Eleuterio, Papa
de grega cidade
de fundación imperial
chegou eleuther a roma
en tempos de aniceto
diácono foi del
e mais de soter
a quen sucedería no
pontificado
nas mans das hordas
impías de marco aurelio
viu morrer moitos
fieis
a lenda recorda
entre eles a cecilia
protexida polo anxo
a quen nin mesmo
o verdugo
puido decapitar
tras días de tormento
traición de tradutor
fíxoa padroa da música
e o poeta
cantoulle un himno
á beleza sensíbel que une
o terrenal co infinito
o poeta
que sabe que a súa
alma
procurará o corpo
dun cisne
para perderse na néboa
eleuther sobreviviuna
e a outros
e a marco aurelio
e os tempos máis
felices
do reinado do seu
fillo commodus
permitíronlle ocuparse
dos asuntos de deus
e da correcta
administración
do poder que del
emana
din
mais non hai
constancia certa
que morreu mártir
así aparece nun fresco
de giovanni pozzo
nunha capela da
igrexa de santa susana
en roma
camilla
irmá do papa sixto
quen amou devotamente
a súa memoria
construíu o monumento
e fixo trasladar alí
os seus restos
o arquitecto maderno
carlo
deseñou o
pórtico neoclásico
deste templo
o escultor maderno
stefano reproduciu
en mármore dramático
o corpo da santa mártir
atopado incorrupto
despois de máis
de mil anos



