Archive for May, 2009

Jose Castañal

Jose Castañal (Santiago de Compostela, 1981) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e realizou o doutoramento na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Traballou no MARCO, como bolseiro no CGAC, e para a galería Elba Benítez (Madrid), onde comisariou a exposición “Sabbatique” con Alejandro Vidal e Saâdane Afif. Como comisario independente de exposicións recentemente inaugurou “6 rooms on view” no centro de arte .HBC de Berlín. Actualmente prepara unha exposición de videoarte español para a canle de TV por cable “Souvenirs from Earth”, que se emite en Francia e Alemaña así como no Palais de Tokyo (París).

1. Durante os últimos dous anos colaboraches coa galería Elba Benítez (Madrid). Cal cres que é o presente das galerías de arte no estado español? E os seus retos para o futuro?

Entre outubro de 2006 e novembro de 2008 traballei para a galería Elba Benítez coordinando exposicións, comisariando e asistindo a feiras. En todo este tempo tiven un coñecemento moi próximo da realidade interna dunha galería e tamén a doutras, tanto nacionais como internacionais. Como é sabido, o mercado da arte en España é algo tardío, así como o é a aparición dun modelo “estándar” de galería de arte. Comezamos en España con casos illados como Juana Mordó ou Fernando Vijande, que nada teñen que ver co que é unha galería de arte a día de hoxe. Ao meu modo de ver, o presente das galerías de arte no estado español é bastante pobre. Por que? Temos en todo o territorio nacional un número considerable de galerías, das cales funcionan de xeito “correcto” internacionalmente cinco. “Correcto” é: un número de vendas considerable (diso vive o artista, pero non a maioría dos galeristas) e unha promoción adecuada e constante do traballo dos artistas, sobre todo a nivel internacional, pois é nesa globalidade onde se establecen as tendencias, categorías, reputacións e por suposto prezos. Considero que fai falla unha maior profesionalización do sector, pois as galerías “establecidas” con que contamos fundáronse a finais dos 80 ou principios dos 90, a base de moito esforzo pero escaso coñecemento. É recentemente cando novas galerías (NoguerasBlanchard, MaisterraValbuena, etc.) abriron baixo a iniciativa de xente formada especificamente no campo da arte e formada laboralmente noutras galerías, o que xera unha maior profesionalización e respecto polo artista. É cuestión de anos que as vellas galerías vaian desaparecendo e estas galerías agora novas se fagan cunha parcela que sen dúbida se merecen.

Por outro lado, debemos aceptar o mercado da arte sen reticencias a el. Aínda non comprendo como o ano pasado unha galerista comentou que “ARCO se ha convertido en una feria exclusivamente dedicada al mercado, por lo que no pienso volver a participar en ella”. Levamos anos loitando para lograr que ARCO sexa unha feira que funcione (dito doutro xeito, onde se venda) e agora que logramos conseguilo, hai galeristas que a rexeitan. Estes posicionamentos non fan ben ningún, nin ao futuro da galería, nin, como levo insistindo, ao dos artistas.

2. Analizando o tema das feiras de arte, unha das cuestións que máis preocupan ao ámbito das galerías, como advirtes a polémica de ARCO e a súa nova liña de dirección? Subliña outras feiras que destacarías a nivel internacional.

Remataba a anterior pregunta enlazando co tema de ARCO. Todos sabemos como xurdiu ARCO e porque durante anos foi máis un fenómeno social que económico. A xente que no podía ver arte nos museos (porque até hai unha década non había) víao na feira. Agora rompemos con iso, pero a tendencia segue sendo a mesma. ARCO debe ser unha “feira de arte”, isto significa: un evento cuxo principal cometido é a compra-venda de arte, non a educación. Coa nova dirección creo que se apunta máis cara a este modelo de feira. Polémicas sempre vai haber, iso é inevitable. Quen sempre se queixa é quen consegue un espazo “mal colocado” ou a quen non seleccionan polo motivo que sexa. Un espazo preferente non é sinónimo de vendas, todo depende da arte que leves e dos prezos que manexes. A iso se reduce todo.

En canto ás feiras internacionais, é obvio que destaca ArtBasel, que, ao contrario que sucedía con ARCO, posúe un comité de selección absolutamente profesional, se ben na pasada edición de ARCO o novo comité fixo unha selección de galerías máis que digna.

Obviando as grandes feiras internacionais, por todos coñecidas, aposto por unha pequena como ArtBrussels, barata para as galerías, pero cun nivel de vendas incrible, dada a súa situación xeográfica e o alto número e calidade dos coleccionistas belgas.

3. Agora desde a distancia, pero coa experiencia en diversos departamentos en centros de arte galegos, como observas a creación actual en Galicia, desde os seus axentes até proxectos actuais?

Sen dúbida, quen mellor o está facendo é o MARCO de Vigo, grazas á dirección de Iñaki Martínez. Abrir o museo ás exposicións individuais, con proxectos como 7+1 e Santiago Sierra ,é o mellor acerto de todos. En canto ao CGAC, mantéñome á espera das decisións políticas, pois supoño que será empezar outra vez case de cero.

A Facultade de Belas Artes, cando pasei por ela, era un centro moi interesante, a xente tiña enerxía. Por comentarios que me chegan parece ser que iso xa non é así.

4. Que cuestións se deberían activar para potenciar a promoción no resto do estado da arte producida en Galicia?

Hai anos que se fala moito da idea de crear un Arteleku en Galicia. Non sei se é o modelo a implantar ou habería que crear outro, pero tampouco é a solución a ningún problema. Os artistas o único que deben facer é formarse, crear e viaxar. Sen iso, ningún novo centro vai resolver nada.

Como dicía Juan Muñoz, “lo único que necesita un artista para triunfar es hablar inglés y tener dinero”. Sen chegar a ser tan drásticos, pero tamén sen quitarlle razón, remítome ao dito anteriormente: formarse e viaxar é indispensable.

A preocupación pola promoción da arte producida en Galicia no resto do estado paréceme un lastre. Non hai un sistema Galicia-Madrid-Londres-NY, nin adhoc-Juana de Aizpuru-Lisson-Gagosian. Cada cal debe dar o 100% na súa tarefa, o artista en crear e a galería en difundir e vender. O malo sempre será malo aquí e en Berlín.

Creo que o traballo máis duro o teñen as galerías, pois deben crear unha carteira de clientes ampla e de calidade, o que supón asistir a diversas feiras, nacionais e internacionais, e acudir a inauguracións, festas e demais eventos. Isto pode parecer unha frivolidade, pero todos os que traballamos neste campo sabemos como funciona todo, e que a da arte é ante todo un campo relacional. Non podemos esperar a que apareza na galería un comisario internacional que sitúe a un dos nosos artistas nesta ou aquela bienal. O das galerías é un terreo con moito diñeiro, glamour (e ego), pero que só se sostén en base ao traballo e ao esforzo.

O único remedio para que a arte producida en Galicia (ou en calquera lado) sexa máis coñecida no exterior é o esforzo persoal.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Non creo que existan liñas ou tendencias. Tendencias existen se falamos en termos de mercado. Primeiro foi América Latina e agora China ou India, pero o mundo da arte é tan amplo e diverso que hai cabida para todo. Cada un escolle a liña na que quere traballar e moverse e en consecuencia farao en determinados centros ou con determinados coleccionistas. Non podes pretender ser un pintor figurativo e expoñer no ZKM de Karlsruhe. Hai demanda, centros, revistas, coleccionistas e galeristas para todo tipo de tendencia. Como digo, as que debuxan o panorama creativo presente son as que en determinado momento maior éxito comercial teñen. E se nos fixamos un pouco, buscamos detalles e investigamos, vemos que esas tendencias non veñen da nada, son imposicións marcadas por persoas concretas. E iso sempre será así.

Alberto González-Alegre

Alberto González-Alegre (Vigo, 1957) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no Departamento de Arte do Museo de Castrelos. Na súa traxectoria sobresae a actividade como crítico de arte e comisario independente. Colaborou con numerosos xornais e revistas, ademais de analizar a obra de artistas en diferentes catálogos individuais (Leopoldo Nóvoa, Antón Goyanes, Din Matamoro, Berta Cáccamo, Pamen Pereira, Tono Carbajo ou Salvador Cidrás) ou colectivos como “Trazos e camiños” (1993) ou “Sen Xeración” (2006). Comisario de diversas exposicións, destacando entre outras a mostra de Lodeiro (co-comisariada xunto a Román Pereiro no CGAC) e as realizadas dentro da Bienal de Pontevedra: “Áreas de silencio” (1994), “Os paseos de Euclides” (1996) ou “Fisuras na percepción” (1998). En 1997 obtivo, en concurso público, o posto de director da Fundación Luís Seoane da Coruña, cargo que ocupou até 2004 e durante o cal desenvolveu e apoiou proxectos de grande importancia. Recentemente vén de comisariar no CGAC a mostra “Portas de luz. Unha achega ás artes e á cultura na Galicia dos 70”.

1. Na túa traxectoria profesional sobresae de forma especial a dirección da Fundación Luís Seoane. Cal pensas que debe ser a función e papel dos espazos ou centros de arte?

Como todas, e cando menos, a pregunta desdobrase de xeito natural: a) a función dos centros…, e b) a función dos axentes directivos deses centros. Non é por enleala. É que as cousas son así. A función dos centros ou espazos ou museos de arte contemporánea é a de se converter en espazos de sempre por sempre, a de loitar institucionalmente (no social e no estrutural político) porque o seu nome defina un lugar da cidade, porque haxa unha parada de bus que diga: CGAC, ou MARCO, ou Fundación Seoane, quer dicir, por sinalar con valentía social que neses lugares dan de comer a todos outra cousa ben diferente da que dan nos bares chic e tamén nas tabernas etnográficas, por non dicir en teletrés, telecatro, telecinco…; a función resulta nitidamente institucional, de moi longo percorrido. Deliñar ese campo de partida corresponde aos poderes superestruturais, sexan gobernos ou padroados. Activar ese campo para facelo efectivo e achegalo á sociedade xa é cousa de dirección. Normalmente se achacan os fracasos dos centros a erros de programación cando na totalidade dos casos o problema está na base mesma: nunha máis ou menos profunda desconexión estrutural que desemboca en desconexións en cadea para chegar a un final no que, acriticamente, todo estala.

2. Desde o teu amplo itinerario profesional como crítico e comisario independente desenvolvido en Galicia, como definirías o presente da arte galega? Atendendo aos seus axentes, artistas, e infraestruturas ou medios.

Efectivamente, o meu itinerario profesional é amplo dabondo, e teño presenciado de todo, absolutamente de todo. Se fixese un ollar retrospectivo non me quedaría outra que dicir que nunca na vida de Deus houbo unha situación xeral para a arte galega como a que hoxe vivimos. Infraestruturas para dar e para tomar, xente nova preparada e ben preparada como nunca se soñara, orzamentos que non soportan a comparación con outros de España pero que, por suposto que con excepcións clamorosas de case inanición como o da Fundación Luís Seoane, dan para bastante. Só en canto á actividade galerística e medios de comunicación (de acordo, non é pouco nin pouco grave) estamos na miseria, ou na prehistoria. Entón, sendo así a situación xeral, por que existe un desánimo grave na produción artística e como se explica que os traballos documentais de denuncia social e histórica (por tanto retrospectivos) teñan copado o panorama e que as novas tecnoloxías sexan utilizadas esteticamente como si se tratase de cine en branco e negro? Logo volverei algo sobre isto, e así non me afasto do que ti cuestionas, ese como ves o presente? Pois véxoo metido nunha espiral diabólica na que a pretensión mesma de querermos ser aceptados no banquete español vense contra nós de mil maneiras e de xeito reiterado. Tamén digo que sobran egos e falta socialización, que sobran egos e falta costume crítico limpo, e que, con todo, aínda e por sorte non se logrou paralizar a todo un mundo de artistas desprexuizad@s e list@s que son os que máis alegrías nos dan.

3. Que baleiros atopas e mellorarías nesta realidade?

O baleiro maior chámase “visión de conxunto”. En lugar de xornadas de debate aparente eu convidaría, e o farei cando sexa conselleiro na outra vida, a unha estupenda viaxe en globo para que ollasen todos ese fenómeno de desconexión comprensiva, trufado de listura puagg!, e comprobasen de que maneira desas miserias e racanarías intelectuais xorden, agroman e se fan fortes as bobadas paralizantes de hogano. Mais, posto agora na resposta concreta, digo, por exemplo, que baleiros son: que a Facultade de Belas Artes non estea sentindo que arranca un segundo momento importantísimo para ela e para o seu alumnado, que xa toca elaborar proxectos non de I + D senón só de I, I de Intelixencia, que xa os artistas novos lles darán sentido e algúns haberá que nos impacten. E, mágoa dá ter que lembralo, dáse un baleiro brutal na educación secundaria a respecto da arte. Ben ollado, o tratamento educativo que se lle dá á arte resulta significativamente semellante ao que se lle dá ao SIDA, á reciclaxe de cartóns, e a que debemos cruzar cando o semáforo se poña verde. Se as ecuacións de segundo grao están no seu lugar, por que nin Bernini nin Seoane están no seu? Por esta vía lexitimamente incomprensíbel nin haberá Góngora nin se chegará a Borges, Curros Enríquez será cousa dos de Celanova e Pondal non será nada nin para os de Ponteceso. A que resulta duro?

4. Pensando nunha conexión co resto do estado, que suxestións ofrecerías para potenciar a proxección e promoción da creación galega?

Aquí toca ser ou manterse sobrados de esquizofrenia. Madrid debe ser unha ponte básica para a presenza/proxección/existencia da creación cultural galega que pretenda un alcance potente. Desde a rabia que me produce o retroceso político en Galicia, non me queda outra que manifestar o meu desdén polos [inserir aquí o seu insulto cordial] que nalgún momento decidiron que non pagaba a pena facer mudanza respecto do modelo clásico da chamada Casa de Galicia. Ben, pois apenas a trinta metros das portas marabillosas do Museo del Prado, apenas a nada dunha das mellores esculturas públicas e de arte aplicada que haxa no mundo, como son as portas de Cristina Iglesias, dispomos os galegos dunha extraordinaria arquitectura que xa é nosa, sen hipotecas nin alugueiros. Entón veñen uns e deciden que a Casa de Galicia está fóra do percorrido. Fóra do percorrido un inmoble que está a cen metros do Prado, a trescentos do Museo Thyssen, a catrocentos do novo Caixafórum, a cincocentos do Reina Sofía! Caian sobre eles, indocumentados, mil raios. Ars longa, eles breves.

Queda un mundo por facer. O comentado non deixa de ser unha sintomática pequenez. O importante pasa por intervir desde a Consellería de Cultura e desde Presidencia naquilo que nunca falla: a educación e formación fóra das nosas fronteiras. Compre facelo tanto partindo de estruturas xa existentes, públicas e privadas (intervención xa), canto promovendo a creación doutras novas que miren ao ámbito europeo como espazo formativo e de interrelación. Para soster ese novo tramado, e mentres os parlamentarios non o esixen como debesen, que tal se vamos mandando ao lixo todas as teorías liberalistas sobre unha hipotética naturalidade da vida artística que, non nos enganemos, só procuran lexitimar un status quo monárquico e condal?

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Aquí non queda outra que sermos sintéticos: a) estase a asimilar ben a comprensión de que a arte constitúe unha aventura de longa duración, co que tal cousa comporta de maior longura proxectual na maneira de abordar a creación; b) dáse un certo infantilismo fértil dada a, diríamos, proxección histórica, que moitos artistas queren introducir nas súas obras; c) a idea de “eficacia plástica” tanto pode matar, se resulta tomada como un novo Burberrys (Victoria Diehl), como pode engrandecer e multiplicar o sentido da obra (Xoán Anleo). Tamén isto é propio de ciclos históricos turbulentos; d) Sáeme en d pero tiña que estar en a. A presenza olímpica da arquitectura nas artes plásticas. Estase a dar unha dominante espacial/arquitectónica que favorece a mestura de técnicas e procedementos por unha banda, e, por outra, desdramatiza as unicidades da pintura en si, da escultura en si, etc. É moito máis complexo e de maiores aperturas que a simple (vale, non sempre tan simple) redución que fai a estética relacional, sendo esta non pouco determinante no que atinxe a normalizar o panorama teórico; e) foise co vento o take the money and run. Agora o que popularmente se di mileurismo está convertido en desexo. Desta situación de precariedade non cabe agardar máis que boas noticias, sempre e cando @s artistas comprendan na lea na que se meteron (que tomen exemplo de Mónica Alonso, digo eu); f) Por “claves da arte actual” NUNCA se deberan tomar aquelas que proceden dunha lectura, sexa sólida ou vertixinosa, de ARCO, de Frieze ou do can que lle ladre a María Corral & Co nun momento dado. É que isto do momento dado, canto rollo de fascinatio dineraria esconde!