FEVE
c érguese
do tallo e mira
pola fiestra
o camiño até a vella
estación
está inzado de herba
só un carreiro
de pé
segue limpo
c percórreo
cada tarde e
como penélope
senta e agarda
polo comboio inexistente
aínda eran
tempos bos
pero os vellos xa vían
no horizonte
chegar o temporal
cando g marchou
foi procurar
a vida nalgures
non deixou señas e
nunca na vila
volveu saberse
o edificio está
en silencio
hai anos que o tren
xa non pasa por aí
c senta nun
banco de pedra
e escrebe na súa
memoria
o deseño das vías
entre os ferros medran
herbas e lembranzas
a imaxe de g
dos vagóns
deténdose na plataforma
o son ledo e
escuro
dos obreiros da mina
bate nas
paredes despintadas
nos vidros que miran
no escuro
cando comeza a caer
a tarde
c dá unha última
ollada ao
lonxe
como querendo
asegurarse
de que hoxe
tampouco non
chegará
e regresa á
casa
pecha tras de si
a porta
e corre as cortinas
o mundo
fóra
non sabe da súa
soidade
* a imaxe é de rahego (raúl hernández gonázlez) e está publicada en flickr baixo licencia creative commons.






