Telde
seu home juan brito
cinco fillos e seis
meses de embarazo
carregaba antonia
herrera nas
costas doridas
de telde ás palmas
fixeron o camiño a pé
baixo o sol
áspero
de agosto
o tempo
medíase
aínda
en longos suspiros
poucos máis
tarde
atravesaban o océano
eles sete e
mil e tantos
homes e mulleres
con destino
á terra prometida

de telde
viaxan
outros quince
homes
os irmáns juan
josé e antonio valido santos
aos que coñecían só
de cruzarse na igrexa
juan martín suárez
e juan florido herrera
ferreiros os dous
juan josé varona
e seu irmán manuel
de antonia e
seu home
parentes afastados
juan ramón lópez
e francisco
do mesmo apelido
tamén jerónimo suárez
lorenzo santana
juan ramos
federico mireles
e miguel suárez guerra
a teresa santos
agardábaa seu home
en cuba
e a súa irmá josefa
que viaxaba soa
porque era viúva e sen
fillos
nos menos de
quince días de
travesía
perdeu antonia
o fillo que agardaba
en santiago
de cuba ían desembarcar
corenta e catro
e quedaron
máis de setecentos
o destino ou
o azar
ou o cansazo da maré
trazaron para eles
outra singradura
antonia
seu home
cinco fillos e unha
pena
continuaron á habana
catro días máis
tarde
cando xa albiscaban
entre o trebón as luces
do porto
embarrancou o navío
e afundiu sen deixar
supervivintes
nos días que seguiron
o mar devolveu
os corpos á praia
pero a dor de antonia
levouna lonxe
e nunca máis se soubo
dela


