Camilo Franco (Ourense, 1963) é xornalista cultural vinculado a La Voz de Galicia desde finais da década dos oitenta. Sobresae pola súa labor como escritor e crítico de arte e de teatro. É colaborador do programa “Diario Cultural” da Radio Galega desde 1998 e de “Libro Aberto” da TVG desde 2007. Na súa traxectoria como autor sobresaen as obras “A lúa no cénit e outros textos” (Ediciós do Castro), “En malos pasos” (Edicións Xerais de Galicia), “Por conto alleo” (Editorial Galaxia a partir dunha experiencia en Internet) e “Palabras contadas” (Edicións Xerais de Galicia), e proxectos en rede como “Por conto alleo” e “Necesariamente X” publicados en Vieiros. Foi comisario da exposición “Paralelo 42” na Casa da Parra e autor da mostra individual “Palabras Contadas” na Fundación Luís Seoane (2007) en colaboración con Miguel Mosquera, a partires do libro homónimo editado por Xerais e Rinoceronte. Participa en numerosas actividades, conferencias e mesas redondas sobre diversos temas culturais.

1. Na túa traxectoria ofreces un labor complementario entre crítico e xornalista cultural. Como describirías esta dualidade profesional?

Non o vexo como unha dualidade. En realidade, creo que son traballos complementarios. Outra cousa é que os medios de comunicación teñen unha tendencia esaxerada a distanciar ao informador do crítico e que unha grande parte dos lectores e dos axentes entendan que ese proceder é máis ou menos correcto. Para min, de certo, a crítica é a continuación da información por outros medios e en case todos os sentidos entendo unha cousa como consecuencia da outra. É obvio, e demasiado académico, explicar que son xéneros distintos, que teñen mecanismos narrativos diferentes e todas esas cousas que explican tan inutilmente nas facultades. Penso que un profesional dos medios pode ser un profesional da crítica. O que sucede é que cando un profesional do xornalismo practica a crítica é recibido con desconfianza polas dúas bandas: os xornalistas calculan que está cambiando de cometidos e os “artistas” entenden que un periodista carece de formación ou de coñecementos específicos para exercer. Tantas desconfianzas quizais expliquen que os xornalistas en xeral sexan reticentes a abandonar o seu papel de informadores. Saben que lles esperan demasiadas incertezas. Sen embargo, creo que a crítica nos medios de comunicación tampouco debería ser exercida por autores que non entenden o papel dos medios. Para explicalo pola brava creo que a crítica non académica debería ser máis unha materia de xornalismo que de Belas Artes.

2. Como definirías o papel do xornalista cultural na engrenaxe do sistema da cultura actual, e galega en particular? Cal pensas que debería ser a súa participación no deseño de proxectos culturais?

É un papel moi feminino. Imprescindible pero non valorado. Cos xornalistas pasa como coa clase de tropa: todo o mundo a usa pero ninguén quere darlle atribucións. Hai matices, pero en xeral todo o mundo considera que os xornalistas deben estar aí para servir de altofalante, por en marcha a gravadora e repetir a mensaxe. Repetir quere dicir da maneira máis parecida á como foi expresada polo autor. Isto aínda que sexa por unha boa causa non deixa de parecerse á publicidade. E, no fondo, no fondo, é o que se espera do xornalista. Quizais por iso tampouco gusta que exceda o seu papel e amplíe o seu campo de operacións ata a crítica. Pero nunha sociedade na que todo o mundo ten que dar algo a cambio do que pide, o que se lle pide á prensa cultural é un sometemento case completo á mensaxe dos autores, un retrato de cara amable. Neste sentido unha grande parte dos axentes culturais deberían asumir que para ter unha prensa cultural especializada o primeiro será darlle campo de manobra e deixar que utilice a intelixencia asumindo que cando se utiliza a razón o criterio non sempre favorece ao autor.

O caso galego é o dos sistemas febles. Calquera cousa que non reafirme en primeira instancia é recibida con desconfianza. Na prensa cultural galega hai, por unha parte, algunha xente con moita gana de participar e moita xente que nin se para a pensar que forme parte dun sistema. O paradoxo deste caso é que aqueles que teñen máis vontade de participar, é dicir, de operar desde o xornalismo como unha parte máis da maquinaria cultural, de traballar desde o xénero, son os que reciben máis desconfianza.

3. Desde a túa experiencia, cal consideras que é o lugar dos suplementos de cultura nos xornais galegos?

O papel dos suplementos é residual. Primeiro porque non teñen claro o seu público e segundo porque non teñen claro os seus argumentos. Non lle pasa só á prensa galega. Os suplementos culturais foron un soporte moi destinado á clase media ou ás clases con vocación de clase media. Pero esa é unha clase que, no que ten que ver coa cultura, está completamente desaparecida. O público obxectivo dos suplementos está disperso, cautivo e desarmado. En parte por un exceso de exquisiteces en parte pola disposición dos suplementos a servir de aparato de propaganda para determinados grupos, xeracións, colectivos. Nun sentido menos pedestre os suplementos padecen a desorientación do mundo cultural atrapado nun cambio de marea máis profundo do que parece. Os produtores culturais parecen moi decididos a expresarse como elites e, por tanto, a distanciarse na expresión e nas maneiras das amplitudes populares. Só en parte pode ser entendido como un avance argumental porque, da outra banda, as auténticas elites da contemporaneidade son económicas e cada vez están menos interesadas en vernizar o seu exterior cunha capa cultural que preste brillo ao pedigrí. Hai un canexón para a cultura e para os suplementos que a esfera institucional non vai poder cubrir.

4. Pensa nun proxecto, desde as artes visuais, que che gustaría facer ou que consideras necesario en Galicia.

Quizais o primeiro que faría é deixar de facer cousas por Galicia. No cultural coma no resto as cousas se fan porque si, porque son necesarias, porque proceden argumentalmente ou non se fan. O argumento do que é necesario para Galicia ten producido moitos pastiches sen vocación de selo. Para non falar de proxectos concretos a idea que me parece máis convincente, máis atractiva, máis contemporánea (a utilización é irónica, claro) é calquera proxecto que sexa capaz de mesturar xéneros diferentes situados nun mesmo espazo de visión para o espectador. Linguaxes diferentes colocadas nun mesmo plano de interpretación. A sociedade agora é unha combinación de linguaxes que forma un continuo ao que o espectador se adapta cunha facilidade automática. A cultura anda un pouco lenta á hora de entender este cambio, á hora de entender que os soportes mudan case á mesma velocidade que as ideas (e aínda non entendeu que hai máis soportes que ideas) e que os compartimentos estancos son malos para a cultura aínda que sexan bos para a flotabilidade das embarcacións e o manexo de grupos amplos de xente.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Desde que o obxecto desapareceu da arte contemporánea miro unha desbandada cara a territorios que claramente son outra cousa. En realidade se trata dunha migración a través dos continentes. A desaparición do obxecto provoca unha multiplicación da especulación, unha aparición do pensamento en maneiras variadas que nunhas ocasións é inocente, noutras ocorrentes e nalgunhas outras completamente banal. A dispersión non ten por que ser mala pero quizais agora hai un momento de axuste porque cando unha obra ten un alto contido dialéctico estaría ben que os artistas estiveran afeitos ao manexo da dialéctica, que fosen capaces de dialogar a un tempo cos espectadores e coa historia, cando menos como ideal. Por aí vense determinadas comodidades e algunhas ambicións fóra de lugar. Unha delas a de contar a historia desde o agora, a de forzar o discurso da arte como se fose bastante por si mesmo para ditar a realidade. Hai un paradoxo que si opera en moitos dos discursos artísticos contemporáneos e que ben podería ser unha das grandes fuxidas cara adiante da contemporaneidade. Hai unha vocación manifesta por analizar a sociedade, hai unha reiteración do discurso advertindo que a arte é ferramenta de interpretación social. Non é preciso explicalo: é un lugar común que é así e tampouco é necesario citar a Barthes para buscarse un respaldo culto. O paradoxo non reside na obviedade nin sequera en que os artistas expliquen unha e outra vez que esa era a súa intención. O paradoxo é que esas pezas de vocación analítica social son en grande parte difíciles de descodificar para esa sociedade e por esa fenda do non recoñecemento desaparecen unha parte dos valores de partida da obra. Pero o dilema entre manifestarse para o salón dos iniciados ou buscar un público nas beirarrúas non é exclusivo da arte contemporánea e, en realidade, está no centro da circunstancia actual de todo o mundo cultural.