Alberto González-Alegre
Alberto González-Alegre (Vigo, 1957) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no Departamento de Arte do Museo de Castrelos. Na súa traxectoria sobresae a actividade como crítico de arte e comisario independente. Colaborou con numerosos xornais e revistas, ademais de analizar a obra de artistas en diferentes catálogos individuais (Leopoldo Nóvoa, Antón Goyanes, Din Matamoro, Berta Cáccamo, Pamen Pereira, Tono Carbajo ou Salvador Cidrás) ou colectivos como “Trazos e camiños” (1993) ou “Sen Xeración” (2006). Comisario de diversas exposicións, destacando entre outras a mostra de Lodeiro (co-comisariada xunto a Román Pereiro no CGAC) e as realizadas dentro da Bienal de Pontevedra: “Áreas de silencio” (1994), “Os paseos de Euclides” (1996) ou “Fisuras na percepción” (1998). En 1997 obtivo, en concurso público, o posto de director da Fundación Luís Seoane da Coruña, cargo que ocupou até 2004 e durante o cal desenvolveu e apoiou proxectos de grande importancia. Recentemente vén de comisariar no CGAC a mostra “Portas de luz. Unha achega ás artes e á cultura na Galicia dos 70”.
1. Na túa traxectoria profesional sobresae de forma especial a dirección da Fundación Luís Seoane. Cal pensas que debe ser a función e papel dos espazos ou centros de arte?
Como todas, e cando menos, a pregunta desdobrase de xeito natural: a) a función dos centros…, e b) a función dos axentes directivos deses centros. Non é por enleala. É que as cousas son así. A función dos centros ou espazos ou museos de arte contemporánea é a de se converter en espazos de sempre por sempre, a de loitar institucionalmente (no social e no estrutural político) porque o seu nome defina un lugar da cidade, porque haxa unha parada de bus que diga: CGAC, ou MARCO, ou Fundación Seoane, quer dicir, por sinalar con valentía social que neses lugares dan de comer a todos outra cousa ben diferente da que dan nos bares chic e tamén nas tabernas etnográficas, por non dicir en teletrés, telecatro, telecinco…; a función resulta nitidamente institucional, de moi longo percorrido. Deliñar ese campo de partida corresponde aos poderes superestruturais, sexan gobernos ou padroados. Activar ese campo para facelo efectivo e achegalo á sociedade xa é cousa de dirección. Normalmente se achacan os fracasos dos centros a erros de programación cando na totalidade dos casos o problema está na base mesma: nunha máis ou menos profunda desconexión estrutural que desemboca en desconexións en cadea para chegar a un final no que, acriticamente, todo estala.
2. Desde o teu amplo itinerario profesional como crítico e comisario independente desenvolvido en Galicia, como definirías o presente da arte galega? Atendendo aos seus axentes, artistas, e infraestruturas ou medios.
Efectivamente, o meu itinerario profesional é amplo dabondo, e teño presenciado de todo, absolutamente de todo. Se fixese un ollar retrospectivo non me quedaría outra que dicir que nunca na vida de Deus houbo unha situación xeral para a arte galega como a que hoxe vivimos. Infraestruturas para dar e para tomar, xente nova preparada e ben preparada como nunca se soñara, orzamentos que non soportan a comparación con outros de España pero que, por suposto que con excepcións clamorosas de case inanición como o da Fundación Luís Seoane, dan para bastante. Só en canto á actividade galerística e medios de comunicación (de acordo, non é pouco nin pouco grave) estamos na miseria, ou na prehistoria. Entón, sendo así a situación xeral, por que existe un desánimo grave na produción artística e como se explica que os traballos documentais de denuncia social e histórica (por tanto retrospectivos) teñan copado o panorama e que as novas tecnoloxías sexan utilizadas esteticamente como si se tratase de cine en branco e negro? Logo volverei algo sobre isto, e así non me afasto do que ti cuestionas, ese como ves o presente? Pois véxoo metido nunha espiral diabólica na que a pretensión mesma de querermos ser aceptados no banquete español vense contra nós de mil maneiras e de xeito reiterado. Tamén digo que sobran egos e falta socialización, que sobran egos e falta costume crítico limpo, e que, con todo, aínda e por sorte non se logrou paralizar a todo un mundo de artistas desprexuizad@s e list@s que son os que máis alegrías nos dan.
3. Que baleiros atopas e mellorarías nesta realidade?
O baleiro maior chámase “visión de conxunto”. En lugar de xornadas de debate aparente eu convidaría, e o farei cando sexa conselleiro na outra vida, a unha estupenda viaxe en globo para que ollasen todos ese fenómeno de desconexión comprensiva, trufado de listura puagg!, e comprobasen de que maneira desas miserias e racanarías intelectuais xorden, agroman e se fan fortes as bobadas paralizantes de hogano. Mais, posto agora na resposta concreta, digo, por exemplo, que baleiros son: que a Facultade de Belas Artes non estea sentindo que arranca un segundo momento importantísimo para ela e para o seu alumnado, que xa toca elaborar proxectos non de I + D senón só de I, I de Intelixencia, que xa os artistas novos lles darán sentido e algúns haberá que nos impacten. E, mágoa dá ter que lembralo, dáse un baleiro brutal na educación secundaria a respecto da arte. Ben ollado, o tratamento educativo que se lle dá á arte resulta significativamente semellante ao que se lle dá ao SIDA, á reciclaxe de cartóns, e a que debemos cruzar cando o semáforo se poña verde. Se as ecuacións de segundo grao están no seu lugar, por que nin Bernini nin Seoane están no seu? Por esta vía lexitimamente incomprensíbel nin haberá Góngora nin se chegará a Borges, Curros Enríquez será cousa dos de Celanova e Pondal non será nada nin para os de Ponteceso. A que resulta duro?
4. Pensando nunha conexión co resto do estado, que suxestións ofrecerías para potenciar a proxección e promoción da creación galega?
Aquí toca ser ou manterse sobrados de esquizofrenia. Madrid debe ser unha ponte básica para a presenza/proxección/existencia da creación cultural galega que pretenda un alcance potente. Desde a rabia que me produce o retroceso político en Galicia, non me queda outra que manifestar o meu desdén polos [inserir aquí o seu insulto cordial] que nalgún momento decidiron que non pagaba a pena facer mudanza respecto do modelo clásico da chamada Casa de Galicia. Ben, pois apenas a trinta metros das portas marabillosas do Museo del Prado, apenas a nada dunha das mellores esculturas públicas e de arte aplicada que haxa no mundo, como son as portas de Cristina Iglesias, dispomos os galegos dunha extraordinaria arquitectura que xa é nosa, sen hipotecas nin alugueiros. Entón veñen uns e deciden que a Casa de Galicia está fóra do percorrido. Fóra do percorrido un inmoble que está a cen metros do Prado, a trescentos do Museo Thyssen, a catrocentos do novo Caixafórum, a cincocentos do Reina Sofía! Caian sobre eles, indocumentados, mil raios. Ars longa, eles breves.
Queda un mundo por facer. O comentado non deixa de ser unha sintomática pequenez. O importante pasa por intervir desde a Consellería de Cultura e desde Presidencia naquilo que nunca falla: a educación e formación fóra das nosas fronteiras. Compre facelo tanto partindo de estruturas xa existentes, públicas e privadas (intervención xa), canto promovendo a creación doutras novas que miren ao ámbito europeo como espazo formativo e de interrelación. Para soster ese novo tramado, e mentres os parlamentarios non o esixen como debesen, que tal se vamos mandando ao lixo todas as teorías liberalistas sobre unha hipotética naturalidade da vida artística que, non nos enganemos, só procuran lexitimar un status quo monárquico e condal?
5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?
Aquí non queda outra que sermos sintéticos: a) estase a asimilar ben a comprensión de que a arte constitúe unha aventura de longa duración, co que tal cousa comporta de maior longura proxectual na maneira de abordar a creación; b) dáse un certo infantilismo fértil dada a, diríamos, proxección histórica, que moitos artistas queren introducir nas súas obras; c) a idea de “eficacia plástica” tanto pode matar, se resulta tomada como un novo Burberrys (Victoria Diehl), como pode engrandecer e multiplicar o sentido da obra (Xoán Anleo). Tamén isto é propio de ciclos históricos turbulentos; d) Sáeme en d pero tiña que estar en a. A presenza olímpica da arquitectura nas artes plásticas. Estase a dar unha dominante espacial/arquitectónica que favorece a mestura de técnicas e procedementos por unha banda, e, por outra, desdramatiza as unicidades da pintura en si, da escultura en si, etc. É moito máis complexo e de maiores aperturas que a simple (vale, non sempre tan simple) redución que fai a estética relacional, sendo esta non pouco determinante no que atinxe a normalizar o panorama teórico; e) foise co vento o take the money and run. Agora o que popularmente se di mileurismo está convertido en desexo. Desta situación de precariedade non cabe agardar máis que boas noticias, sempre e cando @s artistas comprendan na lea na que se meteron (que tomen exemplo de Mónica Alonso, digo eu); f) Por “claves da arte actual” NUNCA se deberan tomar aquelas que proceden dunha lectura, sexa sólida ou vertixinosa, de ARCO, de Frieze ou do can que lle ladre a María Corral & Co nun momento dado. É que isto do momento dado, canto rollo de fascinatio dineraria esconde!
