Alberto Ruiz de Samaniego
Alberto Ruiz de Samaniego (Fene, A Coruña, 1966) é doutor en filosofía e magister en Estética e Teoría das artes polo Instituto de Estética e Teoría das Artes da Universidade Autónoma de Madrid. Crítico cultural e comisario de exposicións, acadou o Premio Espais á crítica de arte e comisariou o pavillón español da 52 Edición da Bienal de Arte de Venecia. Publicou os seguintes libros: Maurice Blanchot: una estética de lo neutro (1999), Semillas del tiempo (1999) e Belleza de otro mundo. Apuntos sobre algunas poéticas del inmovilismo (2005), entre outros. Participou en diferentes publicacións colectivas, como Mitos de fin de siglo (2000), Esto lo hace cualquiera (2004) ou Medio siglo de arte. Últimas tendencias (2006) e moitos outros títulos. Dirixiu os Cursos de Verán da Universidade de Vigo en 1995, e foi director así mesmo de diferentes cursos e seminarios. Colaborou coas seguintes revistas e publicacións: Arte y Parte, Revista de Occidente, Lápiz, Sibila, Archipiélago, Anthropos, Exit, etc. Foi crítico do ABC cultural. Escribiu en catálogos de artistas como Antón Lamazares, Bernardí Roig, Manuel Vilariño, Fernando Casas, Miguel Ángel Blanco, Antonio Murado, Antón Patiño ou Rubén Ramos Balsa. Coma tradutor, traduciu obras de Maurice Blanchot, Jean Christophe Bailly e o Diccionario de Estética da editorial Akal, do que, ademais é colaborador en entradas da edición española. Actualmente é o director da Fundación Luís Seoane de A Coruña.
1. Vés de incorporarte como novo director da Fundación Luís Seoane. Cales pensas que son os retos deste centro dentro do mapa galego, desde o ámbito municipal máis inmediato até o estatal?
Os retos son, naturalmente, diversos e de diferente nivel. Por unha banda: Integrar as actividades da Fundación dentro da dinámica cultural e civil da cidade. Por outro: Integrar a propia cidade no circuíto de exhibición de mostras expositivas de contido creativo.
Así mesmo, a Integración dos novos comportamentos artísticos, de maneira normalizada, dentro do mundo, un tanto constrinxido, a dicir verdade, da arte contemporánea.
Xestión desas imaxes.
Tamén haberá que procurar a estabilidade da estrutura do centro, que debe gañar autonomía de xestión e chegar a ser capaz de configurar unha imaxe recoñecible.
En suma: aumentar a visibilidade e estabilidade do centro, as súas propostas e a propia afluencia de público a moi diversos actos de carácter social: teatro, danza, monicreques, cine, conferencias, buscando converter a Fundación nun lugar vivo e referencial na cidade.
2. Que liñas de traballos ou proxectos (exposicións, actividades,…) che interesa desenvolver?
Atendendo ao perfil de curiosidade intelectual de Luís Seoane, interésanos desenvolver o terreo mestizo das transferencias entre signos estéticos e xéneros. Radio, media, cine, pintura, escultura, desde unha perspectiva fronteiriza, na que tomen valor as formas específicas nas que cada xénero particular decide conscientemente establecer estratexias de investigación.
3. Dentro da túa actividade como comisario, como valoras, na distancia, a experiencia que supuxo comisariar o pavillón de España na pasada Bienal?
Frutífera á hora de detectar as carencias e os valores da estrutura xeral da arte en España. A calorosa acollida ao Pavillón español por parte da prensa estranxeira, onde se valoraba a súa frescura, o seu afastamento dos corsés institucionais, o valor, así mesmo, de apostar por novos nomes cun futuro moi prometedor, contrasta con envaramento de certa crítica do país, cinguida máis nas súas propias cotas —e coitas— de poder, na elección do comisariado ou dos artistas e o seu pedigree, ou a súa procedencia —dentro ou fóra do mercado— antes que nos contidos. Poucas valoracións sobre a tese a partir da cal se configurou todo o pavillón e moitas sobre a cor do parqué ou os pinchos da festa. A nosa estrutura artística de xestión e de crítica, excesivamente asociada á política de galerías e camarillas, require unha dose de autocrítica e de profesionalidade.
4. Como advirtes o presente da arte (a nivel de artistas e axentes) que se realiza en Galicia? Que papel teñen que xogar as institucións (educativas, produción, difusión)?
De modo xeral, o desenvolvemento das estruturas de promoción, difusión, xestión e creación galegas han de incluírse con normalidade dentro do panorama nacional e internacional, para o que creo que é primordial comprender a súa situación exacta, tanto as vantaxes coma os inconvenientes. Cómpre unha estruturación e profesionalización de todos os axentes implicados no proceso artístico: temos moitas personalidades destacables en cada un deses ámbitos, pero os problemas que hai que afrontar son comúns e tamén aquí se adoece dun dos vicios nacionais, a excesiva atomización das propostas, a falta de asociación fronte a eles, o reino de taifas de institucións, creadores, pensadores. Polo demais, a debilidade do noso mercado fai preciso abordar desde a educación un mellor acceso ao mundo da arte, a súa normalización e a posta en valor do que achega de modo necesario ao tecido social. Coordinación sería a palabra clave, o primeiro elo, desde o que afrontar unha mellor estruturación da oferta e a demanda, do mercado, das canles de conexión entre público e arte, e do papel de investigación, difusión e estudo que o aparato crítico e de pensamento pode proporcionar á tarefa do traballo artístico. Cada un dos ámbitos mencionados: creador, mediador, consumidor, no terreo do pensamento plástico, adoece destes problemas, con tan só variacións de nome. Por iso é preciso abordar de modo estruturado a profesionalización de cada un deles.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
A arte posúe unha relación complexa co social, ao mesmo tempo que o determina, xorde da prospección das carencias simbólicas que cada cultura ten: o seu traballo é dobre, detección das forzas que definen simbólica o iconicamente unha situación temporal e social, e proposición de novas liñas de forza que complementen as súas carencias. Non hai mellor modo de definir as capas profundas dunha sociedade que o acto mesmo de ler os símbolos que a arte proxecta, busca e remarca.
