eu fixen esa foto
foi en sol 63

podo voltar
a vista atrás pero non
a alma

o meu sino é
andar este deserto
até o final
das miñas forzas

ían daquela xa 63 soles

os soles aquí son
longos
sol
diminutos
e non quecen

soles longos
e diminutos
no horizonte ermo

porén
deséxoos ou acaso só
necesítoos

por iso cada alborada
de estraño
roibén
conforta
tranquiliza

foi escrito para min
un destino grandioso
nestas rochas
pequenas

nos detalles máis
íntimos

nos trazos
do tempo

pero despois de
sesenta e
tres
soles

voltei a vista
atrás
por primeira vez

segundo as previsións
restábanme só
vinte e tantos

a nostalxia habita
un tempo ou lugar
que xa non son

e a tímida esperanza
de que retornen

logo virei os meus
ollos cara o azul
tirei
esa fotografía
coa certeza
do efémero

hoxe é sol
1610
e sigo vivo

dende aquela
volvín mirar
moitas veces atrás

no planeta azul
pasaron máis de
catro anos
e aínda
estou
aquí
non sinto nostalxia

son feliz coas miñas
rochas neste
inverno vermello

miro atrás
tiro outras
fotografías

e volto ao traballo

estas
miñas
pequenas pedras