chegou tarde
á xunta local

a roxa puxérase
mala
no último momento

laiábase dun xeito
estraño

ficou con ela
até que rematou
o parto

e foi despois

a discusión levaba
xa un bo anaco
porque ninguén quería
ir de primeiro

cando viron que entraba
pola porta
a algúns iluminóuselles
a ollada

non custou moito
convencelo

no fondo non
quería
pero tantas veces fóra
nas listas

e agora que o vello
x decidira
pasar a retiro

eleccións municipais en mazaricos

nun visto e non
visto
estaban asinados
os preceptivos documentos

percorreu andando
devagariño
o camiño de volta

antes de nada
foi botar un ollo
ás cortes

o xato novo ergueu
a cabeza
ao sentir o ruído

mirouno en fite

a roxa
nin se inmutou

despois entrou
na casa

non acendeu
a luz

subiu as escadas
vestiu o pixama
e sen facer
ningún ruído
para non espertar
a muller
quitou a pucha
e meteuse na cama