Archive for Marzo, 2009

catálise

algunhas portas
da memoria

un billete de autobús
amarelecido entre as páxinas
dun libro

unha tarxeta postal

un verso
suliñado

o nome dun
prato no menú

o seu sabor

un pequeno papel
cun número de teléfono

a tarxeta dun
hotel

unha rúa neboenta
nun soño

a nota dun
aparcadoiro
(a máquina preguntou
e contestaches que si
sen pensalo)

a imaxe dun parque
no documental dunha
cidade visitada

o recendo
que deita alguén
na rúa ao paso

fiestras
da memoria

Eleccións municipais en Mazaricos

chegou tarde
á xunta local

a roxa puxérase
mala
no último momento

laiábase dun xeito
estraño

ficou con ela
até que rematou
o parto

e foi despois

a discusión levaba
xa un bo anaco
porque ninguén quería
ir de primeiro

cando viron que entraba
pola porta
a algúns iluminóuselles
a ollada

non custou moito
convencelo

no fondo non
quería
pero tantas veces fóra
nas listas

e agora que o vello
x decidira
pasar a retiro

eleccións municipais en mazaricos

nun visto e non
visto
estaban asinados
os preceptivos documentos

percorreu andando
devagariño
o camiño de volta

antes de nada
foi botar un ollo
ás cortes

o xato novo ergueu
a cabeza
ao sentir o ruído

mirouno en fite

a roxa
nin se inmutou

despois entrou
na casa

non acendeu
a luz

subiu as escadas
vestiu o pixama
e sen facer
ningún ruído
para non espertar
a muller
quitou a pucha
e meteuse na cama

Eleuterio, Papa

de grega cidade
de fundación imperial
chegou eleuther a roma
en tempos de aniceto

diácono foi del
e mais de soter
a quen sucedería no
pontificado

nas mans das hordas
impías de marco aurelio
viu morrer moitos
fieis

a lenda recorda
entre eles a cecilia
protexida polo anxo
a quen nin mesmo
o verdugo
puido decapitar
tras días de tormento

traición de tradutor
fíxoa padroa da música
e o poeta
cantoulle un himno
á beleza sensíbel que une
o terrenal co infinito

o poeta
que sabe que a súa
alma
procurará o corpo
dun cisne
para perderse na néboa

eleuther sobreviviuna
e a outros
e a marco aurelio

e os tempos máis
felices
do reinado do seu
fillo commodus
permitíronlle ocuparse
dos asuntos de deus
e da correcta
administración
do poder que del
emana

din
mais non hai
constancia certa
que morreu mártir

así aparece nun fresco
de giovanni pozzo
nunha capela da
igrexa de santa susana
en roma

camilla
irmá do papa sixto
quen amou devotamente
a súa memoria
construíu o monumento
e fixo trasladar alí
os seus restos

o arquitecto maderno
carlo

deseñou o
pórtico neoclásico
deste templo

o escultor maderno
stefano
reproduciu
en mármore dramático
o corpo da santa mártir
atopado incorrupto
despois de máis
de mil anos

cecilia por maderno

Villard de Honnecourt

acompañado da súa
caixa de ferramentas
percorreu franza
e hungría

coa precisión
de quen deseña no
granito
trazou na súa libreta
a arquitectura dos
antigos

carnet_arquitectura.gif

a lucidez
da xeometría

villard de honnecourt

transcribiu aves
e feras

carnet_aves.gif

guiou liñas
na procura da perfección
do corpo humano

carnet_corpohumano.gif

deseñou
máquinas da guerra

carnet_belica.gif

e artiluxios para a
construción

fermosas bestas

carnet_fantasticos.jpg

e monstros fantásticos

carnet_fantasticos.jpg

en escasos
catorce vintedous
centímetros
de papel
amarelecido
procurou a ciencia
e a quimera do
movemento perpetuo

carnet_movperpetuo.gif

minucioso e
anárquico

fotografou
cunha pluma
o seu mundo