. Hai que ter en conta, polo tanto, recursos, públicos e estruturas, pero si que existen modelos que veño seguindo pola particularidade ou eficacia.
“Catedra de Arte de Conducta” é un deles. Creado pola artista cubana Tania Bruguera en 2003, é un programa pedagóxico e de crítica baseado na performance e vinculado ao Instituto Superior de Arte da Habana. Constituíuse como un espazo artístico, quizais dos máis dinámicos da illa, alén da intención inicial de ser un programa de estudos. Gústame o feito de terse convertido nun espazo de discusión no contexto cubano, convertendo a conduta e as súas implicacións sociais nun método. Outro modelo que podo destacar é o proxecto “unitednationsplaza”, que xorde como resposta á cancelación, no ano 2006, da Manifesta 6. É un espazo que nace na rede, amparado por e-flux, da man dun dos seus creadores, Anton Vidokle, en colaboración con artistas e pensadores como Boris Groys, Martha Rosler ou Walid Raad. Enténdese como unha escola efémera, dun ano de duración, que incluíu programas de residencia e conferencias para artistas ou teóricos, con sede en Berlín, Nova York ou Cidade de México. Estes, xunto aos espazos nos que se están xerando as bases para o pensamento futuro (como os estudos de comisariado do Bard College ou do Goldsmith, cos que mantemos unha relación produto do Premio MARCO para Novos comisarios, que utilizan moitos deles como exercicio práctico), son espazos que entendo como necesarios. Neste sentido, o recén creado Master en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela, paréceme un acertadísimo terreo que xa está empezando a dar os seus froitos.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Vivimos nun momento en que parece que o mercado marca as pautas do sistema, pero a conclusión é que as noticias sobre arte limítanse a informar sobre cantos millóns de euros se pagaron polo último Warhol que saíu a poxa. Fronte a iso, os artistas debátense entre as dificultades que atopan en moitos casos para poderen producir as súas obras e a súa supervivencia dentro dun complicado sistema de galerías, comisarios, críticos e museos. O artista ten que converterse ademais no seu propio publicitario e deseñar a súa carreira. Hai determinadas modas ou tendencias que normalmente e afortunadamente non duran moito; outras permanecen aínda no tempo. No MARCO eu tento non programar o meu gusto persoal, senón pensar no que debo facer como director, mostrando diferentes linguaxes, soportes e estilos.
