Archive for February, 2009

Iria Candela

Iria Candela Iglesias é Doutora en Historia e Teoría da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid e Máster of Arts en Modern Art and Critical Studies pola Columbia University de Nova York. Na actualidade é Postdoctoral Research Fellow na Tate Modern de Londres, onde forma parte do equipo comisarial da exposición Theo van Doesburg and the International Avant-Garde, programada para febreiro de 2010. Anteriormente foi Curatorial Assistant no Solomon R. Guggenheim Museum de Nova York, onde organizou a exposición “Spanish Painting from El Greco to Picasso: Time, Truth and History”, e colaborou nas exposicións Richard Serra: The Matter of Time e David Smith. A Centennial. É autora do libro “Sombras de ciudad. Arte y transformación urbana en Nueva York, 1970-1990″ (Alianza Editorial, 2007). Recentemente comisariou a exposición colectiva “low key” para a Fundación Botín de Santander, realizou a edición crítica do catálogo da exposición “Francesc Torres. Da Capo” celebrada no Macba de Barcelona, e dirixiu o ciclo de conversas con artistas “El arte en sus dominios” nos Institutos Cervantes de Nova York e Utrecht.

1. Recentemente publicaches o libro “Sombras de ciudad”. Que aspectos cres que deben definirse ou sinalarse nas relacións entre arte e espazo público?

Que a arte pública non debe operar como mero brazo decorativo ou utilitario dentro do planeamento espacial das cidades. Non pode aceptar un rol secundario, pasivo, nos espazos sobrantes da trama urbana, nin moito menos ser subsidiaria ideoloxicamente dos discursos que determinan as formas e os usos do espazo público.

2. Cal pensas que debe ser a función do comisario na engrenaxe da creación actual?

A dun mediador, un mediador intelixente. Os protagonistas son os artistas e as obras de arte; e, máis especificamente, a experiencia estética e intelectual que se xera entre as obras de arte e as persoas.

3. Desde a túa experiencia e como observadora que traballar fóra de Galicia, cal é a túa percepción da creación actual que se produce en Galicia, a todos os niveis e ámbitos?

Agora mesmo estou comisariando a colección da Fundación Caixa Galicia, en concreto os seus fondos de arte en Galicia dende 1975. O panorama aí non é moi distinto doutros contextos equiparables de periferias de países desenvolvidos. Os artistas están igual de informados e potencialmente preparados. Quizais o sector do coleccionismo privado é agora mesmo o que máis habería que estimular. E, sobre todo, o coleccionismo institucional.

4. Que puntos consideras que sería necesario potenciar para mellorar a súa visibilidade exterior?

As institucións do país non teñen que adoptar un papel paternalista, pero si protector. Penso que cunha política xenerosa de bolsas de estudos e apoios a produción é a mellor maneira de axudar aos artistas.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Indubidablemente coexisten multitude de tendencias. Hai tempo que constatamos o fin das “narrativas mestras” en tanto que estilos que se suceden e relevan historicamente. A arte entrou no terreo da filosofía e polo tanto o campo de exploración das ideas é infinito. Gústame o simil das illas volcánicas no sentido de que están vivas e en continuo proceso de cambio e renovación. Aínda que convén estar alerta con respecto á instauración acrítica dun eclecticismo mercantil do “todo vale”. Tamén é perigosa a derivación cara á unha mera cultura do entretemento. En todo caso, é moi positiva esta riqueza e diversidade; outra cousa será como se escriba a historia da arte dentro de cen anos.

Emanuela Saladini

Emanuela Saladini é licenciada en Letras e Filosofía pola Universidade degli Studi de Milán. En Italia estudou os movementos da crítica francesa contemporánea e en particular a figura de Jean Christophe Bailly. Entra no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela no 2000 e comeza a súa investigación sobre a arte contemporánea en Galicia. A súa tese doutoral analiza a utilización do obxecto atopado na arte contemporánea e a súa relación coa memoria. Como investigadora realizou distintas estadías no estranxeiro, no Centre de Recherche sur l’Art et le Langage baixo a titoría de Jean Marie Schaeffer e na Universidade de California, Berkeley, traballando con Anne Wagner e Whitney Davis. Colaborou en distintos proxectos co CGAC e co COAG. É coautora dunha Guía de Arquitectura Contemporánea de Santiago de Compostela e colaborou coas revistas ArteEstetica, Interesarte e Artnotes. Participou no proxecto europeo Cultur’Art para a promoción da arte no eixo atlántico, xunto con Yolanda Pérez e Miguel Anxo Rodríguez, e presentou proxectos para fomentar a colaboración entre Universidades no marco europeo.

1. Vés presentando un prolongado traballo no campo da investigación en historia da arte. Cal pensas que é o panorama actual en Galicia respecto á investigación en arte contemporánea?

O panorama da investigación no campo da arte contemporánea en Galicia é moi interesante e dinámico porque os investigadores cren no profundo valor da produción artística galega e na súa capacidade de incidir na sociedade para fomentar o desenvolvemento de calquera acción cultural ou social. Sen embargo, moi a miúdo a investigación está manipulada por intereses que terían que ser marxinais. A política e a economía local non terían que afectar á investigación, e moito menos aos intereses persoais. A investigación non tería que ter outro obxectivo que non fora o de impulsar o coñecemento e a cultura. Por iso é necesario impulsar as relacións con grupos de investigación no estranxeiro, para evitar que a endogamia diminúa a transparencia e a capacidade de innovación da investigación.

2. Que papel xoga ou debe xogar a Universidade galega na súa vinculación co resto do sistema cultural? E no que se refire a arte contemporánea?

A Universidade tería que funcionar como unha ponte que facilite aos profesores, investigadores e estudantes a posibilidade de contactar con outras institucións que traballen no mundo da cultura. A Universidade tería que impulsar tamén a colaboración entre distintas institucións para facilitar a creación de proxectos interdisciplinares que teñan un reflexo no tecido social. É necesario que a Universidade fomente o coñecemento, a crítica e a capacidade de xuízo de cada cidadán, non só da comunidade universitaria. Sen embargo, para que isto sexa posible, os seus procesos terían que ser transparentes e máis áxiles. A mala opinión que os estudantes e algúns profesores teñen sobre o proceso de Bolonia é un exemplo da incapacidade da Universidade para comunicar correctamente os seus obxectivos a toda a sociedade.

A arte contemporánea é un aspecto da cultura que moitos cidadáns consideran superfluo ou interesante só para unha minoría que se beneficia del. A Universidade ten o deber de modificar esta opinión apoiando os proxectos que teñen un impacto sobre a sociedade e apoiando a formación de profesionais que testemuñen a seriedade e importancia do seu traballo. Por esta razón, o Departamento de Historia da Arte da USC e o CGAC crearon un Máster de arte, museoloxía e crítica contemporáneas de corte máis práctico para a adecuada formación de profesionais.

3. Desde a túa experiencia, que carencias ou aspectos mellorables detectarías na promoción exterior da arte producida en Galicia?

A actividade de publicidade dos centros de arte nalgúns casos é bastante deficitaria. Parece non interesar tanto que o público se achegue á arte contemporánea como que as actividades propostas sexan coñecidas e apreciadas por uns poucos privilexiados. Un exemplo banal pero significativo é que nos medios de comunicación de masas non se publicita case nunca a actividade dos centros de arte e das galerías galegas. Creo que se o turismo é tan importante para a economía galega isto non significa que se teña que ofrecer só unha imaxe convencional da súa arte e a súa cultura. Non avogo por unha arte espectacular ou creada ex-profeso para o turista pero tampouco creo que as institucións que xestionan os eventos da arte contemporánea teñan que dirixir as súas propostas só ao público galego. Creo, ademais, que o intercambio cultural entre América do Sur, Portugal e Galicia podería ser aproveitado para crear proxectos conxuntos de enorme interese.

4. Que proxecto recomendarías que coñezas e se estea desenvolver a nivel internacional?

Máis que un proxecto gustaríame sinalar actividades que me parecen suxestivas. Estou pensando na capacidade dunhas galerías e espazos “alternativos” en San Francisco para crear un verdadeiro itinerario da arte coñecida e frecuentada polos cidadáns. Teñen un calendario común de actividades e inauguracións e non precisan de subvencións públicas, o que garante unha certa liberdade de acción. Neste sentido, gustaríame sinalar tamén o interese de posibles colaboracións entre empresas e espazos de arte, para impulsar a relación entre sociedade e cultura contemporánea. Estou pensando, por exemplo, na colaboración entre a empresa italiana de café Illy e o centro de arte de Biella dirixido por Pistoletto.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Unha liña de investigación fundamental é a reflexión sobre a memoria, que inclúe a especulación sobre a identidade, sobre cuestións políticas como a idea de nación, a pertenza a unha crenza relixiosa, os conflitos entre grupos sociais, a liberdade do individuo fronte ao estado, etc. Neste contexto parece que existen dúas formas de imaxinar a linguaxe artística: unha avoga pola arte como documento, achegando a linguaxe á pura testemuña documental, e outra liña defende unha representación metafórica do mundo, na cal a relación entre forma e contido é máis relevante. Por outra parte, polo que se refire á montaxe de exposicións e á crítica, parece que os discursos son moi a miúdo “interrompidos”, como se a interpretación aberta dun fenómeno permitira ao espectador crear a súa propia narración. Parece unha solución interesante sempre e cando a base teórica poida evitar o “todo-vale”, cando o discurso que une as obras ou os proxectos presentados revela unha teoría ben estruturada. Por outra parte, existen discursos máis afianzados da arte contemporánea, como o de xénero, o da reflexión sobre o poder, o da defensa das minorías, que teñen o perigo de ser facilmente manipulados polas mesmas institucións que os apoian.