Archive for April, 2009

Anxela Caramés

Anxela Caramés é licenciada en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Logo de recibir formación en realización de audiovisuais na Escola de Imaxe e Son de A Coruña, comezou no 2003 estudos de doutoramento no programa Artes Visuales e Intermedia, na facultade de Bellas Artes da Universidade Politécnica de Valencia, baixo a titoría de José Miguel García Cortés, investigando sobre a construción dos discursos teóricos feministas estatais desde os comisariados vencellados a cuestións de xénero. Alterna os traballos de didáctica artística en exposicións coa produción cultural, como as xornadas de conferencias e debates “Subxectividades críticas/Narrativas identitarias. Feminismos e creación contemporánea no Estado Español” na Fundación Luis Seoane e “Contra vento e marea… Verbas de mulleres, feminismos e cultura en Galicia”, proximamente na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, ou diversos proxectos de comisariado que está a levar a cabo neste momento. Ten escrito en diferentes medios especializados (Artenet, Lectora, Andaina, Quintana, Protexta, AG.Revista do Audiovisual Galego), catálogos de exposicións (“Ridy tu pley” de Mónica Cabo, “Licenciado en Belas Artes” de Kike Lista, “Casa de citas” comisariada por Nilo Casares, “Mapas, cosmogonías e puntos de referencia” , “Nada que ver”) e recentemente participou na publicación “Espazo Documental.net”, dentro do Proxecto Edición. Actualmente é colaboradora do suplemento cultural do Xornal de Galicia.

1. Cal cres que é a situación actual dos axentes culturais, pendentes da análise e estudo da creación contemporánea, en Galicia? Que baleiros ou complicacións atopas?

Entendendo que ser axente significa ser mediador, e para mediar hai que interactuar coa sociedade; polo tanto vólvese crucial a capacidade de comunicar. Desde esta perspectiva pódese observar un desfase aínda non solucionado entre a produción artística contemporánea e o público, que desgraciadamente as máis das veces non comprenden, ou máis ben non saben como interpretar. E isto non sucede tanto pola suposta inintelixibilidade da obra, senón máis ben pola falta de ferramentas conceptuais e metodolóxicas, que case ninguén -exceptuando algunhas iniciativas desde o museo- se encarga de facilitar, posto que os textos críticos polo xeral resultan crípticos.

Polo tanto os axentes culturais deberían ter a responsabilidade de apoiar a creación contemporánea, establecer un diálogo cos artistas e a sociedade, os potenciais espectadores-receptores. Terían que reflexionar, incidir, traballar e expandir as cuestións da contemporaneidade. Non obstante, existe unha brecha entre a situación internacional e estatal respecto á realidade galega. Ás veces podería parecer que quedaron ancorados nos presupostos dos oitenta; seguen a depender das leis do mercado e non se percibe unha pegada consolidada da teoría crítica e das tendencias actuais. No fondo séguense a valorar o xenio do artista e o éxito comercial como valores fundamentais, sen promover ou indagar noutras cuestións máis estruturais ou críticas, ou, e non menos importante, na urxencia de xerar unha potente infraestrutura artística en consonancia ao contexto galego.

2. Unha das principais áreas da túa investigación céntrase no estudo da arte actual desde unha perspectiva feminista. Como puidemos descubrir no curso que coordinaches na Fundación Luís Seoane, cal sería a realidade e claves para a súa achega e coñecemento a esta tendencia teórica?

Mentres que a tendencia historiográfica feminista persegue darlle voz ás artistas invisibilizadas pola construción da historia da arte patriarcal -desmitificando así o xenio creador do artista varón por antonomasia- a arte contemporánea reflexiona e denuncia criticamente problemáticas derivadas do binarismo de xénero. Tenta superar as ríxidas categorías do feminino e do masculino, propoñendo, deste modo, novas relecturas da feminidade, e, máis recentemente da masculinidade, posto que son construcións socio-culturais e non verdades biolóxicas dadas pola natureza. Dentro das diferentes tendencias interésame sobre todo este cuestionamento dos roles de xénero, e moi especialmente a subversión levada a cabo pola teoría queer, que tamén persegue visibilizar outras sexualidades e outros corpos alleos a hetero-normatividade home/muller.

Porén non resulta axeitado falar só de teoría porque sen praxe aquela non tería sentido. Os feminismos -e insisto no plural do termo- buscan incidir socialmente, promover cambios de consciencia e de política, polo que o vencellamento entre teoría e práctica, xa sexan artísticos e/ou activistas, asúmese como fundamental e imprescindible nas loitas feministas.

3. Gustaríame que nos recomendases algunha artista galega actual, xustificando a súa selección, que concite valores reseñables dentro da panorama actual.

Na miña opinión Carme Nogueira é unha das artistas máis maduras conceptualmente do panorama galego, onde a mediación e a vertebración co social non son habituais. O que tampouco é frecuente neste contexto é a óptica feminista que imprime en todos os seus traballos, tanto sexa nas súas análises do espazo público -relación da arquitectura coas diferentes subxectividades e a reivindicación deste como lugar de uso comunitario- como nunha revisión do privado e das microhistorias persoais que se volven políticas.

Nesta mesma liña de creación, desde unha perspectiva de xénero, Mónica Cabo constitúe unha das poucas manifestacións da arte queer no Estado Español, realizando un traballo ben documentado, consecuente, efectivo e comprometido. Busca subverter os roles de xénero e amosar outras prácticas sexuais dunha maneira lúdica á vez que provocadora.

Finalmente, de Rita Rodríguez, que estase erixindo como un claro valor da performance en Galicia -un medio escasamente explorado na nosa xeografía-, sinalaría a súa capacidade para a improvisación, a adaptación, a captación e a resignificación a través da flexibilidade e da observación do espazo onde se move e da xente coa que trata, nun proceso creativo que está a funcionar durante todo o día, e no que mestura equilibradamente azar con planificación.

4. Recomenda un proxecto que consideres interesante que se estea a desenvolver a nivel internacional.

Debido a precariedade do circuíto artístico galego non fai falla irse moi lonxe para recomendar proxectos de intervención artística, con isto quero dicir, que a uns poucos quilómetros da nosa fronteira, en Portugal, ou noutras comunidades do Estado Español hai iniciativas tanto institucionais, privadas como autoxestionadas que posibilitan unhas canles de expansión para a arte máis nova e experimental das que carecemos por aquí. Estoume a referir, simplemente, a centros dedicados á produción, exhibición, formación e ao debate arredor dos procesos de creación e xestión cultural, como poden ser os xa dabondo coñecidos Arteleku (Donosti), Hangar (Barcelona) e Maus Hábitos (Porto), pasando polas iniciativas Processos Oberts (Terrassa), Idensitat (Cataluña) ou a produtora cultural Consonni (Bilbao), ata chegar a propostas máis recentes como Otro Espacio (Valencia); claro que por non ter non temos ni tan sequera unha Casa Encendida como a que financia Caja Madrid. Practicamente todos estes espazos se caracterizan polo énfase no contexto, a incidencia no tecido social, o traballo en rede e a aposta e o apoio á creación no seu sentido máis amplo.

Quizais para comezar a tecer redes, e rachar co limitante minifundismo que define ao carácter galego, o primeiro que habería que facer sería organizarse para programar conxuntamente exposicións, actividades ou bienais, mais ante todo, facendo algo tan aparentemente sinxelo como ter en conta un calendario de inauguracións que non busque solaparse os uns aos outros e posibilite días de intercambio, tal e como acontece nos sábados de apertura das mostras nas galerías da rúa Miguel Bombarda de Porto.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

A arte actual vén definida por diversas cuestións que en moitos casos a atravesan transversal ou tanxencialmente, concretamente na que está máis ao marxe das leis do mercado. Por un lado a intensa preocupación que se ven dando nestas últimas décadas en torno a cuestións de identidade; tentando dende o persoal, o social ou o político, amosar diferentes realidades sexuais, políticas, relixiosas, de xénero, de raza e nacionalidade. Foron os discursos postmodernos -fundamentalmente foucaultianos- sobre a construción do suxeito en función ao control dos outros e, polo tanto, desde o Estado, as normas sociais e as influencias culturais propias de cada contexto; ou dito doutro modo, as micropolíticas son as cuestións que máis teñen influído na produción artística recente. Propiciaron tendencias críticas da arte política e pública que comezou a xestarse arredor dos setenta; con prácticas centradas na acción, a performance, os cartazes, a fotografía e o vídeo (como medios para a documentación das propostas) ou posteriormente a través das ferramentas dixitais.

En segundo lugar, é precisamente a arte electrónica, desde a primixenia net.art -considerada xa morta por moitos- ata o que agora se veu a chamar New Media Art, o panorama que haberá que explorar e ter en conta en igualdade de condicións, proximamente. Quero dicir, sen etiquetas excluíntes en categorías pechadas e incomunicadas, posto que se ata ben pouco era mal comprendido polo que se interpretaban como excesos técnicos, nunha era cada vez máis tecnolóxica xa non poderemos entender as artes visuais sen este tipo de prácticas cada vez máis próximas a nosa cotianeidade, e, que ás veces se presentan -agardemos que non só utopicamente- como os únicos espazos aínda libres de certas dinámicas viciadas do sistema da arte.

E por último, o tamén xa de longo coñecido discurso sobre a autorreferencialidade na arte continúa vixente neste século XXI, materializado cada vez dunha forma máis clara nunha visibilización dos procesos de creación, reflexionando sobre o papel do artista, do mediador ou axente cultural, así como os mecanismos de exhibición e difusión, xunto coa recepción da obra por parte dun público potencial, sempre dentro do marco do tardocapitalismo como pano de fondo, sinalado e acusado por propiciador de certas problemáticas e vicios do mundo artístico.

Mar Caldas

Mar Caldas (Vigo, 1964) é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Formouse no Museu Brasileiro da Escultura Marilisa Rathsam de São Paulo, no International Center of Photography de Nova York e estudou con Pep Benlloch, Joan Fontcuberta, Maribel Martínez-Benlloch, Giulia Colazzi, Concha Jerez e Geneviève Cadieux. Foi profesora invitada polo Departamento de Pintura da Facultade de BB.AA. de Pontevedra e, desde 2006, é profesora asociada a dito departamento e directora do grupo de investigación “Fondo de Arte e Cultura Contemporánea”. Impartiu cursos e obradoiros de arte en diversas institucións. É autora da tese “El valor y el significado de los productos culturales. Desplazamientos y fricciones en las transacciones artísticas contemporáneas” (Universidade de Vigo, 2007), e de numerosas conferencias e ensaios. Desde 2002 colabora co suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo. Como artista traballa, desde 2006, coa galería Bacelos e participou en numerosas exposicións colectivas. Sobresaen as súas individuais “momentáneas” en Caja Madrid e “momentáneas II” na galería SCQ. Comisariou “Boas pezas” e “Maquila Boutique”; co-comisariou “Desde Valencia” con Silvia Martí Marí e Carlos Tejo, as intervencións artísticas para a “Marcha Mundial das Mulleres” xunto con Rosalía Pazo, e os ciclos de videoarte “En primeira persoa. Relacións do suxeito na intimidade”, “Plano íntimo” xunto a Silvia Martí Marí.

1. Desde a túa experiencia como comisaria de diversas exposicións e proxectos nestes anos, cal cres que é o seu rol na engrenaxe artística actual? Como advirtes a súa situación en Galicia?

Convén lembrar que a figura da/o comisaria/o é moi recente e responde a unhas determinadas circunstancias: fai a súa aparición a finais dos anos 60 co inicio das grandes exposicións que pretendían ofrecer unha visión panorámica da arte contemporánea e que alcanzarían o seu esplendor nas seguintes décadas. Porén, a delimitación das súas funcións e o aumento do seu protagonismo sitúase nos anos 80-90 co auxe das exposicións temáticas e das exposicións multiculturais, co incremento e magnitude das exposicións e coa aparición, proliferación e auxe de infraestruturas dedicadas exclusivamente á arte contemporánea (museos, bienais, etc.); de tal xeito que é produto dunha maior profesionalización e especialización no campo artístico e do incremento dos intercambios internacionais, á par que dunha maior institucionalización da arte.

O seu rol é, en certo sentido, similar á do/a crítico/a: dar visibilidade a obras e artistas que considera relevantes, así como achegar claves para a súa comprensión. De feito, son postos que adoitan ser desempeñados simultaneamente: é infrecuente que unha/un comisaria/o non exerza de crítica/o. Ambos/as son produtores de discurso, se ben a tarefa curatorial vén a demostrar que o discurso sobre a obra non só se fai textualmente senón que se pode facer a través do propio formato expositivo.

En tanto o/a comisario/a está en condicións de “filtrar” o acceso das/os artistas ás instancias de difusión e de consagración, adquire unha posición de poder no campo artístico; poder que é maior ou menor segundo a posición xerárquica das instancias sobre as que ten capacidade de actuación. A situación periférica do campo artístico galego respecto ao campo da arte global, afecta a todos os axentes que nel están involucrados –artistas, comisarias/os, críticos/as, galeristas… De tal xeito que os/as comisarios/as galegos/as, a día de hoxe, non chegan a incidir nas instancias de lexitimación máis recoñecidas a nivel mundial e, nin sequera, estatal.

2. Na túa actividade profesional sobresae a vertente de análise, exemplificada perfectamente nas constantes colaboracións en prensa. Que función consideras debe presentar a crítica de arte desde os medios de comunicación?

Os medios de comunicación teñen unha considerable importancia en tanto desempeñan o dobre papel de lexitimación e de divulgación dos produtos culturais. En relación ao primeiro aspecto, a crítica de arte debe exercerse de forma responsable e, sobre todo, independente. En canto ao segundo, a/o crítica/o debe ser consciente de quen é o público a quen se está dirixindo, de que non é unicamente un público especializado en arte. Neste sentido, a crítica, desde estas canles pode contribuír a diminuír a barreira que existe entre produtor/a e consumidor/a, facilitando a lexibilidade dos produtos culturais. E é posible traballar na divulgación sen manter a distancia ao/á non iniciado/a e sen que iso supoña caer na trivilialización.

Para que a arte contemporánea non só poida ser comprendida e gozada por unha elite, é necesario difundir os seus valores e criterios aos/ás consumidores/as actuais e virtuais, dar a coñecer a necesidade específica á que responden as obras de arte. A crítica tende a participar na mitificación da arte, empregando un discurso que alimenta o suposto carácter escuro e misterioso das obras. Porén, e posto que a razón de ser dunha obra artística é dicible —aínda tratándose da obra máis esixente ou hermética— a crítica debería proporcionar ao público os medios necesarios para comprendela. Debería, polo tanto, abandonar os seus xogos narcisistas e privilexiar a súa función comunicativa; función indispensable cando intervén desde os medios de comunicación.

3. Como artista visual, como definirías a situación actual no contexto galego en termos de visibilidade e promoción exterior? Que puntos sería necesario potenciar?

A situación de inferioridade estrutural dos axentes artísticos que operan neste contexto xa foi mencionada máis arriba. Polo tanto, aínda hai moito que potenciar nas diferentes fases do proceso artístico (formación-produción-difusión-lexitimación) para superar esa posición.

En formación, para estar en condicións de producir obras de arte dunha calidade equivalente ás mellores que se están facendo; en produción, para que as/os artistas teñan acceso aos medios necesarios para materializar a obra; en difusión, para que a produción sexa coñecida dentro e fóra do noso contexto; e, por último, traballar para que a arte que se produce en Galiza poida acceder á lexitimación en condicións de igualdade respecto á arte que se produce noutros contextos.

4. Como docente e investigadora, que aspectos recoñeces como importantes na historia da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e cales mellorarías na súa conexión coa realidade cultural galega?

A Facultade de Pontevedra, no seu papel formativo, ten sido de grande importancia para Galiza: significou facilitar o acceso aos estudos de belas artes ás recentes xeracións (especialmente a quen non terían medios económicos para estudar fóra); así como difundir e valorizar ditos estudos. Por outra banda, e en comparación con moitas facultades do estado, impártese unha docencia en consonancia coas correntes e debates artísticos actuais. Acho que isto é palpable se temos en conta a calidade e interese do traballo realizado por artistas saídas/os da Facultade.

Porén, é necesario traballar máis na liña de conexión co contexto galego. Tense avanzado, a través dos programas docentes, en promover o contacto do alumnado co entorno profesional; se ben aínda non o suficiente como para acadar unha comunicación máis continuada e fluída. Outra cuestión problemática é que, tanto na docencia como na investigación, non ten habido a suficiente preocupación por indagar na herdanza artística galega, por establecer relacións referenciais e diferenciais, afinidades e diverxencias, etc. entre obras, autores/as, movementos galegos do pasado e a produción artística galega do presente.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo?

Se utilizamos a división clásica —arte formalista versus arte social— é claro que nas últimas décadas estivo “gañando a batalla” a segunda posición. Fora, en diferentes momentos, a través de vertentes máis teóricas ou máis políticas, máis lúdicas ou máis graves, máis textuais ou máis icónicas, máis ilustrativas ou máis ambiguas, etc.

Desde dentro desa posición, ultimamente, parece que ten forza unha tendencia –tal vez, moda- que revisa o situacionismo: por todas partes utilízase a palabra “situación”. Revisión da que resultou o trazado dunha herdanza artística segundo o cal habería unha continuidade entre dadaísmo-letrismo-situacionismo-fluxus-arte relacional.

Porén, hai que ter en conta que no campo artístico sempre conviven distintas tomas de posición artística (e enfrontadas entre si), todas elas competindo por acadar a lexitimidade.