Mercedes Rozas é licenciada en arte contemporánea pola USC. Desde os anos oitenta desempeñou o seu traballo como crítica de arte en distintas publicacións de ámbito galego e de fóra de Galicia. Na actualidade colabora semanalmente nas páxinas do xornal La Voz de Galicia e co programa Biblioteca Galega de Radio Voz. No ámbito do comisariado destacan, entre outras, as seguintes exposicións: “Espello do interior”, “Diálogos co silencio”, “Imaxes da memoria”, “Camiñantes”, “Itinerarios artísticos”, “Guieiros”, “Camino de Santiago, luz y vida” e “Hipervínculos”, así como as retrospectivas de Xesús Carballido, Quintana Martelo, Xosé Luís de Dios e Xenaro Martínez Castro. Neste mesmo ámbito do comisariado e coordinación de exposicións colaborou con institucións como a Xunta de Galicia, Caixanova, Caixa Galicia, Museo Barjola, Instituto Cervantes ou o Museo Nacional de Cracovia.

1. Como analizas e clasificas o presente da arte galega, atendendo especialmente ao apartado dos artistas?

Hoxe a diversidade manda sobre calquera outro aspecto. Os artistas galegos implícanse dende fai tempo na maraña da globalización actual e participan dunha multiplicidade de discursos que dalgunha forma osixena a abulia que se sofre de creatividade.

É un escenario complexo que desde logo xa pouco ou nada ten que ver con aqueloutro dos oitenta que reivindicaba o tema da identidade a través da tradición. Non hai, afortunadamente e por moito que algúns se empeñen, unha formulación única, e creo que iso é o meritorio da situación actual.

Neste sentido creo que é importante o traballo de galerías e dalgúns centros institucionais, porque axudaron e axudan a impulsar proxectos abertos a todo tipo de estéticas e procedementos. Pero tamén neste contexto boto en falta un interese por protexer á arte emerxente con espazos alternativos nos que os artistas máis novos puidesen mostrar as súas propostas. Son, do panorama actual, os máis indefensos.

2. Que liñas de traballos ou proxectos che interesan dos que se están desenvolvendo na actualidade en Galicia?

Interésame estar ao día e polo tanto me atañen e procuro seguir todos e cada un dos proxectos que xurdan, que son moitos e variados. Outra cousa é que me gusten máis uns que outros.

A nivel institucional penso que a formulación que se está a seguir desde MARCO é óptima pola pluralidade expositiva que mantén desde os seus inicios, tratando de implicar a públicos moi distintos, algo que é fundamental cando se traballa con erario público. Da mesma forma creo que o CGAC tivo épocas mellores.

Eventos como a Bienal de Pontevedra ou o Outono Fotográfico, aínda que con diferentes grados de calidade nas súas citas, están a realizar un gran esforzo por manter un modelo de convocatoria amplo.

Doutra banda están algunhas entidades privadas -Caixa Galicia e Caixanova, por exemplo- que xogan un papel crave desde fai uns anos reforzando a aposta expositiva nacional e internacional e fomentando o coleccionismo.

En canto ás galerías galegas, cada unha cun perfil propio, desenvolven unha labor relevante e, en ocasións, bastante sufrida.

3. Desde a túa experiencia no campo da crítica de arte (de forma moi especial exercida no xornal La Voz de Galicia), cal consideras que é a súa labor e responsabilidade na engrenaxe da creación actual?

Manter a obxetividade á marxe das túas filias e fobias -algo que non sempre se consegue-, e intentar analizar o estado da cuestión, unha análise que divulgándose desde as páxinas dun xornal debe de ser rigoroso e ao mesmo tempo accesible a todo tipo de lectores.

Opino que á crítica sóbranlle postulados dogmáticos e en non poucas ocasións adoece de enfoques que notifiquen a parte negativa, que tamén a hai, dalgúns modelos artísticos. Procuro desposuírme deses prexuízos cando escribo, entra dentro desas responsabilidades como crítica de arte.

4. Que recomendacións ou suxestións indicarías para a promoción da arte fóra de Galicia.

Os artistas galegos necesitan das institucións para proxectarse cara a fóra. A endogamia cultural non conduce a nada, só leva a unha autocomplacencia absurda. A correspondencia artística entre centros é habitual noutros países porque alivia o custo da produción única e colabora a un tráfico fluído de artistas e obras. Non me cabe a menor dúbida de que existen patróns europeos, por exemplo en Austria e Alemaña, de intercambio internacional que poderían servir para o noso país.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente.

A clave está na pluralidade de formulacións, tanto a nivel de medios como de argumentos: as novas tecnoloxías conviven, aínda que non sempre se entendan, coa nova pintura ou a fotografía. Doutra banda os artistas móvense por estímulos que lle afectan; así que o tema de xénero, o definir o seu lugar na cultura global, os conflitos sociais, políticos… acaban por transferirse inevitablemente á súa obra.

O preocupante da situación actual, desde o meu punto de vista, son os supostos teóricos encaixonados na trivialidade. Afectan por igual a todo tipo de axentes culturais e converten a feiras e museos en dominios tediosos onde impera o dèjá vu como norma. Aínda así, penso que estamos a vivir un momento de transición, tamén no eido cultural galego, que terminará máis tarde ou máis cedo por traer aire fresco, e seguro que tamén máis respirable.