crédito subprime
tiña un diñeiro
aforrado
gardábao
nunha vella
caixa de buxo
nun recanto secreto
do seu
cuarto
levaba tempo
sumando cada mes
unha parte da
exigua asistencia social
os fillos marcharan
á cidade
e só se deixaban caer
pola casa
fechada escura húmida
os días de festa
e pouco máis
tiñan a vida feita
non lles faltaba
de comer
(nin aos netos)
mais laiábanse decote
de moito traballo e
preocupacións
un día o corazón
deulle un susto
veu unha uci
móbil
e tivo que pasar
varios días
na residencia aló
na capital
era abril porén
nevaba detrás
das venecianas da
habitación
de volta á casa
foi comprobar
sen demora
que a caixa co diñeiro
seguía intacta no seu
agocho
o domingo
á saída da misa
agardou polo
cura
no adro
e mercoulle
sen crédito nin
hipoteca
un nicho preto
do seu home

no camiño
de regreso
os pés íanlle
lixeiros
a alma
leve
* a fotografa fíxoa sabelinha no cemiterio de couto de esteves en portugal.


