Archive for December, 2008

María Peña Lombao

María Peña Lombao (A Coruña, 1980) é doutora en Belas Artes e investigadora da Universidade de Vigo. Actualmente coordina actividades, cursos e seminarios teóricos e prácticos relacionados coa danza-teatro e a estética e teoría das artes. Pequenos artigos-ensaios como “Una palabra envuelta en dos silencios” (2007) en Sibila, “Cartografías de la danza” (2008) en Despalabro, “Soplar y sorber” (2008) en Dardo Magazine e proximamente “Mínima historia del asombro”(2009). Na actualidade é crítica de arte no ABCD Cultural.

1. Desde a túa experiencia, cal pensas que debe ser a función da crítica de arte na engrenaxe da creación actual?

Unha obra de arte existe antes de ser catalogada, sobre ese intre é necesario reflexionar. Sempre hai algo que subliñar na presenza física das obras, do contacto entre alguén que se expón en cada pintura, obra sonora, instalación etc., e alguén que olla. É un compromiso persoal o feito de non subestimar ao receptor, sen omitir a información necesaria como para que valore o significado dun acto creativo, e sen caer no punto de vista didáctico, politizado e corrosivo na actualidade da escrita sobre arte. Sexa un concerto, unha exposición ou un libro, a crítica depende da obra de arte antes que da linguaxe con que se comunica o seu contido ou o seu lugar no mundo. Tamén é un compromiso tentar aprehender as obras de arte máis alá da perspectiva histórica e mercantil, doutro xeito resultaría absurda a razón de ser do creador. Nun principio a miña formación foi dirixida para á creación, estudei Belas Artes, se algo aprendín é que os sistemas de articulación de pensamento e xeración de valores é o primeiro que tes que situar, para chegar a desenvolver o teu criterio particular ao lado doutros criterios dentro do ámbito no que queiras enmarcar o teu traballo; aconsellaríalle a calquera axente artístico enfrontarse á realidade da creación.

2. Como explicarías o presente dos suplementos culturais dos xornais e a súa capacidade de distinción e subliñado da actividade cultural da actualidade?

A realidade dos suplementos é que están agochados entre as páxinas do xornal, forman parte doutra actualidade, que os críticos de arte documentan escribindo recensións, artigos de fondo e columnas máis ou menos elaboradas. O lector visita dalgún xeito o evento por medio da escrita, do mesmo xeito que a través dun catálogo da mesma. Os suplementos culturais son unha ferramenta máis do sistema cultural, colaboran á difusión dos seus produtos, e dalgún xeito funcionan como unha extensión do traballo do creador, unha resposta, un lugar de encontro que mobiliza e traslada coñecemento. Se cadra son as artes escénicas as que aínda carecen dun espazo de pensamento e crítica estable, coido que habería que traballar máis neste campo para poder acadar ese lugar de encontro con elas.

3. Como definirías o papel que vén xogando e debe xogar a Facultade de Belas Artes de Pontevedra na súa conexión coa creación en Galicia e cos diferentes axentes e institucións?

A Facultade de Belas Artes cada vez ten máis presenza no ámbito institucional, tanto de xeito independente —“Sala X”, Xornadas de Performance “Chámalle X”, Desfile anual do Esdemga—, como en colaboración con outras entidades. Froito deste momento de complicidade é o proxecto “espazodocumental.net”, no que colaboran varias institucións culturais e deixa claro que a maior parte dos artistas catalogados foron estudantes da facultade de Belas Artes de Pontevedra. En parte, son eles os que alertan da necesidade de reformas no espello público da arte galega, son os antigos alumnos os que están a mobilizar o panorama artístico do momento, dende a investigación na Facultade, a creación artística ou proxectos que tal vez deberían ter máis axuda, como “Alg-a”, por exemplo.

4. Cales consideras que son os trazos significativos da nova xeración de artistas en Galicia, desde a década dos noventa?

Até a década dos noventa as propostas autodidactas ou a emigración eran a única vía para formarse ou integrarse no medio artístico. Esas alternativas ás que se vían forzados os artistas non teñen tanta presenza hoxe, en parte pola apertura da Facultade de Belas Artes nesa década. Na actualidade atopamos xéneros híbridos, mesturas de linguaxes e unha produción e difusión da arte galega que evoluciona grazas á formación profesional dos creadores e ás novas tecnoloxías. Os avances tecnolóxicos provocan novos medios de expresión, e son os artistas quen está a crear de continuo novas barreiras para despois poder saltalas, o empuxe vén deles e dos axentes que favorecen que eses cambios sexan visíbeis. O resultado é que a variedade de perfís que saen de Galicia permitiunos acadar unha certa sincronicidade do panorama artístico galego co que está a acontecer no circuíto mercantil nacional e internacional.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

A clasificación dos artistas ou a definición das claves é unha obsesión se cadra herdada das vangardas do século pasado, como se entón ás liñas estiveran marcadas ou souberan eles da súa repercusión futura. Falaría máis das perspectivas, sinais ou xeroglíficos que os creadores indican coa súa obra, que das tendencias efémeras e vulnerables que poidamos intuír agora. Os artistas crean un microsistema onde so encaixa á perfección el e o seu traballo. Cada creador reformula os mesmos signos de xeito que o resultado sempre é distinto. As preguntas sobre á actualidade da arte, son o xeito perfecto de ocultar aquilo do que a obra de arte fala. Continúa a ser máis complexo falar da arte que da súa situación, que sempre é mercantil e polo común, alude a relacións superficiais, xeneralidades ou simplificacións da arte e os seus obxectos. Se é posible falar de liñas ou tendencias actuais no mundo da arte, é redefinindo esquemas pasados, a partir de semellanzas, diferenzas ou relecturas, isto parece un xeito regresivo de entender a arte hoxe en día, e a nós mesmos.

Miguel Anxo Rodríguez

Miguel Anxo Rodríguez é profesor de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia desde o ano 2000, especializado en Teoría da Arte e Arte Contemporánea. Doutorouse en abril de 2004 cunha tese que leva por título “Os materiais: procesos e formas na escultura galega contemporánea (1940-1994). Entre 1997 e 1998 colaborou co Departamento de Pedagoxía do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). As colaboracións coa citada institución continuarían a través de conferencias e participación en talleres nos anos seguintes.
En 1998 realiza unha estadía de investigación no Europees Keramische Werkcentrum (EKWC) da cidade holandesa de s-Hertogenbosch, estudando os procesos de traballo en cerámica de artistas e deseñadores de distintas partes do mundo. Como resultado desta experiencia e das pesquisas na factoría de Sargadelos publica no 2000 o libro “S-Hertogenbosch – Sargadelos. A creación en cerámica a través de dúas institucións”. En 2004 organiza (xunto con Emanuela Saladini e Yolanda Pérez Sánchez) as “I Xornadas sobre espazos de creación contemporánea”, formando parte das actividades do proxecto europeo Cultur’At. Publicou crónicas e críticas de arte contemporánea na revistas Interesarte, Arte y Parte e Artnotes.

1. Entre os teus intereses como historiador da arte destaca o tema da formación artística no mundo contemporáneo, as súas influencias e relacións co devir das artes. Como ves a situación actual en Galicia? Que fortalezas e que debilidades atopas na formación dos artistas novos na nosa comunidade?

A nivel de actualización dos coñecementos, non nos podemos queixar. Só hai que comparar co nivel de información co que saían os artistas das escolas de artes e oficios hai a penas vinte anos, ou co que contan quen estudaron nos anos setenta nas Escolas de Belas Artes, tanto en Madrid como en Barcelona. Temos facultade de Belas Artes e ademais creo que plenamente actualizada en canto a discursos e propostas. Internet e as viaxes fan o resto. Hoxe un artista novo non ten escusa para estar informado e creo que pode desenvolver sen moitos problemas as súas propostas.

Pero vexo que falta algo, un ámbito intermedio que serva de conexión con iso que podemos chamar “mundo real”. Faltan espazos de experimentación e produción artística nos que os novos creadores desenvolvan un traballo coa cercanía doutros artistas e axentes, espazos onde a especulación e o desenvolvemento de ideas se dea á par que o traballo creativo individual. Este tipo de espazos intermedios entre a escola e o mercado podían axudar á inserción no mundo da arte dalgúns artistas que veñen de rematar os seus estudios “oficiais”.

2. Vén de comezar a segunda edición do Mestrado “Arte, Museoloxía e Crítica contemporáneas”, do que es coordinador. Despois dun ano de vida, e cunha primeira promoción preparada para entrar na engrenaxe da arte contemporánea galega, que puntos destacarías como primordiais e cales serían mellorables ou preciso potenciar?

Ben, o primeiro punto a destacar, por obvio, ás veces non se ten en conta: é un máster, trátase de estudios especializados, e nace nun momento apropiado, porque nos últimos anos se crearon museos, centros de arte e fundacións centradas na arte contemporánea. Temos os edificios pero falta en moitos casos unha dotación adecuada de persoal especializado. Isto non depende tanto de nós como dos políticos que xestionan os fondos para cultura, pero o máster quere axudar á formación destes novos profesionais.

O nivel do profesorado é en xeral moi alto, con profesores universitarios, críticos, comisarios e especialistas en pedagoxía da arte de recoñecido prestixio. A maioría deles son de fóra da Universidade de Santiago, co cal garantimos unha apertura moi san e que moitas veces falta nos estudios universitarios. Os alumnos entran en contacto directo con estes profesionais e isto debera de ser unha oportunidade, que sen dúbida os alumnos máis inquietos e dinámicos saberán aproveitar.

Por outra banda, fixemos un exercicio de autorreflexión e crítica para a 2ª edición, porque vimos que a parte práctica se debía mellorar; os alumnos e nós mesmos percibimos que había que proporcionar máis horas para traballo en talleres e darlle continuidade a algúns profesores para que puideran levar a cabo proxectos cos alumnos, ademais dun traballo práctico efectivo en museos.

3. Desde a túa experiencia como profesor e investigador na Facultade de Xeografía e Historia da USC, como ves o presente e o futuro da investigación en historia da arte contemporánea en Galicia? E concretamente no licenciado nesta materia?

Estamos nun momento de cambio. Aínda aparecen con relativa frecuencia textos dunha historia da arte, digamos, ”clásica”, que se basea na descrición formal-poética das obras, con criterios moi historicistas, de adscricións a correntes, escolas, etc. É un tipo de estudio moi centrado na idea de excelencia e de descrición formal como exercicio especializado do historiador. Pero á vez están xurdindo outros traballos que problematizan a idea de obra de arte, que buscan relacións cos produtos da sociedade de masas, os media, con cuestións políticas, contextuais, de ideoloxía… Proxectos como os de “Arte marxinal”, do noso grupo de arte contemporánea, van nesta liña, igual que as edicións de libros sobre paisaxe. Non temos un departamento de Estudios Visuais, como en moitas universidades anglosaxonas, pero xa hai investigadores (e non só de arte contemporánea) que apuntan nesta dirección. Os novos investigadores ou licenciados que queiran profundar nestas direccións, sen dúbida teñen moitas posibilidades.

4. En relación coa túa investigación en escultura galega contemporánea, gustaríanos que destacases algún artista galego que achegue cualidades de significación nun diálogo con outros doutras latitudes.

Pois respóndoche como historiador e así evito caer nas simplificacións “epocais”, pero tamén a partir dos meus gustos persoais. Destacaría aos escultores Silverio Rivas, Ignacio Basallo e Manolo Paz, ao pintor Tono Carbajo; Jorge Barbi e Pamen Pereira facendo de transición, e entre os máis novos a Mónica Alonso, Andrea Costas, Suso Fandiño e Jorge Perianes. Estes serían os que máis me chaman, se se pode dicir así. Identificar aos “mellores” ou aos que máis che gustan cunha única corrente ou xeración creo que é un dos erros máis habituais dos que se moven no mundo da arte, que moitas veces caen en actitudes ou opinións do máis visceral.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Téñoche que responder un pouco como na pregunta anterior e vou ao que máis me interesa a min, á vista da heteroxeneidade das propostas. Por unha banda o político: obras que documentan, reconstrúen historias, ou elaboran ficcións onde o obxectivo é analizar situacións de violencia social e política manifesta. Son obras que buscan interpelar ao espectador-cidadán e posiciónanse de xeito claro. Por outra banda, outra liña achégase á xeografía crítica, á arquitectura e ao urbanismo, e toma como tema a cidade (pensemos en Carme Nogueira, Lara Almarcegui ou Santiago Cirugeda). Fotografías, proxectos, instalacións que dalgún xeito reproducen o modus operandi de arquitectos, urbanistas e dos anónimos ”construtores”, preferentemente das periferias urbanas. Paréceme especialmente significativo que a referencia non sexa ao proxecto magnífico, claro, á intervención “límpida” propia dos arquitectos do Movemento Moderno, senón ás prácticas da reciclaxe e a chabola. É como a vinganza dos marxinais e da arquitectura “de favela”.

Dalgún xeito, penso que o máis interesante da creación actual deriva das prácticas dos situacionistas. E deberíamos reflexionar a cerca do feito de que a renovación máis produtiva na arte contemporánea vén doutras disciplinas limítrofes, como a arquitectura, a xeografía e o urbanismo. Pasa un pouco como cos estudios visuais: o interese xa non o acapara a “obra de arte”, singular e exclusiva. Miramos cada vez máis ao noso contorno.