Xosé Lois Gutiérrez
Xosé Lois Gutiérrez Failde (Lalín, 1976) é escritor, fotógrafo e crítico. É licenciado en Historia de Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou en distintas plataformas de crítica de arte tanto na web, como Sitioweb, Artszin e SalonKritik, entre outras, como na prensa escrita: Revista das Letras, Protexta, ArtNotes, Neo2, etc. Ten publicado obras como “En Tempo Real. A Arte mentres ten lugar” (con Pedro de Llano Neira) e numerosos textos en catálogos de artistas. Realizou tamén mostras e edicións dos seus traballos no campo da fotografía. Na actualidade, exerce como profesor de ensino secundario e traballa en varios proxectos fotográficos.
1. Desde o teu coñecemento da situación da arte producida en Galicia, que características ou constantes crees que a definen nestes últimos anos?
Se un revisa a propia evolución da arte contemporánea en Galicia non atopa grandes diferenzas de matiz mirando atrás trinta, vinte, dez ou cinco anos: un ámbito produtivo precario, un coleccionismo miope e chato, unhas estruturas de distribución e mercado difusas ou inestables… o marco propio dun contexto artístico cuxo relato historiográfico é incerto e só se pode interpretar dende unha modernidade teratolóxica e incompleta. En todo este tempo non fomos capaces de articular un contexto artístico que superase a nosa perversa aserción interna e que puidese artellar certa estratexia de re-significación. Episodios como “Atlántica” non acadaron desmantelar estes paradigmas totalizadores e todo o que veu despois non sacou á produción artística daquel delirio normalizador e baldío. As políticas artísticas (e os seus programadores) no noso país non percibiron o desgaste daquel modelo político de modernización cultural dos oitenta e seguen a contribuír nese marasmo de subsidiaridade, banalidade biopolítica e artistas-estrela institucionalizados.
2. Colaboraches habitualmente en publicacións e revistas, así como na organización de proxectos editoriais. Como definirías o papel do crítico de arte no sistema da creación actual?
Fai un ano, Iván de la Nuez vaticinaba con certo alarmismo que a crítica de arte tería unha desaparición discreta, semellante á indiferenza que os artistas lle profesan hoxe. Nos anos que teño enredado sobre a condición e a práctica da crítica de arte só podería confirmar a suposta traxedia antes apuntada, sen acabar nunca de consumarse. Mais teño que advertir que a “crítica de arte” só pertence a ese acortellamento de escritores sobre arte —algúns con talento, si, pero nunca profesionalizados— ao contexto das edicións e das súas premisas, a maior parte delas económicas. Non me interesa a “crítica” como artefacto senón coma posibilidade heurística de certo discurso que acolla espesor a moitos máis niveis de experiencia que a propiamente estética. Penso que só en Artszin puiden articular algo semellante, nunca na prensa escrita ou nas revistas de arte.
3. Cal pensas que debe ser a función dos centros de arte, e concretamente no caso galego?
Aquí poderíamos falar de dous contextos de competencia. Un deles é aquel que prescribe a propia definición orgánica das institucións culturais públicas, definida polo formalismo das normativas e os regulamentos, cinguida logo a certa vocación de servizo público, déficit asumible e resposta consensual ás necesidades culturais —neste caso, artísticas— da comunidade onde se instala. O outro contexto de competencia perfila a capacidade estratéxica destas institucións para artellar discursos de produción, distribución e recepción da experiencia artística no proceso histórico, económico e político onde se pon en relevo. En Galicia adoecemos dunha confusión entre as nosas posibilidades, as nosas competencias e as nosas necesidades, entre eses dous contextos que antes apuntei. A nosa perversión exprésase, logo, en termos absolutos: seguimos demasiado cinguidos ao gregarismo endóxeno da administración desaproveitando a nosa posición histórica e xeográfica —periférica, inercial— no mundo. Así é que non somos capaces de encarar certas cuestións que xorden no marco da mundialización, nin moito menos facer dos nosos centros de arte axentes de resolución… E non creo que a solución de centros ou museos post-étnicos que profesan unha relixión de artistas nativos —por moi cosmopolitas que se pretendan— poidan amañar esta situación.
4. Que proxecto recomendarías que coñezas e se estea a desenvolver no resto do estado ou a nivel internacional?
Poderíamos falar de moitos proxectos, todos interesantes, seguro. Por resaltar algúns falaría do proxecto Virose en Portugal ou da incrible capacidade de rexeneración e discurso do centro Witte de Witt (ou do único que merece ter tido en conta aquí en Galicia: escoitar.org). Proxectos, quero apuntar, de reducidas estruturas, dende contextos periféricos (Portugal, Holanda…); pero que desenvolven unha liña de traballo no que seu alcance desborda as continxencias do puramente local. Tamén resaltaría os últimos traballos de Magdalena Correa, Rubén Santiago, Maria Eichhorn, Marius Engh, Sergio Prego, Susan Hiller ou Joel Sternfeld, entre outros moitos.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Non penso en claves, tendencias ou fórmulas que aspiren a unha obsolescencia programada. Poderíamos citar miles de nomes de artistas que nos últimos anos retumbaron nas distintas plataformas e medios e que agora apenas producen ou crean. O investimento destes protocolos de asimilación sobre cara onde vai escorar a produción artística parece depender máis das esixencias do mercado que do que os artistas queiran —ou se atrevan a— vender nel.
Por outro lado, o proceso de fragmentación e disolución da nosa relación coas imaxes que o propio capitalismo post-industrial forxou; define aquí a súa propia narración, si se quere, estética que non permite máis verdade que a da súa rendibilidade tecnomediática ou económica. Non é casual que os mozos só coñezan a un artista contemporáneo (D. Hirst!).
Por iso, debaixo de toda esta retórica só podo manifestar a miña debilidade polas formas e os traballos que se enrocan fóra deste contexto e que problematizan —dende a tensión entre a diferenza e a singularidade— o noso marco histórico particular ou o propio sitio da arte no interior deste pregamento. Acho que a práctica artística terá que comezar a ter en conta todo aquilo que aínda apareza religado a certo trazo de desidentificación —como diría Ranciere—, unido a unha certa política crítica que non alberga ou non pode entenderse a través de tendencias nin ritmos.
