Mar Caldas
Mar Caldas (Vigo, 1964) é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Formouse no Museu Brasileiro da Escultura Marilisa Rathsam de São Paulo, no International Center of Photography de Nova York e estudou con Pep Benlloch, Joan Fontcuberta, Maribel Martínez-Benlloch, Giulia Colazzi, Concha Jerez e Geneviève Cadieux. Foi profesora invitada polo Departamento de Pintura da Facultade de BB.AA. de Pontevedra e, desde 2006, é profesora asociada a dito departamento e directora do grupo de investigación “Fondo de Arte e Cultura Contemporánea”. Impartiu cursos e obradoiros de arte en diversas institucións. É autora da tese “El valor y el significado de los productos culturales. Desplazamientos y fricciones en las transacciones artísticas contemporáneas” (Universidade de Vigo, 2007), e de numerosas conferencias e ensaios. Desde 2002 colabora co suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo. Como artista traballa, desde 2006, coa galería Bacelos e participou en numerosas exposicións colectivas. Sobresaen as súas individuais “momentáneas” en Caja Madrid e “momentáneas II” na galería SCQ. Comisariou “Boas pezas” e “Maquila Boutique”; co-comisariou “Desde Valencia” con Silvia Martí Marí e Carlos Tejo, as intervencións artísticas para a “Marcha Mundial das Mulleres” xunto con Rosalía Pazo, e os ciclos de videoarte “En primeira persoa. Relacións do suxeito na intimidade”, “Plano íntimo” xunto a Silvia Martí Marí.
1. Desde a túa experiencia como comisaria de diversas exposicións e proxectos nestes anos, cal cres que é o seu rol na engrenaxe artística actual? Como advirtes a súa situación en Galicia?
Convén lembrar que a figura da/o comisaria/o é moi recente e responde a unhas determinadas circunstancias: fai a súa aparición a finais dos anos 60 co inicio das grandes exposicións que pretendían ofrecer unha visión panorámica da arte contemporánea e que alcanzarían o seu esplendor nas seguintes décadas. Porén, a delimitación das súas funcións e o aumento do seu protagonismo sitúase nos anos 80-90 co auxe das exposicións temáticas e das exposicións multiculturais, co incremento e magnitude das exposicións e coa aparición, proliferación e auxe de infraestruturas dedicadas exclusivamente á arte contemporánea (museos, bienais, etc.); de tal xeito que é produto dunha maior profesionalización e especialización no campo artístico e do incremento dos intercambios internacionais, á par que dunha maior institucionalización da arte.
O seu rol é, en certo sentido, similar á do/a crítico/a: dar visibilidade a obras e artistas que considera relevantes, así como achegar claves para a súa comprensión. De feito, son postos que adoitan ser desempeñados simultaneamente: é infrecuente que unha/un comisaria/o non exerza de crítica/o. Ambos/as son produtores de discurso, se ben a tarefa curatorial vén a demostrar que o discurso sobre a obra non só se fai textualmente senón que se pode facer a través do propio formato expositivo.
En tanto o/a comisario/a está en condicións de “filtrar” o acceso das/os artistas ás instancias de difusión e de consagración, adquire unha posición de poder no campo artístico; poder que é maior ou menor segundo a posición xerárquica das instancias sobre as que ten capacidade de actuación. A situación periférica do campo artístico galego respecto ao campo da arte global, afecta a todos os axentes que nel están involucrados –artistas, comisarias/os, críticos/as, galeristas… De tal xeito que os/as comisarios/as galegos/as, a día de hoxe, non chegan a incidir nas instancias de lexitimación máis recoñecidas a nivel mundial e, nin sequera, estatal.
2. Na túa actividade profesional sobresae a vertente de análise, exemplificada perfectamente nas constantes colaboracións en prensa. Que función consideras debe presentar a crítica de arte desde os medios de comunicación?
Os medios de comunicación teñen unha considerable importancia en tanto desempeñan o dobre papel de lexitimación e de divulgación dos produtos culturais. En relación ao primeiro aspecto, a crítica de arte debe exercerse de forma responsable e, sobre todo, independente. En canto ao segundo, a/o crítica/o debe ser consciente de quen é o público a quen se está dirixindo, de que non é unicamente un público especializado en arte. Neste sentido, a crítica, desde estas canles pode contribuír a diminuír a barreira que existe entre produtor/a e consumidor/a, facilitando a lexibilidade dos produtos culturais. E é posible traballar na divulgación sen manter a distancia ao/á non iniciado/a e sen que iso supoña caer na trivilialización.
Para que a arte contemporánea non só poida ser comprendida e gozada por unha elite, é necesario difundir os seus valores e criterios aos/ás consumidores/as actuais e virtuais, dar a coñecer a necesidade específica á que responden as obras de arte. A crítica tende a participar na mitificación da arte, empregando un discurso que alimenta o suposto carácter escuro e misterioso das obras. Porén, e posto que a razón de ser dunha obra artística é dicible —aínda tratándose da obra máis esixente ou hermética— a crítica debería proporcionar ao público os medios necesarios para comprendela. Debería, polo tanto, abandonar os seus xogos narcisistas e privilexiar a súa función comunicativa; función indispensable cando intervén desde os medios de comunicación.
3. Como artista visual, como definirías a situación actual no contexto galego en termos de visibilidade e promoción exterior? Que puntos sería necesario potenciar?
A situación de inferioridade estrutural dos axentes artísticos que operan neste contexto xa foi mencionada máis arriba. Polo tanto, aínda hai moito que potenciar nas diferentes fases do proceso artístico (formación-produción-difusión-lexitimación) para superar esa posición.
En formación, para estar en condicións de producir obras de arte dunha calidade equivalente ás mellores que se están facendo; en produción, para que as/os artistas teñan acceso aos medios necesarios para materializar a obra; en difusión, para que a produción sexa coñecida dentro e fóra do noso contexto; e, por último, traballar para que a arte que se produce en Galiza poida acceder á lexitimación en condicións de igualdade respecto á arte que se produce noutros contextos.
4. Como docente e investigadora, que aspectos recoñeces como importantes na historia da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e cales mellorarías na súa conexión coa realidade cultural galega?
A Facultade de Pontevedra, no seu papel formativo, ten sido de grande importancia para Galiza: significou facilitar o acceso aos estudos de belas artes ás recentes xeracións (especialmente a quen non terían medios económicos para estudar fóra); así como difundir e valorizar ditos estudos. Por outra banda, e en comparación con moitas facultades do estado, impártese unha docencia en consonancia coas correntes e debates artísticos actuais. Acho que isto é palpable se temos en conta a calidade e interese do traballo realizado por artistas saídas/os da Facultade.
Porén, é necesario traballar máis na liña de conexión co contexto galego. Tense avanzado, a través dos programas docentes, en promover o contacto do alumnado co entorno profesional; se ben aínda non o suficiente como para acadar unha comunicación máis continuada e fluída. Outra cuestión problemática é que, tanto na docencia como na investigación, non ten habido a suficiente preocupación por indagar na herdanza artística galega, por establecer relacións referenciais e diferenciais, afinidades e diverxencias, etc. entre obras, autores/as, movementos galegos do pasado e a produción artística galega do presente.
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo?
Se utilizamos a división clásica —arte formalista versus arte social— é claro que nas últimas décadas estivo “gañando a batalla” a segunda posición. Fora, en diferentes momentos, a través de vertentes máis teóricas ou máis políticas, máis lúdicas ou máis graves, máis textuais ou máis icónicas, máis ilustrativas ou máis ambiguas, etc.
Desde dentro desa posición, ultimamente, parece que ten forza unha tendencia –tal vez, moda- que revisa o situacionismo: por todas partes utilízase a palabra “situación”. Revisión da que resultou o trazado dunha herdanza artística segundo o cal habería unha continuidade entre dadaísmo-letrismo-situacionismo-fluxus-arte relacional.
Porén, hai que ter en conta que no campo artístico sempre conviven distintas tomas de posición artística (e enfrontadas entre si), todas elas competindo por acadar a lexitimidade.
