Emanuela Saladini é licenciada en Letras e Filosofía pola Universidade degli Studi de Milán. En Italia estudou os movementos da crítica francesa contemporánea e en particular a figura de Jean Christophe Bailly. Entra no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela no 2000 e comeza a súa investigación sobre a arte contemporánea en Galicia. A súa tese doutoral analiza a utilización do obxecto atopado na arte contemporánea e a súa relación coa memoria. Como investigadora realizou distintas estadías no estranxeiro, no Centre de Recherche sur l’Art et le Langage baixo a titoría de Jean Marie Schaeffer e na Universidade de California, Berkeley, traballando con Anne Wagner e Whitney Davis. Colaborou en distintos proxectos co CGAC e co COAG. É coautora dunha Guía de Arquitectura Contemporánea de Santiago de Compostela e colaborou coas revistas ArteEstetica, Interesarte e Artnotes. Participou no proxecto europeo Cultur’Art para a promoción da arte no eixo atlántico, xunto con Yolanda Pérez e Miguel Anxo Rodríguez, e presentou proxectos para fomentar a colaboración entre Universidades no marco europeo.

1. Vés presentando un prolongado traballo no campo da investigación en historia da arte. Cal pensas que é o panorama actual en Galicia respecto á investigación en arte contemporánea?

O panorama da investigación no campo da arte contemporánea en Galicia é moi interesante e dinámico porque os investigadores cren no profundo valor da produción artística galega e na súa capacidade de incidir na sociedade para fomentar o desenvolvemento de calquera acción cultural ou social. Sen embargo, moi a miúdo a investigación está manipulada por intereses que terían que ser marxinais. A política e a economía local non terían que afectar á investigación, e moito menos aos intereses persoais. A investigación non tería que ter outro obxectivo que non fora o de impulsar o coñecemento e a cultura. Por iso é necesario impulsar as relacións con grupos de investigación no estranxeiro, para evitar que a endogamia diminúa a transparencia e a capacidade de innovación da investigación.

2. Que papel xoga ou debe xogar a Universidade galega na súa vinculación co resto do sistema cultural? E no que se refire a arte contemporánea?

A Universidade tería que funcionar como unha ponte que facilite aos profesores, investigadores e estudantes a posibilidade de contactar con outras institucións que traballen no mundo da cultura. A Universidade tería que impulsar tamén a colaboración entre distintas institucións para facilitar a creación de proxectos interdisciplinares que teñan un reflexo no tecido social. É necesario que a Universidade fomente o coñecemento, a crítica e a capacidade de xuízo de cada cidadán, non só da comunidade universitaria. Sen embargo, para que isto sexa posible, os seus procesos terían que ser transparentes e máis áxiles. A mala opinión que os estudantes e algúns profesores teñen sobre o proceso de Bolonia é un exemplo da incapacidade da Universidade para comunicar correctamente os seus obxectivos a toda a sociedade.

A arte contemporánea é un aspecto da cultura que moitos cidadáns consideran superfluo ou interesante só para unha minoría que se beneficia del. A Universidade ten o deber de modificar esta opinión apoiando os proxectos que teñen un impacto sobre a sociedade e apoiando a formación de profesionais que testemuñen a seriedade e importancia do seu traballo. Por esta razón, o Departamento de Historia da Arte da USC e o CGAC crearon un Máster de arte, museoloxía e crítica contemporáneas de corte máis práctico para a adecuada formación de profesionais.

3. Desde a túa experiencia, que carencias ou aspectos mellorables detectarías na promoción exterior da arte producida en Galicia?

A actividade de publicidade dos centros de arte nalgúns casos é bastante deficitaria. Parece non interesar tanto que o público se achegue á arte contemporánea como que as actividades propostas sexan coñecidas e apreciadas por uns poucos privilexiados. Un exemplo banal pero significativo é que nos medios de comunicación de masas non se publicita case nunca a actividade dos centros de arte e das galerías galegas. Creo que se o turismo é tan importante para a economía galega isto non significa que se teña que ofrecer só unha imaxe convencional da súa arte e a súa cultura. Non avogo por unha arte espectacular ou creada ex-profeso para o turista pero tampouco creo que as institucións que xestionan os eventos da arte contemporánea teñan que dirixir as súas propostas só ao público galego. Creo, ademais, que o intercambio cultural entre América do Sur, Portugal e Galicia podería ser aproveitado para crear proxectos conxuntos de enorme interese.

4. Que proxecto recomendarías que coñezas e se estea desenvolver a nivel internacional?

Máis que un proxecto gustaríame sinalar actividades que me parecen suxestivas. Estou pensando na capacidade dunhas galerías e espazos “alternativos” en San Francisco para crear un verdadeiro itinerario da arte coñecida e frecuentada polos cidadáns. Teñen un calendario común de actividades e inauguracións e non precisan de subvencións públicas, o que garante unha certa liberdade de acción. Neste sentido, gustaríame sinalar tamén o interese de posibles colaboracións entre empresas e espazos de arte, para impulsar a relación entre sociedade e cultura contemporánea. Estou pensando, por exemplo, na colaboración entre a empresa italiana de café Illy e o centro de arte de Biella dirixido por Pistoletto.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Unha liña de investigación fundamental é a reflexión sobre a memoria, que inclúe a especulación sobre a identidade, sobre cuestións políticas como a idea de nación, a pertenza a unha crenza relixiosa, os conflitos entre grupos sociais, a liberdade do individuo fronte ao estado, etc. Neste contexto parece que existen dúas formas de imaxinar a linguaxe artística: unha avoga pola arte como documento, achegando a linguaxe á pura testemuña documental, e outra liña defende unha representación metafórica do mundo, na cal a relación entre forma e contido é máis relevante. Por outra parte, polo que se refire á montaxe de exposicións e á crítica, parece que os discursos son moi a miúdo “interrompidos”, como se a interpretación aberta dun fenómeno permitira ao espectador crear a súa propia narración. Parece unha solución interesante sempre e cando a base teórica poida evitar o “todo-vale”, cando o discurso que une as obras ou os proxectos presentados revela unha teoría ben estruturada. Por outra parte, existen discursos máis afianzados da arte contemporánea, como o de xénero, o da reflexión sobre o poder, o da defensa das minorías, que teñen o perigo de ser facilmente manipulados polas mesmas institucións que os apoian.